off
Opinião, Política, Politica espanhola — 7 Novembro, 2015 at 9:20 a.m.

Sahara: secesión sen autodeterminación

by
Fonte: Paz y Seguridad Internacional
Fonte: Paz y Seguridad Internacional

En España hai territorios históricos e secesións históricas. Os territorios históricos son todos aqueles que posúen unha lingua e personalidade propia. Idiosincrasia que preservaron durante séculos en desigual contenda co centralismo borbónico, esa anomalía que España importou de Francia fronte tantas outras cousas boas que ofrecía a Revolución de 1978. Logo están as secesións históricas, e aquí hai de varios calibres. As xa homologadas como estados independentes, caso do veciño-irmán portugués, e as que o son á vice-versa, é dicir por razón de estado. Entre estas últimas figuran Ceuta e Melilla, enclaves onde impera unha españolidade colonial carente de dereito de autodeterminación, e Xibraltar, espazo anexado a Gran Bretaña polo Tratado de Utrecht de 1713, cuxa poboación rexeitou vía referendo en 2002 volver conectarse con Madrid.

Por tanto, e mália do relato cadeado que sobre o tema ofrece a vixente constitución, o vaivén da secesión nas súas diversas aceptacións non é algo alleo á historia de España. Temos todo tipo exemplos á carta. Porén sobre todo existe un recente que torna máis complexo o pensamento único predominante no debate desatado en Catalunya en torno ao dereito a decidir. Un conflito este último que concitou a unanimidade de todas as forzas políticas de ámbito estatal a favor da súa censura e chegado o caso da súa decapitación. Porque perante a intrínseca maldade con que a Marca España visa calquera posibilidade de autodeterminación, érguese a sombra dunha secesión boa, augurada polo Estado español e que mesmo madrugou á transición: a do Sahara español.

Cúmprese agora exactamente 40 anos desa secesión outorgada, aínda que mellor habería que dicir “entregada”, pola que o Reino de España pasaba a administración do Sahara Occidental ao Marrocos de Hassan II, aquel cruel autócrata cuxa morte fixo chorar de pena a Xan Carlos I, e a Mauritania, neste caso a parte menos rica do seu territorio. O Acordo de Madrid de 14 de novembro de 1975, que puña fin á tutela española nesas terras, formalizouse en vida o goberno de Arias Navarro, cos parabéns do Rei, entón en funcións de Xefe de Estado e das Forzas Armadas por doenza terminal de Franco. Previamente, o monarca alauí abenzoou “a marcha verde” despregando sobre o Sahara milleiros de marroquís escoltados por militares para plasmar polas bravas o que poucos días máis tarde tería sanción legal.
Desta forma os poderes fácticos que estaban a piques de promover unha transición democrática entregaron ao seu inimigo tradicional a unha poboación castelán falante (perto de medio millón de habitantes segundo o censo de 2014) asentada no estratéxico flanco atlántico do centro de África. Naquel interregno, co ditador no limiar da morte, a presión diplomática de Estados Unidos a lume de biqueira e as cúpulas dos partidos de esquerda PSOE e PCE ao seu, tres anos antes de que a constitución consagrase a “indisolubel unidade da Nación española” (art.2) e encargase ao Exército “defender a súa integridade territorial” (art.8), as autoridades e institucións españolas brindaron a secesión do Sahara Occidental ás fauces de Rabat.

Na asimétrica comparanza que esas catro décadas oferecen, a cuestión capciosa consistiría en saber se para dar carta de natureza ao dereito a decidir en España pesa máis unha “marcha verde” paramilitar de 350.000 súbditos ou un plebiscito democrático referendado por máis de dous millóns de cidadáns.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off