off
Cedeira, Editorial, Eleccions 20-D 2015, Politica espanhola, Política local — 22 Decembro, 2015 at 11:20 a.m.

Da Cedeira podemita ao Congreso dos Deputados

by

“Há quem tenha medo que o medo acabe”

Mia Couto

Cedeira é modelo de política inserida nas directrices da política madrileña que enxerga como máis poderosa (o imaxinario político é máis decisivo do que os principios e a proximidade da acción soberana). Concordemos desde as proximidades vilegas que o “pobo” é telón de fondo pasivo do proceso político. Nada novo, a maioría sempre é pasiva. A mesma que rixe a política autonómica dende a súa orixe franquista.

Os 180 votos de NÓS Candidatura Galega  que tanto desasosegan ao máis intrépido dos lectores reflicten, mais unha vez a mesma inercia inducida e conducida polos medios madrileños e non, madialeva, continuidade co posibel exemplo de acción colaborativa (“unionista”  avant la lettre) que se deu en Cedeira após as pasadas eleccións municipais. Porén, o que eses votos escenifican no contexto presente é positivo, como condición de liberación. En canto minoría, funcionan como unha especie de coñecemento prohibido que “arruina” o relativo  suceso electoral da franquicia galega de Podemos no seu intento de aceptar o proxecto político alicerzado por axentes políticos madrileños. Eses 180 operan como recordatorio, vén lembrarlles aos podemitas a distancia que separa ao “pobo” das formas organizadas. Ao cabo, responde ao mesmo padrón mental de ancoraxe estatalista e no que o municipalismo apenas serviu para dar conta de logros e de fracasos. Velaí o abrollo podemita cedeirense como exemplo de que é máis doado facer algo da nada do que xa existe, ainda que sexa valioso e acaído para a as necesidades de noso. Un síntoma do fráxil que é a conciencia nacional galega e o inserida que está a mentalidade de colonizado cando ten máis peso o mainstream televisivo que  axir co exemplo de ensarillar cortizas pequenas para formar volanta.

Como se convirte un galego  de nacencia en suxeito galego de cidadanía? Renunciando ás faragullas que lle oferece o discurso que lle ofrecen os axentes políticos para recoñecerse nel a costa de aumentar a dependencia do protector escudo central-estatal-patriarcal, desde o esquecemento do que é, procurando alén da vista un novo amo que o guíe.

Testa anatomica. Filippo Balbi, 1854.
Testa anatomica. Filippo Balbi, 1854.

Após unha crise que fixo estragos nas camadas máis vulnerables da sociedade, a cidadanía toda foi expresando o seu incomodo a través de mobilizacións na rúa e accións de autoprotección que derivaron nun voto  dunha moderación que  veu deixar ben contenta á xente de orde. Os chamados “emerxentes” homologáronse a fume de carozo desde o momento que o rexime fitou neles a súa condición de disolventes do soberanismo catalán, basco e galego. Os procesos de homologación de Ciudadanos e de acelerada normalización de Podemos é proporcional ao discurso do medo que foi calando na cidadanía. Malia os efectos beneficiosos de visualizarse unha tímida sustitución do autoritarismo duopólico por unha política do multiculturismo – hai que dicilo- no que ten de mínimo respecto e  recoñecemento do outro. A expectativa e gaño recebido por  Ciudadanos foron argalladas e creadas na televisión logo do lanzamento arranxado polo grupo Prisa. Entre Podemos e as súas franquicias e o artefacto Ciudadanos media unha mesma lóxica da que o maior beneficiado foi o partido de Pablo Iglesias.

Nese trasfondo, para voltarmos á política local, non foi por acaso que os seus voceiros cedeireses pasaran de Anova a Podemos en menos dun ano sen acreditaren antes nin despois máis brega política e social que os comunicados de imprensa (oposición como posición publicada) e o oportunismo da grande onda carismática e non o da participación-deliberación e un achegamento (como tería sido o acaido para quen afirma ser “nova política” e alén do tacticismo e os egos) á minoría social que soergue a pedra de toque das urxencias sociais  e  do que resta da conciencia nacional de Galiza. Velaí que, entanto Anova acabou facendo parte do goberno cedeirense os excompañeiros opositan en La Voz como Podemos, amosando nulo caracter deliberativo asembleario-presencial e os piores acenos da “vella política”.

Con ese aval de certo infantilismo e de simplificación do discurso, ficou claro que ese non é o factor chave do seu suceso electoral na vila e terra de Cedeira, mas quen ten decretado mudanza desde Madrid con todos os medios ao seu dispor e os corifeos que asentiron sen análise nengunha dos focos de emanación dese poder proteico.  Un dos atributos dos yuppies da política é dicir máis do que saben e máis do que queren dicir verbo do estado da realidade social. O seu indiscreto anonimato permítelles ofrecer a súa mercadoría ideolóxica. Un dos seus alicerces é afirmar sen entrar en pormenores que o “modelo de partidos políticos “clásicos” é de seu “corrupto” e “obsoleto”. Lembremos cando o  “círculo” ou “triángulo” de Podemos de Cedeira arremeteu contra a subida nas asignacions para os partidos políticos recén constituido o goberno tripartito en Cedeira sen mais alternativa que a de espetar que todos os gatos son pardos. No entanto, a formación de Pablo Iglesias continua demostrando que non ten moitos escrúpulos en aceptar os convites dun poder multifacetado, un acelerado proceso de dixestión da realpolitik, das formas democráticas, que o levou en tempo record do “non nos representan” a ser o partido de moda do sistema partitocrático, de presentarse a candidato ao Parlamento Europeo para abandonalo ao pouco e presentarse como candidato ás Cortes españolas. Esa leira do estado tan ben pagada ao tempo que alonxada do ámbito local, a terceira división que seica non merece ser retribuida.

Podemos, opartido que se dí “novo” exerce a base de claudicacións: o económico-laboral, a OTAN e a forma de Estado.

Alén diso, o que atraeu a unha parte  das esquerdas nacionais de Catalunya, Euskadi e Galiza é tamén o seu límite xa que ese entendemento cos soberanistas modelará calquer pacto co PSOE para formar goberno. En Marea, malia superar os cinco deputados e do 15% dos votos por circunscrición que dita o regulamento, deu co paradoxo dunha normativa que tamén estabelece que non poden formar grupos diferentes deputados do mesmo partido, e “En Marea-Podemos” hai dous membros de Podemos. Mas o sistema eleitoral español xa o coñeciamos,non si?

A fasquía moral e intelectual da proposta de NÓS non serviu para captar á mudanza xeracional urbana e o marco mental proposto dende o Estado e na que o proxecto soberanista comparece coma chivo expiatorio. Un debalo que nos deita o panorama de 1982.

Entanto o PP gaña en toda parte agás en Andalucía, Catalunya, Extremadura e País Basco, Podemos eclipsa e minimiza o soberanismo nas nacións sen estado. A irrupción de Podemos en Galiza deixa a “Nós Candidatura Galega” sen as dúas deputadas do BNG. Unha desfeita sen paliativos do cerne da esquerda galega que pola súa contundencia obriga ao soberanismo de BNG a rectificarse pola via rápida e afondar na estratexia de NÓS. Máis unha vez fica claro que cómpre situarse na política de facer país desde abaixo, non necesariamente nas institucións, a única que pode facer medrar o soberanismo. Mesmo os que consideramos que o BNG desde a seu fundación foi o mellor elo político para  construir, vertebrar e defender os intereses sociais e nacionais Galicia canda os movimentos e organizacións sociais que lle deran alento como a CIG, o Sindicato Labrego, movementos culturais, ecoloxistas, mocidade,  etc, tamén levamos algúns lustros reclamando. Unha posibel lectura seria que se traballas para o 100 %, acábate votando menos do 4%.

Malia a aparente “crise orgánica”-para expresalo en termos gramscianos- e colapso que seica arrastramos desde 2008, non se deu un momento de concentración de antagonismos. Pola contra, viase se vir dende o intre en que Pablo Iglesias molduraba a retórica populista escenificando a división do espazo social en campos antagónicos e a súa concentración en unha só frente ( o “pobo” contra a “caste”) mas a través dunha mensaxe pluralista que  ensaiaba cadeas de equivalencias en Galiza, Catalunya e Euskadi. A escenificación de que o espazo social dividírase en dous campos antagónicos debería ter un corolario dunha contrucción unificada de equivalencias, porén está por ver cal das prioridades será quen de establecer o liderado sobre toda a cadea. Un xogo de linguaxe depredador que aniña no seu interior o seu límite. Talvez podamo exemplificalo co “significante vacío” de Laclau, quer dicer, en termos de quen foi quen de xunguir simbólicamente as aspiracións dun conxunto de suxeitos heteroxéneos. Porén, durante a campaña -e antes- houbo indicios de que o modelo hexemónico de política practicado por Pablo Iglesias operaba paseniño coma un mecanismo de despolitización (desmobilización). Porque virán dias en que nos tentarán convencer que a estabilidade é a mellor opción. Primeiro, o duopolio dinástico tentará formar goberno se ben o PSOE non é quen de diferenciarse do PP. Despois, os emerxentes que non dubidaron en impor a forma ao contido, a imaxe ao discurso e a ideoloxia, contribuiran a acadar altos graus de banalización política, que inclue un exceso de personalización dun debate político magro en ideas, abusivo no argumento falaz, evasivo na enxurrada de datos pouco rigurosos malia apresentarense como da “nova política” e ter como adánico referente ideolóxico a  Owen Jones.

Á vista dos resultados non parece que haxa sinais contundentes de que as prácticas oligárquicas da “caste” estén atravesando en todas partes unha crise, malia as profecías iglesianas,  ten evoluido cara un marco mental no que, se alguén ainda ten dúbidas, a categoría cognitiva  En Marea  defínese como Podemos en termos electorais españois. Que é como algúns líamos esa categorización política que xurdiu ao abeiro do movemento 15-M, o da crise económica e os recortes, a corrupción e o proceso catalán. Porén, ese ciclo ben de rematar cun custo desigual en intensidade, como é o caso do prezo pagado polo movimento histórico nacionalismo galego que pariu o BNG, primeiro por ter branqueado ao PSOE e, segundo, por ir acubillando nas institucións e nas eleccións, aillándose da rúa e das súas bases sociais e non adicando os recursos a crear medios próprios de comunicación.

Do “todos son iguais” e a consigna “non nos representan” ao Congreso de Deputados. Velaí que xa se produciu a delegación do voto por catro anos, a representación. É tempo da perversa lei d’Hont e dos sacerdotes. Pensan seguir mobilizando á cidadanía de xeito mediático? O Parlamento tén a palabra, e está por ver canto tempo nun rexime nesgado cara un presidencialismo onde o executivo é todopoderoso. O ciclo remata con máis interrogantes que respostas. É a política , estúpido! A de “puedo prometer y prometo”. A de máis do mesmo. Ou non?.


Ao mellor tamén che interesa:

Politica, frivolidade, condescendencia

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off