off
Cedeira, Galiza, Política, Politica espanhola — 20 Novembro, 2015 at 7:04 p.m.

Nomes e voces teñen as vítimas da represión franquista en Cedeira

by

Através do Proxecto Interuniversitario de investigación que “naceu ao abeiro dos traballos que  se realizaron arredor do Ano da Memoria 2006, promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia”.


Ollaparo_memorial_loureirosO castigo de Franco deixou entre a veciñanza de Cedeira 77 represaliados dos que entre 16-30 foron vítimas con resultado de morte (a mesma porcentaxe para penas de prisión en procesos militares que duraban menos dunha hora e sen a máis mínima garantía xurídica), entre 6-15 baixo pena de morte executada (a mesma porcentaxe parte as mortes derivadas da represión paralegal). Estes datos relativos ás persoas represaliadas xa eran de dominio público, mas foron organizados e estruturados por este proxecto de investigación interuniversitario no ano 2006 divulgándose conforme a Lei de Memoria Histórica (artigo 22). Nesa xeira, dado o interese do proxecto consideramos de interese extraer os datos relativos a Cedeira e ofrecer á sociedade cedeirense as persoas que sufriron algún tipo de persecución ou represión franquista, acollendonos a unha licenza CC-BY-NC-SA (que pón a disposición pública os contidos desta web coa obriga de recoñecer os créditos da autoría do material e sempre que non se utilice para a súa explotación comercial).

É unha vergoña que após 40 anos non se teña pedido perdón polos crimes cometidos e que o Estado non fora quen de rendir contas co seu pasado totalitario. 

Os cartafoles descoloridos e asinados por xuices militares enviaron a prisión e á morte aos que consideraran  contrarios a Franco. Porén, esa persecución non foi só por mor da ideoloxía ou da súa posición favorabel á democracia republicana e ao galeguismo, atinxindo a militantes sociais, sindicais e políticos. Atinxiu á poboación traballadora, labregos e mariñeiros (36.7%), obreiros e artesáns asalariados (36.7%) e tamén ás clases medias e profesionais(25.3%) en xuizos sumarísimos entre 1939 e1945.  Alargándose no tempo ao acadar fasquía  de xenocidio que  foi acentuando a represión sobre toda a población e, nomeadamente, sobre a clase traballadora galega até a Transición. A lei marcial durou até a primavera do 1948 mas na nosa contorna o terror  comezou os primeiros dias do golpe militar que, non habendo liña de fronte, se instalou nas redes familiares, no ar que se respiraba. No decreto proclamábase a determinación dos fascistas de punir e castigar a quen “ cegado por su sectarismo incomprensible cometiera acciones u omisiones que acusaran perjuicio a los fines que persigue este movimiento rendentor de nuestra Patria”.  E quen non dera apoio explícito ao golpe podía ser executado. Fusilouse a mantenta e a mulleres embarazadas. Entre o 1936 e o 1938, a ditadura reprimeu especialmente a quen tiver participado dun xeito activo no bando respublicano  ou por galeguista ( alcaldes, concelleiros, fuxidos,etc ). Entre o 1939 e 45, alargou a represión sobre quen apoiara a Segunda República ou aqueles que foran denunciados como antifranquistas ou funcionarios  da administración republicana. O paradoxo  foi que os rebeldes, os que se revoltaran contra o goberno lexítimo escollido nas urnas- foron os franquistas. Porén, para o franquismo os “rebeldes” tornaranse os que apoiaran o goberno democrático. A deturpación do sentido das palabras é sempre o comezo da barbárie. Cómpre repararmos na listaxe que aquí extraemos da base de datos “Voces e Nomes” que foi precisamente esa unha das principais acusacions contra as persoas represaliadas: rebelión, adhesión, auxilio ou incitación á rebelión. Acusados de rebelión militar por aqueles que, precisamente, erguéranse en armas contra a Segunda República, un goberno escolleito democráticamente.Unha das cuestións que paira no ar sen resposta é o efecto que tiverons estas condenas en moitas familias. Cómpre reparar que a maoiría dos represaliados teñen entre 18 e 40 anos, sendo o home quen decote achegaba a meirante parte d o salario, non é aventurado afirmarmos que a represión afectou á rede familiar.

Porén, mália os estudos e as bases de datos específicos, existen grandes buracos e cesuras na memoria anímica  onde a reconstrución das historias dos que sofreron represión ou morte nas “cunetas”, cemiterios, corredoiras e montes e dos que tiveron que liscar do país, malia os memoriais e homenaxes realizadas, ainda están pendentes de seren testemuñadas e tecidas.
O necesario e serodio memorial aos prisioneiros republicanos do “Campo de Presentados e Prisioneiros” ubicado nunha  fábrica de salgazón sirveu tamén para pór de manifesto a nosa insuficiencia colectiva: Cedeira ainda non rescatou do esquecemento a propia veciñanza represesaliada.
77 persoas que non contan cun memorial democrático, nin nome de rúa ou praza.  Buracos negros da memoria dos corazóns. Distancia que a cidadanía mantén co acontecemento, situándose necesariamente como resto. Un “non poder dicir” que perdura nos rostros como único testemuño do acontecido. Un sedimento do proceso histórico de socialización e de subxetivización no “non poder dicir”. Relata Giorgio Agamben que nunha entrevista de 1964 na televisión alemana  á filósofa xudía Hanna Arendt, preguntada sobre que quedaba da Europa do periodo pre-hitleriano no que vivira, respostou: queda a lingua materna. Que pasa cando unha lingua non é falada? Que restou daquel  pobo que a falaba? Nunha lingua así é imposibel asignar a posición do suxeito  -dí Agamben. Estamos a tempo de restaurarnos nela como suxeitos se fomos educados no esquecemento?
Si voltamos agora ao testemuño, poderemos afirmar que testemuñar significa porse en relación coa propia lingua na situación dos que a perderon. Significa restaurar a posibilidade de falar e dicir o que non está nas bases de datos nin nos arquivos.
Entre a memoria e o acontecido produciuse unha diferencia insalvabel á que contribuiu a propia indefinición da Lei de Memoria Histórica e do PP-PSOE.  Por iso mesmo continuan sen abrir unha cuarta parte das fosas que hai en Galiza (a máis das que se deron por desaparecidas a pesar de que hai constancia da súa existencia) logo de corenta anos da morte de Franco. As exhumacións realizadas fixeronse baixo protocolos que tiveron que tirar adiante as iniciativas privadas e a boa vontade. Cos gobernos de Mariano Rajoy e  Feijoó houbo un retroceso evidente.
Reclamarmos  a condena dos crimes da ditadura e a anulación dos xuizos e sentenzas ainda vixentes  do rexime de Franco debería ser interpretado como unha necesaria restauración da xustiza e non como venganza.
Coma no resto do país, en Cedeira a maioría dos casos teñen en común que os asasinados foron realizados nos primeiros anos da Guerra Civil e que son maiormente homes. As mulleres que aparece entre a veciñanza asasinada de Cedeira  son Andrea Garrote e Xosefa Vigo. A leiteira Rosa Martínez e a peixeira Andrea Rodriguez son inculpadas por ter axudado aos fuxidos e a mestra Margarita Gallego, desterrada cinco anos fora da provincia.Estes son os dados dipoñibeis mas estamos certos que houbo outras violencias non recollidas(violacions de todo tipo) que afectaron as mulleres e a toda a contorna familiar que acabou tecendo unha rede de culpabilizacion, silencio e vergoña. Todo iso que nen é contemplado, tal era o escenario vulnerabilidade e vulneración que acabou proxectandose até hoxe. Na “Montaña herida” J.M.Castroviejo, un texto que cómpre revisitarmos malia o seu carlismo e falanxismo envergoñado, xa relata esa angueira e representa entre nós un dos primeiros recoñecementos da violencia sofrida polas mulleres durante a guerra e posguerra através da ficción. Precisamos reconstruir o imaxinario de resistencia e sobrevivencia en tempos de barbarie. A produción bibliográfica comeza a ser abondosa. “Un rio de sangue e tinta. A guerra civil española e o franquismo na narrativa dos galegos” de Román Arén e  Pastor Rodriguez pode ser un bo comezo a quen quiser encetar esa reconstrución memoristica através de quen a imaxinou. Mais recente ainda- vén de sair do prelo-  abordaxe de Montse Fajardo en “Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu”, do inasibel tema das persoas detidas, fusiladas, asasinadas en cunetas ou agochadas durante anos en tobos ou ocos de cociña, humilladas; das depuracións e batallóns, de cárceres e exilios que nacen no 36 até demorarse ao longo dos anos. Todo o que  é menos evidente mas xerou grande padecemento. En ensarillar lectura con “A primeira guerrilla antifranquista galega (1936-1939): un esforzo malogrado”, artigo de Eliseo Fernández e Dionísio Pereira publicado no Terra e Tempo.
Até o de agora o 20-N só os fascistas nostálxicos se apropiaban dunha data, cómpre facer dela un acto de reivindicación e homenaxe dos demócratas. Ocultóusenos a historia, mas nomes e voces temos  para lembrala.Agora máis ca nunca precisamos camiños e vieiros largos, pasais e carreiros  que xungan en man común as voces e os nomes que lles dar ao que resta da Galiza, para gañarmos entre todos e todas espazos de liberdade.

Alonso Teijeiro, Enrique

Execución Home de 23 anos, Mestre/a
Natural de Ferrol (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
PSOE, Mestre da Graduada de Cedeira
Morto o 18 de decembro de 1936 Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.


Amor Aneiros, Manuel

Prisión

Home de 19 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por adhesión á rebelión co resultado de sentencia cadea perpetua e multa de 273 ptas. Conmutación por 6 anos e 1 día en abril do 1940

Aneiros Loureiro, Rufino

Paseo

Home de 28 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira-Cervo, Cedeira (A Coruña)
Morto o 28 de outubro de 1936Reclamado para presentarse a filas, o seu pai testifica que fora detido pola Guarda Civil o paseado o 28-02-1936 sen voltar a saberse del. É procesado e declarado en rebeldía. Semella que foi paseado.

Arriví Arriví, Manuel

Paseo

Home de 39 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo, Cedeira (A Coruña)
Morto o 14 de agosto de 1937Morte en Cedeira nun traslado.

Arriví Caneiro, Francisco

Proceso

Home de 18 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo, Cedeira (A Coruña)Declarado en rebeldía en distintas Causas militares instruídas en Ferrol. Fuxido nos montes dende o 17/08/37 ata o 22 de Maio do 41, detido pola G.Civil en Cobelo. Retómase o proceso sendo Xulgado en Ferrol co resultado de sobresemento definitivo.

Barge Leonardo, Luis

Paseo

Home de 25 anos, Mariñeiro
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Soldado mobilizado
Morto o 28 de outubro de 1936Barállase en causa militar a posibilidade da súa morte, pero ao non estar rexistrada no rexistro de defuncións é declarado en rebeldía. Sin embargo, semella que está rexistrado en Ribeiras do Sor-Mañón.

Beceiro Bellón, José

Proceso

Home de 26 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado sobresemento

Bello López, Luis

Proceso

Home de 35 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado de sobresemento.

Bellón López, Tomás

Prisión

Home de 32 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por adhesión á rebelión co resultado de sentencia cadea perpetua e multa 273 ptas. Conmutación por 6 anos e 1 día en abril de 1940

Bernabé Martínez, José

Proceso

Home, Mestre/a
Veciñanza: Cervo, Cedeira (A Coruña)
Alcalde eventual de Cedeira no momento do golpe de EstadoXulgado en Ferrol por rebelión co resultado de declaración en rebeldía

Blanco Penedo, Manuel

Prisión

Home de 28 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por adhesión á rebelión co resultado de sentencia cadea perpetua e multa de 273 ptas. Conmutación a 6 anos e 1 día en abril de 1940. Peza de responsabilidades civís

Bouzón Teijeiro, Adolfo “O Noia”

Execución

Home de 28 anos
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.

Brañas Rodríguez, Andrés “Carrizo”

Execución

Home de 26 anos, Labrego
Natural de Ferrol (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
PCE
Morto o 25 de decembro de 1938Fuxiu en barco nos primeiros días do Golpe de Estado e declarado en rebeldía en varias causas militares. Capturado posteriormente, será xulgado por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado no Castelo de s Felipe-Ferrol

Bustabad Fernández, Jesús

Detención

Home de 22 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)Detido e inculpado en causa militar en Ferrol por rebelión, sendo posto en liberdade.

Bustabad Lamagueiro, José

Prisión

Home de 21 anos, Militar
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)
Mariño do CerveraXulgado en Ferrol por rebelión (causa seguida polos sucesos no “Cervera”) co resultado de sentencia cadea perpetua. Aberta outra causa por deserción no 37. Conmutación a 12 anos e 1 día en febreiro do 1942. Licenciamento definitivo en marzo de 1952

Castillo Domínguez, Antonio

Execución

Home de 39 anos, Veterinario
Veciñanza: R/ Galiano 18, Cedeira (A Coruña)
PSOE, Natural de Badaxoz. Presidente do Círculo Socialista do Centro de Ferrol
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.

Crego González, José Valentín

Detención

Home de 42 anos, Labrego
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: O Castro-Piñeiro, Cedeira (A Coruña)Inculpado en causa militar por complicidade con fuxidos, sendo posto en liberdade.

Crego González, José Antonio

Detención

Home de 50 anos, Labrego
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cordobelas-Esteiro, Cedeira (A Coruña)Inculpado en causa militar en Ferrol por complicidade con fuxidos, sendo posto en liberdade.

Cribeiro Villasuso, Manuel Eulogio

Prisión

Home de 22 anos, Fogoneiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Porto de Cedeira-Cedeira, Cedeira (A Coruña)
Fogoneiro do vapor de pesca “María del Mar”Xulgado en Ferrol por adhesión á rebelión co resultado de sentencia cadea perpetua e multa de 200 ptas. Conmutación a prisión 6 anos e 1 día en abril de 1940. Na Base Naval de San Fernando

Díaz García, Bernardino

Paseo

Home de 32 anos, Xornaleiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo, Cedeira (A Coruña)
CNT, Do sindicato da industria pesqueira de Cariño
Morto o 06 de setembro de 1936Morte rexistrada en Ferrol a causa de feridas provocadas por arma de fogo.

Durán Fraguela, José Cipriano

Execución

Home de 29 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Carbo, Cedeira (A Coruña)
Tenente Alcalde de Cedeira
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de San Felipe.

Feijóó Fernández, Salvador

Prisión

Home de 47 anos, Industrial
Natural de Maceda (Ourense)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por auxilio á rebelión co resultado de sentenza a prisión 12 anos

Fernández Freijeiro, Manuel

Execución

Home de 60 anos, Militar
Natural de Pontedeume (A Coruña)
Veciñanza: Praza do Peixe, Cedeira (A Coruña)
Militar Auxiliar de Intendencia retirado. Alcalde de Cedeira. Durante a súa estancia en Ferrol fora directivo da agrupación “Toxos e Frores”.
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de San Felipe.

Fernández Rodríguez, Ginés

Execución

Home de 26 anos
Natural de Ferrol (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Fillo do alcalde de Cedeira
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.

Fernández Santos, Miguel

Execución

Home de 31 anos, Funcionario/a
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Natural de Madrid. Funcionario de Correos
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado de sentenza a pena de morte. Executado no Castelo de San Felipe-Ferrol

Forneiro Varandela, Isaac

Execución

Home de 39 anos, Empregado/a
Natural de Ourense (Ourense)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Empregado de Banca
Morto o 18 de decembro de 1936. Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.

Fraguela Quintana, Rufino

Proceso

Home de 25 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado sobresemento

Freire Casás, Manuel Andrés “Cernada”

Prisión

Home de 26 anos, Albanel
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado sentencia prisión 12 anos e 1 día

Freire Fernández, Modesto “O fillo das Pepitas”

Execución

Home de 29 anos, Carpinteiro
Natural de Ortigueira (A Coruña)
Veciñanza: San Román, Cedeira (A Coruña)
Morto o 05 de xaneiro de 1942Tras estar fuxido e detido, xulgado en Ferrol (1941) co resultado de sentenza a pena de morte. Executado

Freire García, Andrés Manuel

Desaparición

Home de 43 anos
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Vila do Río, Cedeira (A Coruña)
Morto o 17 de agosto de 1936Inscrito como desaparecido no rexistro de defuncións de Cedeira en 1936.

Gallego Cerón, Margarita

Sanción

Muller, Mestre/a
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)Depuración. Desterro de cinco anos fora da provincia da Coruña

García Rodríguez, Ramón “O Rulo”

Prisión

Home de 43 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Sisalde-Esteiro-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por roubo co resultado sentencia prisión 15 anos. Causa iniciada en 1938

Garrote Rodríguez, Andrea

Paseo

Muller de 34 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: San Román-Cedeira, Cedeira (A Coruña)
Morta o 15 de setembro de 1936.Morte rexistrada en Cedeira a causa de “actuación da forza pública”.

Gundín Piñón, Feliciano

Prisión

Home de 23 anos, Militar
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)
Mariño de reemprazo no gardacostas “Álava” dos sublevados. Labrego de profesiónXulgado por rebelión e desobediencia (manifestar ter preferido entregar o buque ao inimigo) co resultado cadea perpetua por rebelión e 4 anos por desobediencia. Conmutación da cadea perpetua por 6 anos en 1940

Iglesias Freire, Antonio

Execución

Home de 24 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.

Lago Beceiro, José

Execución

Home de 27 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Esteiro, Cedeira (A Coruña)
Concelleiro en Cedeira
Morto o 18 de decembro de 1936. Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.

Leira Couto, Higinio

Proceso

Home de 17 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Piñeiro-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por adhesión á rebelión co resultado de sentencia absolución

López Candocia, Gerardo

Detención

Home de 36 anos, Labrego
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Castro-Piñeiro, Cedeira (A Coruña)Inculpado en causa militar en Ferrol por complicidade con fuxidos, sendo posto en liberdade.

López Garrote, Andrés

Detención

Home de 61 anos, Zapateiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: San Román-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Inculpado en Causa militar instruída en Ferrol por rebelión militar co resultado sobresemento

López Rodríguez, José Antonio “o Moure pequeno”

Proceso

Home de 26 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado de sobresemento provisorio e posto en liberdade

López Teijeiro, José

Paseo

Home de 32 anos, Labrego
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira-Esteiro, Cedeira (A Coruña)
Concelleiro da FP de Cedeira
Morto o 11 de marzo de 1938Rexistrado morto en Cerdido a causa de destrucción cerebral.

Lourido Arriví, Jesús “Manco de Diamantel”

Paseo

Home de 27 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo, Cedeira (A Coruña)
PCE, Tenente alcalde
Morto o 25 de agosto de 1936Morte en Ferrol rexistrada a causa de feridas producidas por arma de fogo.

Lourido Martínez, José

Prisión

Home de 28 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a 20 anos de prisión.

Martínez Abella, Bernardo

Prisión

Home de 19 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por adhesión á rebelión co resultado de sentencia cadea perpetua e multa de 273 ptas. Conmutación a 6 anos e 1 día en abril de 1940. Ingresa na prisión de Ferrol o 01/08/1936

Martínez Díaz, Rosa

Detención

Muller de 39 anos, Leiteiro/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo, Cedeira (A Coruña)Inculpada en causa militar en Ferrol por complicidade con fuxidos, sendo posta en liberdade.

Martínez Rodríguez, Andrés

Proceso

Home de 37 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Causa instruída en Ferrol por rebelión militar (desaparición da lancha a motor “Generosita” de Cedeira) co resultado sentencia prisión 20 anos. Condicional en novembro do 1941 e licenciamento definitivo e liberdade en xaneiro do 1944

Martínez Teijeiro, Enrique

Execución

Home de 41 anos, Chofer
Natural de Narón (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.

Meijide, José

Paseo

Home
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Morto o 28 de outubro de 1936Morte rexistrada en Ribeiras do Sor-Mañón. O seu xenro, Manuel Díaz García, tamén asasinado.

Muíño Pérez, Víctor “o Ino”

Proceso

Home de 25 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado de sobresemento

Muíño Pérez, Higinio “Charrioni”

Prisión

Home de 28 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a 12 anos de prisión

Nebril Yáñez, Andrés

Detención

Home de 24 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Régoa, Cedeira (A Coruña)Inculpado en causa militar en Ferrol por rebelión militar co resultado de sobresemento, xa que estaba de tido como prisionerio de guerra, tras desertar na fronte de Santander e pasarse ás filas republicanas

Orjales Martínez, Antonio “Antón de Manos”

Proceso

Home de 31 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado de sobresemento

Pardo Villar, Andrés

Prisión

Home de 30 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión militar (desaparición da lancha a motor “Generosita” de Cedeira e suposta rebelión) co resultado sentencia prisión 12 anos e 1 día. Conmutación por 6 anos en xuño do 40

Pardo Villar, José “O Leiteiro”

Morte

Home de 29 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo, Cedeira (A Coruña)
Morto o 14 de outubro de 1937Xulgado en varias causas en Ferrol co resultado de declaración en rebeldía. Fuxido no monte. Morto nunha batida da Garda Civil na cova Tarroeira-O Vicedo.

Pérez, José Leoncio

Proceso

Home de 25 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)Fixo a guerra na zona republicana. Tras a guerra estivo en diversos campos, en Rota e declarado adicto. Xulgado en Ferrol por deserción (instruída contra varios do trozo de “Ortigueira” por non se presentar a filas) co resultado de sobresemento.

Pérez López, Emilio

Detención

Home de 37 anos, Industrial
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)Inculpado en causa militar en Ferrol co resultado de sobresemento

Pérez Lourido, Ricardo

Desaparición

Home de 33 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo, Cedeira (A Coruña)
Morto o 14 de agosto de 1937Morte por disparos nun traslado en Cedeira.

Pérez Martínez, Manuel “Rolán”

Proceso

Home de 25 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado sobresemento

Pérez Pardo, Vicente

Prisión

Home de 27 anos
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión militar (desaparición da lancha a motor “Generosita” de Cedeira e suposta rebelión) co resultado sentencia cadea perpetua. Conmutación por 6 anos en xaneiro do 40 e condicional en novembro do mesmo ano

Pérez Senra, Nicasio

Paseo

Home de 54 anos, Labrego
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Esteiro-Cedeira, Cedeira (A Coruña)
Concelleiro da FP de Cedeira
Morto o 11 de marzo de 1938Rexistrado morto en Cerdido a causa de Hemorraxia Cerebral

Pérez Taracido, Ezequiel

Detención

Home de 26 anos, Carpinteiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Sisalde-Esteiro, Cedeira (A Coruña)Inculpado en causa militar por complicidade con fuxidos, sendo posto en liberdade.

Ramos Fernández, Vicente

Proceso

Home de 31 anos
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: San Román-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión militar (desaparición da lancha a motor “Generosita” de Cedeira e suposta rebelión) co resultado sentencia prisión 12 anos e 1 día. Conmutación por 4 anos en xaneiro do 40 e condicional en outubro do mesmo ano

Ramos López, José

Detención

Home de 56 anos, Labrego
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Montemeao-San Román de Montoxo, Cedeira (A Coruña)Inculpado en causa militar en Ferrol por complicidade con fuxidos, sendo posto en liberdade

Redondo Senra, Rufino

Execución

Home de 24 anos, Mestre/a
Natural de Oleiros (A Coruña)
Veciñanza: Devesos-Cerdido, Cedeira (A Coruña)
IR, Concelleiro
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.

Riola Martínez, José

Paseo

Home, Albanel
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Morto o 28 de outubro de 1936Morte rexistrada en Ribeiras do Sor-Mañón.

Riola Piñón, Antonio

Prisión

Home de 30 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión militar (fuxida da lancha a motor “Generosita”) co resultado sentencia prisión 20 anos. Condicional en novembro do 1941; licenciamento e liberdade en 1944

Rodríguez Armada, Andrés

Prisión

Home de 18 anos, Peón
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Piñeiro-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por adhesión á rebelión co resultado de sentencia cadea perpetua e multa de 273 ptas. Conmutación a 6 anos e 1 día en abril de 1940.

Rodríguez Caneiro, José

Prisión

Home de 27 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión militar (desaparición da lancha a motor “Generosita” de Cedeira e suposta rebelión) co resultado sentencia prisión 12 anos. Conmutación por 6 anos en maio do 40 e condicional en outubro do mesmo ano

Rodríguez Loureiro, Jesús “Garrús”

Prisión

Home de 22 anos, Obreiro/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Traballador nunha fábrica de salazóns. Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado de sentenza a cadea perpetua

Rodríguez N., Francisco “Cascarrón”

Execución

Home de 22 anos, Barbeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Morto o 18 de decembro de 1936Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte. Executado en Ferrol no castelo de s Felipe.

Rodríguez Piñón, Andrea

Detención

Muller de 27 anos, Peixeira/o
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Piñeiro, Cedeira (A Coruña)
Muller de Andrés Brañas “Carrizo”. Inculpada en Causa instruída en Ferrol por complicidade con fuxidos, sendo posta en liberdade.

Suárez Caruncho, Constantino “O Cañoto”

Proceso

Home de 54 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado de declaración en rebeldía

Vergara López, José

Paseo

Home de 36 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
Concelleiro
Morto o 25 de agosto de 1936Morte en Ferrol a mans da “Fuerza Pública”.

Vigo Pita, Josefa

Paseo

Muller de 39 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Sisalde-Cedeira, Cedeira (A Coruña)
Morto o 21 de marzo de 1938Morte rexistrada a causa de feridas producidas por arma de fogo. Lugar de aparición do cadáver: Valdoviño

Vilela Freire, Andrés “o Lelo”

Proceso

Home de 26 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cedeira (A Coruña)
No servizo militarXulgado en Ferrol por rebelión co resultado de sobresemento provisorio e posto en liberdade

Villar Piñón, Ricardo

Prisión

Home de 33 anos, Labrego/a
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Cervo-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por rebelión militar (desaparición da lancha a motor “Generosita” de Cedeira e suposta rebelión) co resultado sentencia prisión 20 anos. Conmutación por 6 anos en xaneiro do 40 e

Villarnovo Riola, Faustino

Prisión

Home de 19 anos, Mariñeiro
Natural de Cedeira (A Coruña)
Veciñanza: Régoa-Cedeira, Cedeira (A Coruña)Xulgado en Ferrol por adhesión á rebelión co resultado de sentencia cadea perpetua e multa de 273 ptas. Conmutación a 6 anos e 1 día en abril de 1940

 

 


Os verdadeiros heróis e heroínas que loitaran pol liberdade de todos e pola cultura como veículo do pensamento crítico. Hoje o oposto é idolatrado. A sociedade degenerou e parece que será um sem retorno

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off