off
Ecoloxía, Eleccions 20-D 2015, Meio ambiente, Opinião — 13 Decembro, 2015 at 8:59 a.m.

O climax da clase política

by

aspontesEste sábado 12 de decembro de 2015, pola primeira vez na historia da civilización industrial, 195 países selaron un pacto para controlar a mudanza do clima. Non é un acordo esixente e aínda se afasta do que as organizacións de defensa do medio ambiente e as institucións científicas independentes consideran o óptimo para reverter unha situación que empezaba a escaparse ao noso control. Pero é o primeiro compromiso universal que se acada entre actores con distintos e mesmo enfrontados intereses. Superpotencias, nacións pequenas, estados emerxentes e en vías de desenvolvemento norte-sur, deron un paso adiante polo máis común dos bens existentes.

Con certeza, e máis unha vez para que sirva de advertencia, tras ese acordo están anos e anos de loita da sociedade civil e ONGs para concienciar aos dirixentes políticos da enorme transcendencia do problema creado polo uso ecocida dos recursos. Sen esas mobilizacións, protestas, transgresións e accións desinteresadas de millóns de persoas en todo o planeta é máis que dubidoso que algo así se lograse nos comezos do século XXI, que a partires de agora ,de confirmarsense os prognósticos, podería ser a primeira xeira verde da humanidade técnico-científica. O retrouso é máis que elocuente: non se poden deixar sós.

Cando mália o “estado de emerxencia” decretado polo goberno francés a raíz do brutal atentado do ISIS en París, milleiros de afoutos ecoloxistas mobilizáranse polas súas rúas para impedir que a Cimeira do Clima se saldara cunha nova frustración, estaban a fixarse as verdadeiras prioridades da xente, alén doutras estratexias políticas globais de difícil taxonomía. Aquel teimoso “si, pode” sementou o camiño que hoxe nos permite algunha esperanza de mudanza de rumbo das economías extractivas.

Porén, agora, lonxe de darmos a cuestión por encareirada, vén a etapa máis importante. Porque cos antecedentes que constan, o porco xogo dos líderes mundiais e as resistencias que sen dúbida argallarán as grandes corporacións empresariais que rendibilizaron o efecto invernadoiro, resulta máis decisivo cá nunca que a presión da rúa en todo o mundo se faga ouvir sen desalento. Esa arela será o máis nobre ideal que podamos abrazar nas nosas vidas.

Porque de voltar atrás e deixarmos de novo que a clase política se ocupe do problema, arriscarémonos a cebar máis unha vez a bomba climática. Infelizmente, como tantas outras conquistas na historia da humanidade, a militancia ecoloxista nas súas variadas formas segue sendo un traballo de minorías esforzadas. Por iso, os partidos políticos apenas o destacan nos seus programas electorais, atentos como están sempre a captar os votos das maiorías sociais, estatisticamente falando. A proba desta clamorosa indixencia tivémola datas atrás  nos dous debates celebrados entre PP, PSOE, Cidadáns e Podemos nos foros de El País e Antena 3 TV. Ningún dos seus líderes, nin os principiantes nin os recorrentes, dixeron unha palabra sobre a mudanza do clima. Mas non teman, agora todos catro, Rajoy, Sánchez, Rivera e Iglesias rifarán por coroarse como os valedores da defensa do medio ambiente.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off