off
Movementos sociais, Opinião, Politica espanhola — 2 Novembro, 2015 at 8:16 a.m.

A CUP no seu labirinto

by

“O problema do mundo  non é que a xente intelixente teña dúbidas,
mas que os estúpidos estén cheos de confianza”.
(Charles Bukowski)

CUP_ollaparoMorrer de éxito é o que agarda a quen, persoas ou colectivos, teiman en soprar e sorber á vez. Cunha diferenza nas consecuencias. Cando o agraciado é un individuo, ele o guisa e ele o come. Mas cando se tratar dunha organización, os damnificados son moitos e diversos, xeralmente alleos ao promotor. E disto  está cheo a política realmente existente. Aínda que, como os zombis, algúns afectados non se decaten que persisten só en holograma.

Podemos, é o caso máis palpabel desta reciclaxe. Empezou a morrer de éxito o mesmo día en que culminou a súa constitución na asemblea madrileña de Vistalegre. En cheiro de multitude, a formación política que se ufanaba herdeira do 15-M, minguou  cando se dotou dunha estrutura clonada dos partidos da denunciada caste. Xerárquica, autoritaria, caudillista, verticalista, burocrática e falsariamente democrática, entregando todo o poder de decisión á cúpula, á que dotaba (case por aclamación) de privilexios que lembran os contratos blindados dos altos executivos empresariais.

Todo un trunfo para a minguada minoría dirixente e unha frustración diferida para cantos, dentro ou fóra das súas coordenadas, confiaban nas ringleiras de Pablo Iglesias para materializar a ansiada rutura democrática co réxime do 78, o da  crise inoculada e o bipartidismo dinástico hexemónico. Un ano despois desa exultante encenación, tan acirrada pola medioteca, as perspectivas  devalan. Onde os líderes de Podemos ven un modelo de virtudes, paira a decepción. Na prospectiva electoral, Podemos xa non asaltará os ceos do sistema e dificilmente será determinante na configuración do novo parlamento.

Para alén da euforia inicial, o balanzo rexistra desfalecemento na Eurocámara (4 dos seus 5 deputados abandonárona logo de seren elixidos pola cidadanía para ese labor específico) e o panorama dunha esquerda que disputará as eleccións do 20-D máis atomizada cá nunca nestes derradeiros 37 anos. Hai moita “esquerda matrix” no fervedoiro. Está a que ten ao  ex xuíz que criminalizou a “contorna”  para lexitimar a caza de bruxas ao disidente como cabeza de lista ás xerais pola rama llamazarista de EU. Ou esoutra variante explicitada por Iglesias desde o atril do Palacio da Moncloa en favor do dereito a decidir poucas semanas despois de aplaudir que Tsipras boicotease o veredicto do referendo grego. Con eses atrabiliarios esquemas non sorprende que a dereita (PP + Cidadáns) supere xa en máis de 3 puntos o obtido en 2011, segundo as últimas sondaxes.

…o que axexa na axenda de Podemos pode visarse como unha sutil ameaza para a CUP (Candidatura  de Unidade Popular) na súa aposta pola autodeterminación política, económico e social en Catalunya.

Porén, o que axexa na axenda de Podemos pode visarse como unha sutil ameaza para a CUP (Candidatura  de Unidade Popular) na súa aposta pola autodeterminación política, económico e social en Catalunya. A CUP e Podemos, a primeira de menor rango territorial que o outro, partillan algúns acenos de identidade, mesmo desde as antípodas. Ambas en dúas  formacións políticas respostan a un efecto chamada dunha cidadanía farta de corrupción, e as dúas tamén se apresentan programáticamente como alternativa ao sistema, verbalizando un compromiso de disidencia estrutural a proba de consensos de mesa padiola. Diferéncianse, por iso, en que mentres a CUP nace dunha longa marcha desde o colo do municipalismo e a súa democracia de proximidade, Podemos evita a política local por considerala carente de poderes fácticos.
Nese contexto, á CUP chegoulle o seu momento Vistalegre con ese esfollar a margarida Mas si-Mais non para pilotar a desconexión co Estado central. Ese é o nó gordiano que determinará o seu futuro como proxecto democrático de longo alento. Xogar a carta da coherencia, rexeitando o pódium no medalleiro dos grandes de patria, pode reportar positividade ao final do camiño. Pola contra, ceder ás pretensións continuistas dos vigaristas do 3%  significaría ofrecerse candidato a morrer de éxito. Se Artur Mas non foi promocionado a protagonizar Junts pel Sí polo seu avultado currículo antisocial, sería difícil asimilar que, engadido o seu torrencial horizonte malfeitor, fose levantado invictus á presidencia da relucente república catalá. Nacería con chumbo nas ás. Sería empezar a casa polo tellado, pondo o raposo no poleiro e obrigando a máis a cubrir co armiño do victimismo a quen todos os indicios sinalan como un bandallo incorrexíbel. De seu, ese expediente  foi o  argumento que levou á CUP a evitar fundirse na coalición JxS. Ou seica o resultado do 27-S sería o mesmo se o desacreditado Mais liderara a oferta soberanista?

Mais unha vez, unha organización política que mergulla no imperativo legal  institucional co dilema medios-fins impaciente. O imaxinario dunha república catalá agarda e non resultará indiferente a opción finalmente empregada. A do atallo leva ao absolutismo xesuítico que xustifica todos os medios para alumar unha nova estatalidade co mesmo ADN que os seus adversarios de onte. O camiño dunha ética de medios que configuran fins é moito máis incerto, duro, lento e esixente, mas ten o aliciente da sustentabilidade democrática e o exemplar legado xeracional. Fai pedagoxía para que sexa a mudanza persoal evolutiva a que  se torne cambio social transformador, e non en levantar o castelo de naipes dunha democracia sen demócratas. Onte sempre está ao alcance, o porvir precisa máis esforzo e precisa do traballo ingrato.

O camiño dunha ética de medios que configuran fins é moito máis incerto, duro, lento e esixente, mas ten o aliciente da sustentabilidade democrática e o exemplar legado xeracional.

Na realidade, a raíz do problema non está en máis ou menos Mas, mas no estigma do home providencial. Esa milagreira idea de que unha só persoa (home ou muller) posúe calidades que a magnifican (trátese de Cristo, Durruti ou Marx) mentres os de abaixo agradecen con grande fervor os dons recibidos. O feito mesmo de que se admita a política como unha verdade revelada a través de supostos seres superdotados implica, por moi outos valores que se prediquen como principios, construír unha sociedade subordinada de rabaños e pastores. Entraña, en última instancia, facer da autonomía do suxeito aquí unha franquía no alén, mutando a historia civil en historia sacra. Unha ofuscación á que a orixinalidade antipartido da CUP, como comunidade eleitoral de carácter anticapitalista, independentista e con todo antinacionalista, pode non ser totalmente inmune.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off