off

Os Equipos de Normalización rexeitan o Premio da Cultura Galega

por

Culpan a Xunta dunha “falsa retórica” e non acudirán ao acto de entrega dos Premios da Cultura Galega correspondentes ao ano en curso celébrase este luns pola tarde no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura


Malia expresar a súa gratitude ao xurado o Consello Directivo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL)  dí considerar “unha incongruencia aceptalo de mans dun Goberno que actuou, por obra ou omisión, en contra de todos os principios que defendemos a favor dunha normalización efectiva da lingua galega”.

No comunicado emitido onte a CGENDL afirma que “xulgamos lexítimo non aceptar ningún premio que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato”.

“Noutras palabras: non podemos nin queremos ser incoherentes, aceptando un galardón que nos entrega un Goberno que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos”.

“non iremos recoller este premio, pois non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena. As nosas fillas e fillos, que desexamos plurilingües, teñen dereito a escoitar máis galego dentro e fóra das aulas, para non condenalos á ignorancia de non saber de onde son nin de onde veñen. Porque non hai progreso sen memoria nin liberdade sen conciencia da propia identidade”

“Porque, máis aló das boas palabras e da falsa retórica da liberdade lingüística -engádese-, comprobamos como este Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo foi o primeiro que lexislou para limitar o uso do galego nas materias tecnolóxicas e científicas en educación”.

“Foi tamén -prosegue a CGENDL- aquel que suprimiu as liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil, ou o mesmo que delegou a responsabilidade de ‘escoller’ o idioma de escolarización nas nais e pais, ignorando os desequilibrios históricos entre unha lingua de ámbito estatal e outra minorizada”.

A Coordinadora responsabiliza ao Executivo presidido por Feijóo de ser “un Goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que invitan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia”.

O comunicado do Consello Directivo da CGENDL remata dicindo “desde a nosa modesta independencia, seguiremos á beira dos que sementan futuro a favor dunha lingua que desexamos tan normal como calquera outra”.

Tags

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: