off
Opinião, Política, Politica espanhola, Redes sociais, Televisão — 2 Decembro, 2015 at 8:04 a.m.

Culto á impersonalidade

by

batentes_OLLAPAROSon desas cousas de charanga e pandereita que ás veces acontecen neste país cun boato digno de mellor causa. Un periódico en horas baixas e tres políticos en campaña xuntáronse nun debate en rede (en realidade todos  en conserva). Porque o grupo ao que pertence o xornal convocante carece de televisión pròpria de tanto allear activos para subsistir e porque os candidatos aínda acreditan que ese medio ten influencia para rabuñaren votos entre os indecisos do 20-D. Con esas cualidades El País argallou  na segunda-feira en grande o “primeiro face a face eleitoral a través da internet”. O resultado: un toureo de salón que o anfitrión vendeu como o trending topic da xornada. O que para un coloso informativo multinacional  é como vender o carro para mercar gasolina.

Non estaban todos e a xente de Cebrián nunca se cansou de gritar. Mariano Rajoy acañado e na casa, moi dignos, rexeitaron rebaixar o status da representación do Partido Popular no goberno coa comparecencia da súa vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, a filla daquel xeneral da garda civil, felipista acérrimo, que rebentou unha comisión de investigación sobre o GAL ameazando con contalo todo do Batallón Vasco Español (BVE), o terrorismo de “os incontrolados” da transición. Tamén non asistiu o líder de Izquierda Unida-Unidad Popular, Alberto Garzón, aínda que sobre ese asunto non houbo explicacións nin a menor solidariedade de corpo. A pesar de que IU ten representación parlamentaria e dous dos debatentes, os emerxentes Ciudadanos e Podemos, son simples postulantes a escano. Afronta que El País tratou de disimular entrevistando ao día seguinte ao excluído, que aceptou sen rechistar o premio de consolación.

Porén, o culto á impersonalidade estaba servido. Ao “xornal global” o acto serviulle para adicar editorial ao día seguinte , capa de dez páxinas interiores a festexalo, nun insólito exemplo de onanismo intelectual, engadindo da súa colleita que o combate o gañou Podemos porque un 47,01% dos internautas votou a Pablo Iglesias fronte a un 28,90% por Pedro Sánchez e outro 24,09 % que se decantou por Albert Rivera. Por certo, aos seguidores do encontro, que na edición de papel chamábase “internautas”, a versión dixital tornábaos en “leitores”. Con certeza, para facer caixa cos case dous millóns de twitter recibidos na web do diario para acirrar aos seus respectivos espadas.

Veredicto que por unha banda semella  lóxico mas por outro resulta chocante. É normal desde a filosofía cibernética (democracia de ouvido) con que se estruturou Podemos, aínda que esa falla de compromiso directo non deix de deslexitimalo con primarias full (o seu programa electoral só foi ratificado polo 4% dos inscritos). Mas tamén é discordante cos resultados que arroxan enquisas solventes, como a que insería El País a véspera do debate na rede. Curiosamente, a sondaxe de Mestrocopia publicada polo xornal o domingo 29 de novembro concluía todo o contrario: que Podemos era o partido con menos estimación de voto e que Pablo Iglesias situábase no penúltimo posto en confianza, tras Mariano Rajoy como faroliño vermello.

O que ben falar de dous mundos aparentemente dispares e excéntricos. O dos inquéritos tabulados e o máis aleatorio de internet. O votante real e o votante placebo. Quen é que sabe. O único que se pode asegurar é que non son públicos totalmente equivalentes e intercambiables, condición biunívoca para garantir estatísticas que pretendan arroxar unha imaxe fidel da realidade. E é que a posta en cena de El País e o tres mosqueteiros da política alternativa ao PP, tiña máis de simulacro empresarial que de radiografía conxuntural. Adonda dicir que a única emisora televisiva que retransmitiu en directo o evento foi a cadea utilizada pola conferencia episcopal 13tv, cun programa moderado por Alfredo Urdaci, xefe de informativos de TVE na etapa Aznar e logo xefe de prensa do Pocero, o rei do tixolo.

Nese contexto, non é raro que Rivera, Iglesias e Sánchez estivesen máis atentos a ollarense o embigo que a proclamar as prometidas verdades do barqueiro. Non falaron nadiña dos temas que máis deberían preocupar á sociedade civil. Sordina sobre a derrogación da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira (LOEPSF) que legalizou a reforma exprés do artigo 135 da Constitución, e mutis sobre a mudanza  do clima . Que xa é obviar. Polo menos, iso si, o tres coincidiron en que derrogarían a reforma laboral do PP. Aínda que esqueceran que a perpetrou o PSOE co aval de CCOO e UGT.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off