off
Galiza, Literatura, Ollaparo — 27 Novembro, 2015 at 13:07

Finou Xosé Neira Vilas. Revisitamos a “Carta de Neira Vilas” publicada o ano 1986 no Ollaparo

por

memorias1_

Todos os Balbinos andan tristes. O autor de Memorias dun neno labrego faleceu hoxe  en Vila de Cruces aos 87 anos. Sempre activo, viña de se excusar por motivos de saúde non poder asistir este sábado en Muras  na homenaxe a Antía Cal (La Habana, 1923) , coa que tiña grande amizade. Contaba hai pouco nunha entrevista no xornal Praza que a súa identidade galega nacera ao pouco de chegar emigrado a Bos Aires. Contra do ano 1986, Xosé Neira Vilas, abría o número 6 de  Ollaparo cunha carta dirixida aos mozos e mozas da Asociación Cultural Chirlateira que lle pediramos colaboración na revista. Un texto con fasquía de decálogo ou manifesto que pola súa brevidade e lucidez calaba nos nosos corazóns mozos, entrefebrando o eixo nacional e o eixo social, nun todo no que a reivindicación de dereitos sociais e nacionais teñen de ir de man dada. Porén, e sobretodo, que esa práctica de construcción tense de dar dende o local. Con infinita humildade dicíanos “non sei se o que diga pode ter valemento[…] e se o que digo non se axeita , botádelo no lume. Aquí van estas palabras”.

E aquí vai a  colaboración que a xeito de carta Xosé Neira Vilas dirixía un 16 de xuño de 1986 a tod@s @s balbin@s e o Ollaparo publicaba no seu limiar. Unha chamado á xustiza, á rebeldía e ao inconformismo, á defensa dos “dereitos elementais” fronte ao  seu baleirado e deturpación, á identidade nacional de Galicia e ao valor comprometido e galeguizador das publicacions locais e da imprensa en xeral para facer país.

 


CARTA DE NEIRA VILAS

Habana: 16 de xuño de 1986
Sociedade Cultural Chirlateira
Cedeira- Galicia
limiar_NEIRAVILAS_ollaparo_num6_1986

Carta de Neira Vilas, publicada como limiar no Ollaparo 6

Amigos: Recebín a vosa carta. E a revista. Aplaudo a vosa laboura. Pedídesme un limiar para OLLAPARO.Non sei se o que diga poida ter valemento. De todos xeitos, cumplo coa vosa encomenda. E se o que digo non se axeita, botádelo ao lume. Aquí van estas palabras:

O día que teñamos unha asociación ou centro cultural en cada vila de Galicia, así como unha publicación periódica (escrita en galego, claro) que recolla as inquedanzas da comunidade, promova o interés pola nosa cultura e analice críticamente todo o que está mal feito pra que se faga mellor, no orde social, institucional, político, ese día acharase o noso país en vías dun progreso verdadeiro.

Compre afirmar a nosa identidade como pobo e ó mesmo tempo facer que ese pobo, do que somos parte, leve unha vida digna, é dicir, que todos e cada un dos cidadáns teñan traballo (debidamente remunerado), poidan acceder ós diferentes niveis de educación, conten  cunha adecuada asistencia médica…En fin, esto pra empezar. E conste que non vimos de propoñer unha revolución – que non viría mal, mas non é deso do que estamos falando propiamente-,senón duuns condicionamentos mínimos ós que todo ser humán ten dereito (nos derradeiros tempos fálase moito de “dereitos humáns”, con frecuencia dende un ángulo políticamente malicioso, e poucas veces se mencionan estes dereitos elementais, primarios”).

Pois cando proliferen no país estas sociedades e estas revistas locais, se acadan un eco certo no pobo,  terán de influir e de levar a cabo certa presión para que moitos dos noso problemas endémicos (os do espírito e os do corpo) comencen a ter arranxo.

 A loita pola afirmación da persoalidade de Galicia debe ser constante; un facer de todos e de cada día; e o mesmo terá de ser a loita polos (cando menos) dereitos que mencionabamos. Todo ha de ir xunto, pois todo forma parte da nosa integralidade.

Capa nº6 de Ollaparo, de Xosé Antón Brocos

Capa nº6 de Ollaparo, de Xosé Antón Brocos

As publicacións locais, como OLLAPARO, teñen o compromiso de seren, a máis de mensaxeiras de ideas galeguizadoras, desalleantes, tabaus que aguilloen sin acougo alí onde algo magoe os intereses maioritarios do noso país.

Ha de ser rebelde, inconforme, clarificadora a prensa das nosas vilas, xa que por abranguer unha área máis pequena pode abordar con precisión os atrancos que máis lle doen. Ha de ser unha prensa vital, combativa, denunciadora de todo o que ande envolto. Ha de cumplir unha misión de servicio popular, no máis ancho sentido.

A mocedade que se adica a estes mesteres é limpa de pensamento, aberta ás ideas que postulan un mundo mellor, un mundo de xustiza no que non se ofenda nin dañe a a esa maioría que está por embaixo.

A mocedade galega que anda nestes trafegos leva adiante un apostolado xeneroso que todos debemos apoiar.

E namáis, amigos. O dito. Saúde e ésitos. Seguide nesa loita sen descanso. Adiante.

Unha aperta de  Xosé Neira Vilas

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: