off
Galiza, Movementos sociais, Opinião, Política — 29 Outubro, 2015 at 8:13 p.m.

De unións e marés

by

union_OLLAPAROQue non-acontece en Galiza? Como non podería ser superficial cando é dificil penetrar non só no plano dos feitos mas na pròpria conciencia dos actores do proceso a favor dunha única candidatura galega? Chegaran tempos de amadurecer e arriscarse ou seguimos mergullados no desánimo político? Como é que se chegou a isto? Tan mal o fixeran ou mais ben estamos nunha fase necesaria, adiada tempo de máis? Como achegar algo coherente a partires do diferido, do fragmentario e das distancias catalanas? Non é por acaso nin por pruído intelectualista que quixera referirme á “unión” nun intre en que a parte do pobo apaixonada pola participación directa no melodrama da sociedade civil galega non fala doutra cousa que de unidades de diversa fasquía e procedencia que no entanto non se sacrifican – agás raras excepcións- ás exixencias da palabra.

O concepto “unión” é unha entidade bastante amorfa, mesmo insignificante en termos morais e, en certos aspectos, tan responsabel dos estados de opresión e explotación canto dos de emancipación e liberación, aquén e alén. Porén, na “unión” está vivo e vizoso o sentimento de “comunión” da acción colectiva. Non por acaso os promotores das “marés” acharan acaida esta metáfora para afivelar unha expresion atę certo punto impenetrabel e por iso significante baleiro.A unión, a unidade, tén unha fasquía heroica dificil de contradicir porque dela se deduce que, de argumentarmos na súa contra estariamos a detupar o obxectivo épico que a alimenta (ou comigo ou contra min). Dalgún xeito, baixo a categoría de unión aniña o sentido da política como cooperación entre as persoas nunha urdime de relacións baseadas na igualdade dos seus membros, na ausencia de violencia e coerción, no consenso. Se lembramos a noción de política na cidade grega, pobo, sociedade e estado eran mais ou menos unha mesma e única realidade. O que Aristóteles colocou baixo o termo philia. Mas a unión tamén aforra a formulación de todo o que incomoda e atrapalla o debate sobre as pedras de tropezo do camiño. Ao cabo, a unidade achega un sentimento primitivo da experiencia de fraternidade cara os semellantes. A unión como figura do colectivo.

Dicía Andrea Caffi que a indiscriminada fasquía da fraternidade é tamén o seu límite á hora de afortalar un vínculo social e político. A unión fai a forza, dise. Contodo, a fraternidade non escolle os seus membros, atópaos. É por iso que o pensador ruso-italiano abrazara a escolla selectiva da amizade fronte a indiscriminado sentimento de compaixón que anima a fraternidade. Escóllese ao amigo que non se acha dado por unha relación de natureza. Permitídeme, pois, adoptar a perspectiva existencial de Caffi.

Nun mundo submetido ao confrontación e á competencia do todos contra todos a seducción da fraternidade alicerza precisamente no pouco gasto que precisan as fratrías. Como primeiro aceno de afecto a fraternidade alicerza na miraxe da comunión, de estarmos xuntos facendo comunidade en termos de indixencia. Reducirmos a incerteza nun primeiro aceno fraternidade baséase principalmente no elo humano que nos une, mas esa alquímica unión ainda que reforza o sentido de pertenza non abonda como alicerce do vínculo social e político. Trátase dunha categoría e concepto antigos e por iso talvez moi respetabel de aí que o postulado dunha “candidatura única” serviría como transposición á politica do mito pedáneo da unidade e bondade do pobo fronte a dispersión e fractura dos partidos e do egoismo da “caste”. Non é por acaso que a fórmula eleitoral española tenda precisamente a punir a división do voto. Estraña “defensa da democracia” que se inaugura  cunha vincativa intolerancia contra toda opinión diverxente e que cada vez se asemella máis a unha democracia que afunde os alicerces de xuizo do público no andazo unanimista.

Porén, a philia inclínase e alárgase nunha relación contractual que visa un maior grau de reflexividade. As afinidades electivas que constituen o núcleo da amizade dase entre suxeitos de vontade que se queren recíprocamente. Quer dicer, a amizade é unha troca do don da confianza entre posicións de forza, equivalentes grosso modo. O don é unha virtude, un poder no que alicerza a amizade. Se a confianza é derramada, a amizade rompe. A confianza que define a amizade non se basea na instrumentación económica mas nunha relación voluntaria que ainda mantendo a súa gratuidade contrasta coa relación monolóxica de fraternidade. De feito, nunha relación de fraternidade o que se dá e se dí prescinde do que o outro poda achegar ou dicir. Porque a fraternidade non é dialóxica permite elidir elementos chave na relación.

Por moi severa ou radical que poda ser, as tentativas de unión por conservar a dignidade da esquerda galega através dunha candidatura galega de unidade de cara ás eleccións xerais non se poden dar a partires da hipótese da fraternidade augacenta das marés. Infelizmente este é o equívoco centro de gravedade do proceso unitario e non o da amizade. Fronte ao carácter bidireccional e dialóxico da amizade (dise e achégase, mas agárdase unha contrapartida) impera un incerto sentimento de igualdade natural – que é quen de tolerar, por outra banda, inconfesables disparidades e egoismos. Portanto, como alicerce da unión o humanismo da fraternidade – unha tradición mais ou menos conscente nos axentes que participan- obvia que alén das súas vantaxes tamén se eliden os seus inconvenientes. Nin a esquerda, nin o pobo nin a nación galega é unidade mas pluralismo. De sermos pobo, esquerda ou nación que merezan deberá ser partilladas cos outros desde unha relación reflexiva e cualificada capaz de decidir relacións e opcións, a falta de dialóxica amizade vén pór en evidencia as limitacións dos procesos de unidade nunha candidatura galega. A unidade é unidade, porque é de seu restricitiva. Por iso sempre é de mínimos. Por iso surprende a finxida inxenuidade preñada de indignación e de acenada taumaturxia a ambas beiras do regato, como se a simples formulación performativa da unión realizara o feito da unión- porén, o que excede a analise lingüística,non serve en política. Nomeadamente, a de quen sendo protagonista durante anos da esquerda nacionalista ainda non explicou a súa viraxe estatalista,agàs o traslado do culto de lideranza na persoa-visibel na inèdita adulación mediàtica-, se ben serviu para provocar un balbordo saudábel no seu papel de bombeiro incendiario que acabou por achar fora de Galiza un reforzo significativo da aura que sendo xenunina ou  forzada, antes como agora, é ao prezo da unión partidaria.Explicarnos,tamėn, como unha suposta “candidatura de unidade” que nunca se fixo explícita por parte das Mareas serviu para cederlle a Podemos un protagonismo que non  tiña agás na sobreexposición catódica espaňola. Unha xuntura dispar que non é máis decisoriamente galega do que as candidaturas do PSG-PSOE ou o do PP. Somos país onde perdura a idea de que os fillos son propriedade dos pais e sempre ficarán en débeda con eles, decote a emancipación enxérgase como unha falta. Fasquía saturnal de esquerdas. De quen se deu a si propia unha tarefa imposibel.

De facto, a unidade é demasiado superficial que evita a cuestión.Pode a realización dunha candidatura unitaria galega reducir o reinado dos tecnócratas madrileños ao servizo das oligarquías económicas españolas e galegas a expoliación do país?  Se callar, habería que tirar menos das obsesións tacticistas do convencionalismo partidario, pendente sempre das eleccións e non entrar no ditirambo da lista única. Pasan os días de sobreexposición mediática, e imos descobrindo como se deixa claro que Galiza “antes roja española” que “vermella galega” . Non é que teñan redescuberto a loita de clases, é que no patchwork de emerxencia electoral o “suxeito político de ruptura” é un descosido que só contribue a unha resignación masoquista.

Seica coincídese en máis dun punto, entre outros, o proxecto nacional. Mas se como afirma Suso de Toro, “o proxecto nacional é o que nos dá a candidatura”, a certeza desta afirmación non obvia que non é certo que ainda dándose unha candidatura unitaria lle corresponda de modo automático unha conciencia máis elevada, más intensa (unum verum) e máis nídia do problema nacional. O que dá para pensarmos, cando menos, que media unha contradicción entre os obxectivos definidos e a natureza da unión definida coas fratrías actuais malia a fartura de boa fe amosada.
Dí a teoria cuántica que a observacion dun obxecto pode afectar outro ainda que non o teñamos a man ou esté na outra punta do universo. Un efecto fantasmagórico que Einstein rexeitaba mas amplamente demostrado en política onde as distancias son aparentemente menores. Mas hai quen de xeito inxenuo acreditou que apenas no principio de localidade, segundo o cal un obxecto só é submetido à influencia da súa contorna imediata.Porèn,contrariamente, axiuse como se a acción fantasmática ou taumatúrxica dos persoeiros abondara para entrefrebrar e unir dun xeito tan estreito que polo só feito de nomear “candidatura galega” concitara adhesions, como se as particulas separadas poderan interactuar de xeito instantàneo e sen disonancia.O tempo corre cara atrás, a máis de cara adiante. Mas pode ser unha oportunidade.Que o experimento imaxinado pase a ser posibel como práctica abaixo-acima e despois rutinario para construirmos philia e, con ela, sociedade.

As unións en frío baseadas nunha arela – por moi necesaria que esta poda ser en termos do sistema eleitoral español e fronte o seu devalo cara o autoritarismo postdemocrático- estaban abocadas ao fracaso. Permiten certo debate adiado mas non amosan vincallo coa exacerbación e o imprevisible. Para que este se defina como proxecto e como práctica precisa  unha maior suspensión e intensificación das divisións. A unión convirtirase en valor cando se produza ruptura de determinados marcos mentais (velaí Catalunya).  Porque a tentativas actuais non naceran da adversidade, non defrontan máis adversario  que si mesmas e a saudade de Amio. O que Alain Brossat sinala como a virada do “estar-con” ao “estar-para”. Porén, nesa xeira retornou a política malia facelo coa fasquía das minorías ruidosas. Mas non é de abondo para contruir comunidade. Non hai nada menos comunitario que a vida regulada polo principio do idéntico. 

Alén diso, a candidatura galega como meio para o proxecto nacional- ao cabo, para a liberdade- é válida dun xeito limitado. O que non se formula e segue a ser presuposto de silencio, como un punto de referencia invisibel é a independencia. Como a cervexa sen alcohol, como unha candidatura galega sen independentismo. O unionismo autonomista – semella oxímoro- a pseudopaixón da candidatura única, non só deslinda os nacionalistas e os outros, mas reduce o ámbito mental do soberanismo ao desradicalizalo. Porén, precisamos máis ca nunca proxectos nídios e confesábeis. Non por acaso é que se precisan puntos de fractura no que os antagonismos se tornen abertos, anárquicos, para que a “unidade” apañe fasquía e corpo. Un asilvestramento voluntario que vaia da agónica xunción de quen se une en fraternidade nunha “causa”, no ideal común ou na inminencia do perigo, ao vínculo soerguido na philía, no recoñecemento de singularidades e na reciprocidade. Non apenas deslocamento, mas reinvención.Ao cabo, o problema non é a premura da unión a ditado do sistema eleitoral español, mas a velocidade. Porén, o preocupante son os acenos de aggiornamento autonomista e contra dirección. De feito, as eleccións xerais do estado, carregado de contradiccións, o que inaugura en Galiza é unha etapa de reconstrucción do sistema de partidos galego. Nesta lóxica, estan todos os actores, comezando polo exlider do BNG e a súa resistencia a dar un paso atrás, malia albiscarse un previsibel paso por sucesivas humillacións que lle ten preparado Podemos.  Está por ver se Nós-candidatura galega continua tecendo relacións e ampliando a súa base de relación e influencia alén BNG. Con primarias ou sen elas é a oportunidade de acadar a hexemonía do soberanismo . Ao cabo, esta á soterrada batalla política do momento en Galiza. Porque ainda está por ver se as coordendas españolas lle son propicias ao tandem da esquerda estatalista ou ao PP-Ciudadanos,ou se, chegando o caso se acabe impoñendo a fasquía prepotente, a miopia política e a fachenda imperial dos dirixentes políticos españois.  Miudiña, mas houbo luzada. Ainda que for a luzada do desastre o país faise afrontando os perigo e as divisións. . Vixilade  o segredo, vixilade a saúde!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off