off
Cedeira, Ciencia, Entrevistas, Mar e Pesca, Meio ambiente — 21 Decembro, 2015 at 4:49 p.m.

Ana Tubío,bióloga mariña: “A maior ameaza das reservas mariñas é a pesca non sustentabel agravada polo furtivismo e a contaminación”

by

Conversamos devagar coa bióloga Ana Tubío, que logo de apresentar a semana pasada a súa tese de doutoramento sobre a caracterización ecolóxica e pesqueira da Reserva Mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira,  insiste que “é de vital importancia continuar cos estudos científicos que permitan constatar os indicios positivos de protección nalgunhas das especies estudiadas a medio e longo prazo”.


IMG_3952 copia
Foto: AT

Ana, precisamos presentarte aos lectores….para que te coñezan un pouquiño

Son doutora en Bioloxía pola Universidade da Coruña e Mergulladora Profesional 2ª clase restrinxida. As miñas liñas de investigación céntranse na xestión sostible de pesquerías artesanais e na conservación da biodiversidade mariña. Posúo ampla experiencia en proxectos de investigación, tanto nacionais como internacionais, sempre relacionados co medio mariño. Realicei varias estadías de investigación, no Departamento de Oceanografia e Pesca do Instituto do Mar (IMAR) da Universidade dos Açores (Faial) e no Departamento de Ecoloxía e Hidroloxía da Universidade de Murcia, así como en varias ONGs de Nicaragua, Honduras e O Salvador, grazas a un proxecto de pesca artesanal no Golfo de Fonseca.

Di a bióloga Josefina Castellví que cando ela comezou as mulleres só axudaban aos homes, limpando os tubos de laboratorio ou ocupándose das facturas …. continua a ser a ciencia  un lugar restrinxido ao home?

Penso que agora xa non tanto. No noso grupo de investigación sempre houbo unha maioría feminina, pero tamén é certo que ás mulleres cústanos máis chegar aos postos de mando, aínda que iso está mellorando.

A túa tese  “Reserva mariña de interese pesqueiro Ría de Cedeira (Galicia, NO España): Caracterización ecolóxica e pesqueira” vén de recebir a cualificación de sobresalente cum  laude. Ana cóntanos que hai detrás dunha tese, cantas horas, días e noites, meses, mesmo anos, a colaboración da familia, da xente da facultade, da xente do mar,… 

Detrás desta tese hai moita vocación e dedicación pero tamén moito disfrute… e moitas, moitas horas. Aínda que case nunca a dedicación foi exclusiva (tiven que compatibilizarla con outros proxectos), hai 7 anos que comecei esta aventura. A listaxe de agradecementos e igual de longa, hai moita xente á que lle agradezo a axuda e o apoio, dende o meu diretor de tese, compañeiros do grupo de investigación, pescadores de Cedeira, vixiante da reserva, confraría de pescadores de Cedeira, e por suposto, a miña familia e amigos.

Agora co traballo feito e ollando para atrás, que impresións salientarías en canto á vivencia de asumir unha tarefa deste tipo?

Sen dúbida, foi unha carreira de fondo, longa e dura, pero tamén a disfrutei moitísimo, é o que realmente me apaixona, e cando fas o que che gusta parece que custa un pouco menos. Ao longo destes anos, aprendín moitísimo, moito máis que durante a carreira. Por sorte ou por desgraza, durante a miña etapa de tese, puiden participar en múltiples proxectos de investigación que me fixeron medrar como investigadora pero tamén como persoa.

DCIM100GOPROGOPR0378.
Na ría a piques de mergullar.Foto:AT

Xa no eido científico, cales son as principais conclusións ás que chegache logo de tanto estudo?

É complicado resumilas pero o obxetivo xeral da miña tese foi caracterizar unha liña base de coñecemento ecolóxico e pesqueiro da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira, que poida ser empregada como punto de partida para planificar unha xestión ecolóxica e pesqueira da reserva nun futuro próximo. E ademáis disto poidemos constatar a gran riqueza das comunidades biolóxicas dos fondos submariños da Ría de Cedeira, así coma os primeiros indicios dunha resposta positiva á protección nalgunhas das especies estudiadas, como é o caso da maragota ou o pinto e a centola.

Que riscos ameazan a reserva?

A gran presión antrópica a que están sometidos os ecosistemas mariños é a maior ameaza á que están sometidas de forma crónica as reservas en particular, e os océanos en xeral, debido principalmente a pesca non sostible (agravada polo furtivismo) e a contaminación. Nas últimas décadas estamos sendo testigos da degradación continua dos ecosistemas mariños, e non debemos esquecer que os océanos son unha importante fonte de recursos para a humanidade, polo que é a nosa obriga protexelos e conservalos.

Maragota_3 copia
Maragota. Foto: AT

Que medidas cres que axudarían a mellorar a produtividade da reserva?

A reserva mariña xa conta cunhas boas medidas de xestión, que incluén limitacións de zonas de pesca, así como tallas comerciais máis restrictivas que as existentes no resto de Galicia, co obxetivo de lograr unha explotación sostible dos recursos pesqueiros, evitar a sobrepesca e aumentar os ingresos dos pescadores locais. Na tese recoméndanse algunhas medidas complementarias como a importancia dun monitoreo científico, tanto biolóxico como pesqueiro, a medio e longo prazo; a creación dunha base de datos completa e precisa das capturas que se obteñen na reserva que inclúan o esforzo pesqueiro e as zonas de pesca; o aumento da talla mínima legal de comercialización dalguns peixes planos; e a protección de zonas preferentes para a posta de sepia e pulpo dentro da ría.

Ao chamarse reservas “de interese pesqueiro”, é doado pensar que non se atende da protección e xestión racional ecosistema no seu conxunto. Que pode haber de certo nisto? 

As reservas mariñas de interese pesqueiro son unha doble ferramenta de xestión de pesquerías e conservación dos ecosistemas mariños. O obxectivo principal é xerar un incremento da biomasa na área protexida que redunde nun aumento das capturas nas zonas próximas e deste xeito contribúa a reactivación da economía pesqueira local, mellorando as súas expectativas futuras do sector. Pero estes beneficios pesqueiros e sociais, brindan tamén outros moitos que melloran o funcionamento dos ecosistemas mariños. En definitiva, pretende garantizar os obxectivos de protexer, rexenerar e desenvolver os recursos mariños pesqueiros, permitindo a conservación da biodiversidade e a sostenibilidade das pesquerías artesanais da zona.

Qué especies aumentaron máis a súa produción gracias á reserva?  Tedes datos sobre a evolución nas poboacións dalgunha especie “non comercial”?

Tras a implementación da reserva, poidemos constatar un lixeiro incremento nas capturas dalgunhas especies comerciais, como a maragota/pinto ou a centola dentro da reserva, e tamén un aumento na densidade dalgunhas especies de invertebrados non comerciais (cangrexos ermitaños, estrelas de mar ou algún cnidario). Non obstante, debemos ter en conta, que o noso traballo de campo rematou no ano 2012, tan só 3 anos despois da creación da reserva, un periodo demasiado curto para poder detectar un claro efecto positivo da protección. Polo tanto, é de vital importancia continuar cos estudos científicos que permitan constatar estes indicios a medio e longo prazo.

Quen son os principais beneficiados pola creación da reserva? E os principais prexudicados (se os hai)?

Ao tratarse dunha reserva de interese pesqueiro o principal beneficiado é o sector pesqueiro artesanal da reserva. Ademáis brindan beneficios sociais con repercusión global, xa que tamén afecta ao resto da poboación que depende directamente da pesca, ben laboralmente ou coma consumidor. Adicionalmente a estes beneficios pesqueiros e socias, a protección leva consigo outros efectos indirectos como a mellora do funcionamento do ecosistema e a súa resilencia (a capacidade dun ecosistema para manterse estable ante perturbacións). Penso que non hai perxudicados, posto que as limitacións e restriccións de uso que se establecen na reserva teñen o obxectivo final de acadar melloras pesqueiras, ecolóxicas, sociais e/ou económicas…

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Mergullando receptores na ría

Ademais de para aumentar as capturas, (no caso de ser así) que outros beneficios teñen as reservas mariñas?

Coma decía antes, a eliminación da presión pesqueira sobre as especies explotadas, trae consigo unha serie de efectos indirectos. Ao eliminar esta presión pesqueira sobre os depredadores tope do ecosistema, que se sitúan na cima da cadea alimentaria, a densidade destes aumenta, provocando a disminución das súas presas (pequenos peixes e invertebrados hervívoros), e polo tanto, aumenta a complexidade estructural do hábitat debido ao maior desenrolo da cobertura algal.

Noutros lugares do mundo din – e non poucos científicos- que as auténticas reservas son as “no-take”, é dicir, as protexidas íntegramente. ¿Non estaremos usando mal o termo “reserva”?

O termo de Área Marina Protexida é un concepto xenérico que se comezou a implementar a nivel global a finais da década dos 70 do século pasado, que non conta cunha definición única, e engloba multitude de figuras de protección como reservas mariñas, reservas naturais mariñas, santuarios mariños, áreas de especial protección, etc. É certo que dentro destas figuras proteccionistas podemos diferenciar as reservas puramente conservacionistas (as coñecidas como no-take) das que son unha doble ferramenta de xestión dos recursos mariños e conservación dos ecosistemas mariños. En termos de recuperación total das poboacións de peixes, as zonas de reserva no-take son xeralmente máis eficaces que as reservas con zonas de amortiguación ou reservas parciales. Con todo, éstas últimas poden equilibrar mellor o uso antrópico e os obxetivos de conservación das reservas mariñas, sobre todo en rexións tradicionalmente explotadas, como é o caso da costa galega.

A conservación do medio mariño e a xestión sostible dos recursos mariños deberían ir sempre da man, posto que hoxe en día parece imposible separalos.

Hai quen opina que as “reservas galegas” son apenas un modelo de xestión pesqueira cunha protección moi limitada, xa que se autorizan moitas actividades pesqueiras, profesionais e deportivas ou de lecer, ademáis, quen as xestionan non parecen facer moito por actuar contra impactos que lles afectan, como no caso de Cedeira, os verquidos ilegais, as augas residuais, a mala calidade microbiolóxica, etc.

As reservas mariñas galegas inclúen un aspecto único e novedoso onde os pescadores e as súas organizacións respectivas estableceron un sistema de xestión participativo, baseado no coñecemento tradicional dos propios profesionais do mar. As actividades permitidas e as limitacións de uso na reserva, xunto coa creación de zonas de protección, pretenden garantizar os obxetivos de protexer, rexenerar e desenrolar os recursos mariños de interese pesqueiro permitindo a sostenibilidade das pesquerías artesanais da zona. Non esquezamos que a conservación e recuperación dos ecosistemas mariños é un beneficio indirecto destas reservas, non sendo o seu obxectivo principal. En definitiva, as reservas mariñas galegas son sistemas de xestión baseados en modelos de explotación sostible. Sen dúbida a contaminación é unha “enfermidade” crónica dos océanos que debería ser unha prioridade non só para os xestores das reservas, senón especialmente para as administracións.

No caso da ría de Cedeira, que coñeces tan ben, como ves o seu futuro? Que che parecen as intervencións como, por exemplo, o deitado de area nas praias con fins turísticos sen contemplar impacto ambiental da ría no seu conxunto?

O futuro das reservas galegas é canto menos delicado, aínda que no caso de Cedeira, son máis positiva. Penso que en términos xerais en canto á pesca, deberíase apostar máis por modelos de co-xestión reais e dinámicos que garanticen a sostenibilidade da pesca, e non deixalas morrer pouco a pouco, como está acontecendo. Por suposto, intervencións coma o deitado de area nas praias, a extración ou aporte de áridos, así como a construcción de diques ou portos deportivos nun espazo protexido, por poñer algún exemplo, deberían contar cun exahustivo e riguroso estudio dos posibles impactos ambientais que conlevaría de maneira prioritaria o benestar do ecosistema que se está a protexer.

Intervencións coma o deitado de area nas praias, a extración ou aporte de áridos deberían contar cun exahustivo e riguroso estudio dos posibles impactos ambientais 

Cos recortes a comunidade científica tense unido para alertar do risco de recuar e mesmo de tirar pola borda os pequenos avances das últimas décadas (pasa en educación, sanidade..). Parece que en política estamos condicionados polo curto prazo, todo o contrario do que pasa na  ciencia, que precisa proxectarse a longo prazo. Temos pouca cultura científica? Estamos en campaña electoral, cambiouche a bioloxía  a visión que tés da política? 

Temos moi pouca cultura científica. Ségueme abraiando as caras dalgunha xente cando lles explico o que fago. Non entenden por qué o fago, e aínda menos cando moitas veces este traballo nin está remunerado. Máis penso que a cousa está a mudar, e cada vez máis xente decátase da importancia do benestar dos ecosistemas e da nosa obriga de respectar e coidar a natureza. Sempre tiven unha opinión política bastante marcada, é a nosa obriga apoiar políticas que salvagarden o medio natural, aínda que vendo os partidos que nos gobernan parece que poucos pensan coma mín. Espero que nuns días esto cambie. Nas nosas máns está mudar a situación, e pódese comezar con pequenas cousas. Por exemplo, coma consumidores de peixe temos moito que dicir e moito onde escoller, podemos optar por un consumo sostible de peixe procedente da pesca artesanal que cumpra coas tallas mínimas de comercialización, non consumindo especies en veda ou crustáceos ovados, e priorizando na medida do posible o peixe salvaxe frente o de acuicultura. Nas nosas máns está mudar o planeta, hai unha frase que me gusta moito que di “pensa en verde para que o planeta siga sendo azul”.

conferenciaraias_quenllas2014-12-26 20.09.21No título da tese dise “Galicia NO España”, para evitar malentendidos podias clarexarlle aos lectores que significa? Ten algunha letura subliminal ou é un aspecto técnico? 🙂

Ten unha explicación técnica 🙂, NO é a abreviatura de Noroeste en castelán, é decir, leríase “Galicia, Noroeste de España”, aínda que tamén se pode empregar a abreviatura en inglés NW.

 Os océanos ocupan o 70% do planeta, porén, ainda que temos certa conciencia en protexer áreas naturais do continente, parece que non facemos o mesmo cos fondos mariños…. Que porcentaxe temos protexida  dos mares de Galicia?

A superficie mariña protexida en Galicia non chega ao 1% do total, sumando a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos (aprox. 2.000 ha), a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira (aprox. 700 ha) e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas (aprox. 7.200 ha marítimas). Aínda que nos últimos anos presentáronse varias propostas para implementar novas zonas de protección en Galicia, pero polo momento non chegaron a bo porto. Lamentablemente, temos moito camiño por andar no eido da protección e a conservación do medio mariño.

Canto tempo pode tardar en rexenerar o ecosistema dunha área protexida? 

Unha pregunta complicada. Aínda que se trata dun tema que xera controversia na comunidade científica, a maioría dos estudos establecen que o prazo estimado para detectar efectos directos derivados da protección sobre as especies explotadas oscila entre os 3 e 5 anos trala creación da reserva. A rexeneración dos ecosistemas poderíase acadar nun prazo de 5 a 10 anos, aínda que depende moito das particularidades de cada área marina protexida.

Cales son os principais atrancos ou obstáculos que hai actualmente para poder crear áreas protexidas ? 

En primeiro lugar, é preciso o acordo entre todas as partes implicadas neste proceso, que posibiliten a súa implementación con éxito. No caso concreto das reservas mariñas de Galicia, resulta priomordial acadar unha participación real dos pescadores en términos de empoderamento, sensación de orgullo, responsabilidade e apropiación do medio mariño. É necesario un órgano de xestión menos burocratizado, que permita unha maior influencia do sector que sexa capaz de tomar decisións dinámicas sobre cambios de regulación, imposicións de penas, reglamentos de uso do espazo, limitación de capturas ou tallas, etc. O asesoramento científico durante o proceso de creación, así coma o posterior monitoreo, é esencial para o desenrolo das reservas marinas. A financiación (mellor dito a súa falta) tamén é un atranco, é preciso un enfoque claro cun plan económico e financieiro diseñado minuciosamente a curto e longo prazo. Posiblemente un maior apoio, colaboración e inclusión de diferentes organizacións e/ou grupos de interese poderían axudar ó recoñecemento público das reservas mariñas pola sociedad en conxunto.

Lonja_35 copia
Un dia de subasta na Lonxa de Cedeira

Por qué os gobernos non teñen unha acción máis decidida neste ámbito se a ciencia ten amosado evidencia de que as áreas protexidas pódense rexenerar e medio prazo acaban por ofrecer máis rendemento ?

A ciencia non funciona aos mesmos tempos que os gobernos. O proceso de diseño, creación, implementación, xestión, seguimento e control dunha reserva mariña non é algo que se poida acadar a curto prazo, e aínda menos, os esperados beneficios. Todo isto non cabe nunha soa lexislatura, polo que parece que non interesa, xa que non temos costume de pensar e actuar a medio ou longo prazo. O evidente estado crítico de sobreexplotación de moitos dos recursos mariños explotados é unha clara evidencia de que os modelos tradicionais de xestión non son os adecuados, sendo necesarios modelos de xestión alternativos que garantan o uso sostible e eficiente dos recursos pesqueiros. Os camiños a seguir son modelos de co-xestión adaptativa con sistemas participativos, onde se involucre aos pescadores, científicos e xestores, con fin de acadar a conservación do medio mariño e a xestión sostible das pesquerías.

Que habería que mudar da lexislación internacional, nacional e estatal sobre o uso dos recursos do mar? 

Non teño coñecemento coma para respostar adecuadamente a esta cuestión, máis a grandes rasgos penso que os cambios deberían ir na liña do comentado na pregunta anterior. Temos que mudar o modelo de xestión actual cara a modelos máis participativos onde se teña en conta a opinión dos diferentes usuarios dos recursos mariños (pescadores, centíficos, xestores, etc.). As recomendacións científicas deberían ter máis peso nas decisións políticas.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Foto: AT

Que modelos de negocio habería que desenvolver para que as zonas protexidas sexan rendíbles para os habitantes ribeiriños?

Poderíase promover o desenrolo de actividades de pesca-turismo, promover campañas de sensibilización e formación dirixidas a poboación local e turista que poñan en valor a pesca artesanal e fomenten o valor das reservas mariñas, valorizar o pescado artesanal local que garantan a trazabilidade dos productos pesqueiros e contribúan a transparencia dos mercados, favorecer a diversificación da economía pesquera artesanal, etc.

Ana, xa para irmos rematando… Estados Unidos,  Reino Unido, Chile, Kiribati, Nova Zelanda teñen as reservas mariñas máis grandes do mundo, Galicia e España, ainda tendo algúns exemplos de reservas mariñas pequenas ou moi pequenas e con éxito, están á cola, mesmo por detrás de paises en vias de desenvolvemento….

WWF no marco dunha proposta para a protección do 10% do territorio mariño estatal, propuxo en 2006 a creación dunha gran reserva no Banco de Galicia (aprox. 83.000 ha), unha montaña submariña a uns 200km das nosas costas. Posteriormente, en 2015 o proxecto LIFE + Indemares, propuxo a súa protección a nivel europeo mediante a figura de Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Esta sería a reserva mariña máis grande de Galicia, pero hoxe en día aínda non é unha realidade. E na actualidade estase a traballar na ampliación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, que afectaría tanto a augas de competencia da Xunta coma do Goberno central. Na miña opinión persoal, a protección das áreas litorais debería ser preferente frente á protección de grandes reservas profundas, posto que en Galicia o 88% do total da flota é artesanal e caracterízase por operar en zonas costeiras pouco profundas. A protección de pequenas zonas de gran importancia ecolóxica (xa sexa por presentar unha gran biodiversidade ou por ser una área prioritaria para a alimentación, cría ou reproducción dalgunha especie) pode acadar mellores resultados que protexer gandes zonas, normalmente a grandes profundidades.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off