off
Língua, Normalización lingüística, Obituário, Xente — 28 Decembro, 2015 at 1:29 p.m.

Morreu Sabela Labraña, filóloga e coordinadora do proxecto “Galauda” no ensino da lingua e cultura galegas en Catalunya

by

sabelalabrañaSabela Labraña, cedeiresa mestra de filoloxía galega da Universitat de Barcelona, que  faleceu este domingo na capital catalá, estaba considerada unha das maiores representantes académicas da diáspora galega en Catalunya. 

Se falar de outra sempre é tarefa dificil, o reto é maior cando a biografia da persoa acada o corpo e a fasquía dos imprescindibles. Como case sempre é a irrupción da morte que vén acelerar as cousas e interrumpir moitas outras. O pasado 20 de outubro escribíanos coa xolda que a caracterizaba:”Non pensedes que esquecín o meu compromiso con Ollaparo. O que acontece é que no verán, ao final, non escribín nada e agora estoulle axudando un pouco coa tese a Malores Villanueva, que a presenta xa, en novembro”. 

Malia levar moitos anos en Barcelona interesabase polo que ia acontecendo na súa vila. Sabela viña sendo dos Labraña, unha familia respectada e querida en Cedeira polo seu apego e sensibilidade coa galeguidade e as súas manifestacións culturais, nomeadamente a música e o teatro (o seu irmán máis novo é o dramaturgo Carlos Labraña, un outro, Antom, unha das firmas do Ollaparo).

Ao cabo, a forma en que as persoas resisten o paso dun mundo a outro é na fidelidade ás palabras.O paso imprevisto da morte fainos seres extraños, extrañados, sempre do outro. Pola contra, imos ás palabras significa adquirir a función de outro, invadirmos o espacio do outro. A súa morte produciuse nun panorama sociolinguístico pouco esperanzador, porén, tiña Sabela a capacidade de transmitir a visión dunha idealista que non se resignaba, mantendo unha grande esperanza de futuro para a lingua galega, tirando das combinacións, a interconexión e os fundamentos científicos e tecnolóxicos de que dispoñen as linguas minorizadas para poder avanzar. Dicíanos hai dous anos nunha palestra que fora dar ao Ateneu Galego de Girona que ainda que quedaba pouco por inventar había ainda moito por reinventar. Reinventarse como perfeccionamento metódico mas tamén e, sobretodo, como reinvención persoal. Mas non de calquera xeito -pretendendo ser de súpeto o que nunca se foi, a risco de fracasar absolutamente. Xa que  tornámonos no que non somos como punto de partida o resultado da reinvención pode ser unha caricatura. Reinventar-nos  é un chamado permanente a coñecermos o que somos e o que fomos. As historias de vida e a transmisión interxeracional.  A reorientarnos na complexidade pondo o acento nas relacións de parella e o papel da muller nesa transmisión. “Se aos nosos nenos non lles falamos galego é quitarlles oportunidades para o futuro porque van ter que competir nun mundo multicultural onde o capital lingüístico vai estar formado por un máximo de linguas que eles poidan saber e onde se poidan manexar” afirmaba  nun acto do 17 de maio de 2009 en Barcelona.

 

 A súa entrega na defensa da lingua e cultura galegas levouna a investigar sobre a lingua e a percepción da identidade das catalás de orixe galega e a coordinar o proxecto “Galauda: ensino da lingua e cultura galegas na secundaria catalá”, producto do cal coordinara o libro “Vencello. Lingua e cultura galegas para estudiantes de fóra de Galiza”.Un proxecto pioneiro de aprendizado do galego nos institutos de secundaria de Catalunya que, entre outros proxectos de ámbito académico, fixeran de Sabela Labraña un referente. Nela reflectírase a conexión entre Catalunya e Galiza, ignorada durante moito tempo, e hoxe ainda ignorada agás nesa minoría de voces na que soergue a conciencia nacional galega.

Porén, Sabela soubo camiñar esas dúas realidades através do ensino da lingua de noso traballando o camiño para os máis intrépidos, aqueles estudantes que se resisten a deixar morrer linguas. Contra os túzaros que se manifestan sen rubor a favor da desaparición de linguas erguíase a súa voz  incisiva e ao tempo conciliadora escorrendo aqueles que pensan que a linguaxe só ten a función de comunicarnos e que non ten mais sentido  un idioma no mundo. Pola contra, a súa era a fasquía vital e académica  de quen  na morte dunha lingua enxerga a morte da cultura, dun xeito de vida, dun modo de perceber e entender o mundo.  

Mestra de galego fora de Galiza, exerceu un dos oficios  máis fermosos e meritorios en tempos de  incerteza para o futuro da lingua galega. Sabela deixa a pegada dos bos e xenerosos.

 

2 Comments

  1. pilar sentelles prats

    Fuistes un “agasallo” para los que te conocimos

  2. Antón Pérez Paedes

    Sabela canto te queríamos, fuches a muller máis alegre que coñecín e a máis comprometida coa língua galega, aprendicheme a amar Galiza como antes endexamais sentira. Grazas porque tamén lle enseñache os meus fillos a perfeccionar o galego que na miña casa escoitaban, convertindose o galego polo estusiasmo que vian en ti.
    Sempre te recondaremos con verdadiro fervor.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off