off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Televisión — 28 Novembro, 2015 at 8:27 a.m.

Pastores e rabaños: os novos púlpitos

by

“Non se milita nos partidos, milítase nos medios”
Pablo Iglesias

Retrato do político como vedette
Retrato do político como vedette

Hai algo de fin de época nesa bulimia da clase política cara os late show (brincadeira e conversa) televisivos pola cal os dirixentes dos partidos tórnanse celebrities. Emerxentes e institucionais practican idéntica devoción. Convencidos de que o xibarismo cultural dos tempos que corren esixe semellante transformismo. Afirmábao co seu habitual empolamento o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias: “non se milita nos partidos, milítase nos medios”. O cal quere dicir que a estrutura-partido xa non é condición sine qua non para existir politicamente. O que importa é ser popular, o carisma de todo a cen. Estar presente todos os días e cantas máis veces mellor nos lares, nunha sociedade tan mediada que fai de cada televidente un potencial cliente electoral, exista ou non conciencia política. Os exemplos premonitorios de Jesús Gil en España e de Berlusconi en Italia son unha referencia inapelabel. Un home é un voto,  mas tamén  unha boina. Desculpas.

E iso, que semella unha simple aplicación técnica á política realmente existente, entraña unha mutación democrática de calado. Dunha banda, o partido xa non move muíño, razón pola que fica reducido (máis que nunca) a un simple ornamento dos dirixentes, oficiando de simples simulacro eses acenos de identidade que antes prefiguraban o seu capital político, saber facer. O que se concreta, doutra banda, nun constructo interno meramente simbólico, con primarias placebas carentes de substrato democrático, e, ademais, incurso na vertixinosa disipación do legado histórico.

Ideolóxicamente  pouco importa de onde vés e cara onde vas, o transcendente é a radiante visibilidade que o figurante de quenda transmita urbe et orbe. Ser famoso é a condición previa para “trunfar” en política.

Sabíano perfectamente os dirixentes do PSOE que na era felipista abriron o negocio da televisión ás cadeas privadas como un signo de necesaria modernidade e pluralidade cultural. Porque, ao mesmo tempo, eran perfectamente conscientes de que só a través do calabobo da pequena pantalla un partido percibido como de esquerdas podería abrirse camiño na inmensidade interclasista dunha sociedade tan conservadora, tradicional e meapilas como a española dos primeiros anos da transición. De seu, “a posición franquista” xa se topou co fracaso de ser estrondosamente derrotada nas primeiras eleccións multipartidistas a mans dos herdeiros da ditadura. Esa mesma lección repetiuna o zapaterismo cando “liberalizou” todo o sector, anulando topes de participación accionarial estranxeira e cláusulas antifusión, revertendo a escusa antimonopolio que xustificou a súa aparición, á vez que sometía á televisión pública a unha purga de adelgazamento laboral, financeiro e publicitario coa coartada progresista que permitiu aquel informe do Comité de Sabios (pobre Emilio Lledó, apañado nese ardil).

Isto mesmo explica que o actual afundimento do centro-esquerda político vaia unido ao desfalecemento sen remisión dos medios afíns que lle daban soporte e altofalante como intelectuais orgánicos. O caso máis espectacular é o do diario O País, que de ser o faro de Alexandría que marcaba a folla de ruta do sistema, quitando e pondo gobernos, dando e retirando avais de demócratas, pasou a un solipsismo case irrelevante. Até o punto de que o goberno de Mariano Rajoy pódese permitir o até hai pouco inaudito atrevemento de ignoralo (desatendendo tres editoriais que pedían o resgate-país; non deixando ningunha emisora de TDT no último concurso ou ignorando olímpicamente a súa demanda de intervención militar en Siria contra ISIS).

Hoxe en día, a imprensa non inflúe na sociedade e é a televisión e os seus programas máis populistas quen socializan a conciencia político-electoral das boas xentes. Unha cultura do rosa ao amarelo que impide o pensamento, nin débil nin único, deixando as opcións ideolóxicas e a coherencia programática no faiado da memoria. Por iso os políticos con aspiracións teñen sobre todo que tentar ser famosos a calquera prezo. E fráguaa onde se amornan esas novas lexitimidades son os programas que lles permiten mostrarse con transparente vulgaridade (de vulgo), xa sexa bailando; conducindo cars; subíndose a un globo; xogando ao pimpón; cantando coa guitarra; radiando un partido de fútbol ou abrindo a casa ás cámaras amigas para mostrar que na súa neveira tamén hai iogures caducados. Como calquera fillo de veciño. A empatía acádase na mesmedade virtual entre representante e representado. Aínda que ese mesmo troquel inaugura a etapa de maior desigualdade entre dirixentes e dirixidos da nosa historia política.

Porque o novo agit-prop recupera unha sorte de panóptico posmodernista ao rehabilitar aos medios de hipnotización de masas, que son por dereito propio as terminais do sistema. De feito, a concupiscencia medios-políticos ten rendibilidades endogámicas en ambos os extremos do seu concello: a lexitimización dos políticos a través dos medios leva a lexitimación dos medios polos políticos. Un círculo vicioso difícil de rachar porque conta co enorme valor engadido de apresentarse como un elemento substancial de sociabilidade que descansa sobre a rotunda aceptación da maioría da poboación que a “gorenta” a cada pouco de balde  et amore (a media de consumo de televisión é de 239 minutos por persoa e día).

Pór freo a esta deriva supón incubar unha sorte de “guerra civil doméstica”, o eterno dilema de tirar a auga emporcallada sen expulsar ao mesmo tempo ao neno que vai dentro do cubo. O sempre indispensable 15-M entendeu que esa era unha opción necesaria, e de aí a súa ilusionante recreación dos polis no século XXI sempre levou un elemento de desconexión dese elo umbilical. Entón a deslexitimación da vella política ía unida á deslexitimación mediática. De aí a arela de democracia directa, de proximidade, fronte á intermediación virtual, o famoseo e a falsa representación política. Co seu lendária agudeza, Jorge Luís Borges xa propuña que “os políticos fosen personaxes segredas”.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: