off
Europa, Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 9 Novembro, 2015 at 8:37 p.m.

Non saíron os tanques, saíron os tertulianos

by
Proposta de resolució sobre l'inici del procés polític a Catalunya com a conseqüència dels resultats electorals". Font: Parlament de Catalunya
Proposta de resolución sobre o comezo do proceso político en Catalunya como consecuencia dos resultados electorais.” Fonte: Parlament de Catalunya

No contexto da severa crise económica en que vive a eurozona e o risco de desintegración por mor das involucións normativas con que algúns países están a responder ao alude de refuxiados e inmigrantes, xunto á incerteza sobre o previsto referendo de desconexión de Gran Bretaña da Europa dos 28, sería pura fantasía dice que pode pasar entre España e Catalunya tras a proclamación rupturista do Parlament. Porén unha cousa polo menos si fica clara: dentro da Unión Europea (UE) non haberá preito, por grave que se considere, que non se aborde desde o plano exclusivamente democrático. Outra cousa sería no caso dunha descomposición da UE.

Isto que parece unha perogrullada pode non selo tanto se miramos en problema coa perspectiva do sucedido neste país cando se discutiu o asunto da organización territorial. Non é necesario remitirnos ás guerras carlistas para furgar en experiencias máis ou menos recorrentes. Sen ir máis lonxe, no pasado século por moito menos do que aconteceu esta segunda semana de setembro na cámara lexislativa catalá rifaran a eito. Por tirios e troianos. O golpe de estado do 23-F foi un levantamento militar preventivo que buscaba impedir a escalada soberanista atribuída a estamentos políticos e sociais das autonomías. No lado oposto, a violencia de ETA ao longo de varias décadas de accións terroristas nunca logrou situar as reivindicacións abertzales na cota onde acaba de colocar as súas o pacífico independentismo catalán.

E iso é unha lección histórica que non deberiamos neglixenciar por moito que os trazos grosos da actualidade absorban toda a nosa atención sobre discursos, declaracións e liderados neste intre fulcral. Sen dúbida iso é moi importante, mas o realmente transcendente produciuse alén hemiciclo: entre a imensa cidadanía. É nese ámbito do común da sociedade civil onde se revelou o calado ético do que partidarios e refractarios estaban a defender no Parlament, sendo esa mesma escenificación o punto de partida que obriga a falar dun revival democrático. Á marxe das lóxicas sobreactuacións e brindes á galería, o visto, ouvido e producido por parte de todos os partidos alí presentes estivo presidido maioritariamente polo respecto mutuo, a tolerancia, o seny e o fair play. Nada que ver coa rifa fuleira, as biles mal disimuladas e as parvadas que se presenciaron no Congreso da madrileña Carrera de San Jerónimo en momentos críticos como a moción de censura a Adolfo Suárez ou algunhas sesións que precederon a tesourada.

E ese mesmo clima respirábase nas rúas, os cafés e os lares de media España. Normalidade absoluta. Non indiferenza, porque as enquisas sinalan que a “cuestión catalá” está a empezar a forxar opinión entre o eleitorado, mesmo naturalidade. É coma se a xente tivese xa descontado o dereito a decidir como un activo civilizatorio. Con todo, ese ambiente exemplar que se percibía entre a cidadanía adquiría trazos de traxedia grega cando un se debruzaba nos faladoiros que tiñan lugar ao unísono en moitas televisións públicas e privadas de cobertura nacional. Alí, os todólogos en nómina rivalizaban en grosería, tremendismo, insultos e mamarrachadas, como vates enraivecidos porque o orbe estiver a arruinarse ante os ollos “sen que ninguén fixera nada para remedialo”. Abonados ao statu quo, a poeira que moitos destes Xeremías vendían era un capítulo da vella estratexia da tensión que afortunadamente hoxe xa non ten comprador.

Velos traia á memoria aquilo do 15-M “apaga a tele, acende a túa mente”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off