off
Cedeira, Música, Obituário, Xente — 20 Decembro, 2015 at 9:51 a.m.

O Rock&Roll salvou a miña vida

by

A noite do mércores 16 de decembro que finaba Francisco Rodríguez López, tamén coñecido polo seu nome artístico Paco Rufus, aínda que para min sempre será Paco… Paco de Lola. Nado en Cedeira vai 44 anos dende noviño quedou preso do feitizo dos ritmo e cadencias do Rock&Roll como el mesmo relataba nos inicios da etapa dixital de Ollaparo.

Nesa colaboración cóntanos que música era a súa adición e dela fixera oficio e razón de vivir. Afincado dende algo máis dunha década en Alacant foi quen de dinamizar o panorama musical da provincia, actuando e apoiando o talento emerxente promovendo novos sons, novas bandas. Sendo quen de alentar novos actos e fundar novas propostas non so no mundo da música se non tamén animando a novedosos artistas doutros campos como da fotografía, da cartelería ou da revista e o fanzin a visibilizar as súas virtudes.

Xunto á súa compañeira Marta rexentaba a coñecida tenda de música Naranja y Negro na que din emanaba paixón pola música e amor polo formato físico, o vinilo. tamén era xerente do seu propio selo discográfico independente Rufus Recordings, destacando como guitarrista e alma de Los Flamin Guays.
Sempre quedará no recordo a pegada que deixou no eido musical máis non só en Alicante senón na Galiza e tamén a nivel estatal gracias aos seus grupos: Las Membranas, Rock-a-Hulas, Franky Baltimore ,The 7-11’s, The Reactions, The Raw…

Na súa etapa anterior e inicial foron referentes galaicos do garage-rock coas bandas na a súa vila natal de Cedeira Os Maruxa (1992) fichados polo selo Subterfuge, e que lanzou o primeiro disco, ‘Hot stuff’ (1993) ou os Studebakers.

Son centos de persoas con centos de vivencias ao seu carón logo, que conviviron, compartiron e disfrutaron da súa xenialidade, a súa vitalidade, e dos seus fondos coñecementos musicais e da enerxía que el aplicaba e impoñía aos seus compañeiros actuando.
Non quero pensar a de lembranzas que poden correr polos miolos nestes momentos de tristeza e pesar de compañeiros inseparables de agora como os seus compañeiros de banda, a súa compañeira Marta, o seu inseparable Xabi Bogaloo, Chewis Eterno, Gonzalo Mecha ou Gerardo Calvo e tantos outros que con el tocaran, coñeceran e admiraran, ou partillaran organización do FESTIMAL de tan boa calidade musical…e tamén moitas veces padeceran, pois Rufus foi xenio e figura e tamén carácter sobre todo na súa etapa local… Paco medrou cos anos como persoa e profesionalmente, até atoparse feliz e rodeado de grandes amigos e seguidores no cálido clima do Mediterraneo.

Tiven a sorte de convivir e partillarcon con el esa paixón, tres marabillosos anos caindo aínda era un adolescente no que foi a semente e raizame de todo o que veu despois, canda Juan Moko, Gonzalo Mecha e Chewis vivimos os inicios, a época menos virtuosa musicalmente e máis destroyer e rebelde con Os Reboiras e podo afirmar con certeza que disfrutar disfrutei aqueles anos, coñecín moita máis música da que nunca podería escoitar por min mesmo, tamén foi o tempo que máis me rín e divertín da miña vida, daquela cando ensaiabamos na horta de Lola Cora (Fernando Lago) e coñecimos a finais dos anos 80 do sXX o overdrive,  primeiro pedal de distorsión, dicían os veciños que as galiñas deixaron de por ovos no rueiro dende entonces.

Na altura, Paco Rufus era un crack e tiña gran coñecimento musical froito da súa adición polo rock, pola música negra e rebelde, razón da súa existencia. Pero ademais uníunos unha paixón común, a revolución e o antifascismo, pois Paco era fillo do que para min fora un destacado e admirado heroi sindicalista antifranquista Paco el Negro algo que tamén a el o enchía, co corazón na esquerda, nas nosas vermellas conversas.

Só sei que un día rematou aquela experiencia e as nosas vidas bifurcaron e el continuou aquela paixón nun tempo que tiña pouco predicamento nun pobo sumido na tradición e na carcundia sumindo outras vontades.

Estiven con el e Xavi Bogaloo cando subiron a ver o concerto de  Pearce Sledge en Cedeira ou cando actuou cos Flamin Guays en Carballo xunto a Juan o Moko e puiden coñecer a humildade e nobreza dos seu amigos e compañeiros de banda. Tamén podo afirmar que volvimos a recuperar o aprezo que sempre nos tiveramos a pesar da distancia. Escribinlle vai un par de meses para comentarlle que andabamos enleados cunha nova asociación, os Discalz@s polo Festival co obxetivo de montar un festival de certa calidade na vila en agosto do 2016 e ademais de estar na procura de animar e dinamizar o ambiente musical da nosa vila tal como el nos aprendera no pasado. Preguntou que quen eran @s argalleiros e cando rematei de narrarlle afirmou que de estarmos o Moko e máis eu gostaba da idea de subir cos Flamin Guays a tocar en agosto, que lle apetecía sobir…

Desde que recibín a mala nova este mércores e a tristeza invadiume, como a tod@s vós, só o recordo das risas que con el votei e o que me divertín  me devolven a sensación de satisfacción e me lembran que os seu 44 anos foron de absoluta plenitude. Paco amou o negro, o rock, a revolución e soulcialismo. Foi feliz.

Ben merece de tod@s nós unha homenaxe musical, algo máis alegre que unha misa de defuntos concorrida. Iso si, o faría feliz. Dou grazas por telo coñecido e sei que nunca poderei esquencelo, sei que vos tampouco, mesmo máis ca min.

Nunca te esqueceremos, Paco. Deica sempre

“TODO cobrará sentido, xa sabía para que estaba eiqui, nesta vida, neste tempo. Eu nascín para ser un ROCK AND ROLLER. Non pode haber unha forma de vida mais chea de emocións. Non pode haber un xeito de vida mellor” 

Paco Rufus

[cp_slideshow images=”undefined” effect=”fade” speed=”800″ timeout=”6000″ pager=”circle” navigation=”none” ]

[/cp_slideshow]

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off