off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 29 Outubro, 2015 at 4:42 p.m.

O “golpe de Estado” de El País e os sumidoiros do réxime

by

O Estado de Dereito tamén se defende nos sumidoiros
(Felipe González)

sumidoiro_madridAflorar a trama de corrupción do patriarca do catalanismo Jordi Pujol precisou, a máis dun necesario soporte indiciario, a implicación do delincuente financeiro De la Rosa, o polémico comisario Villarejo e o “Pequeño Nicolás”. Ese é o recuso de derradeiras vontades que na etapa dos Gal, en tempos do Señor X das crónicas, se visionaba como accións encubertas por imperativo ilegal. Ante a “solemne declaración do inicio dun proceso de creación do estado catalán independente en forma de república”, en esencia o desarrollamento daquel famoso atado de dobre nó mariño, a activación das cloacas do Estado viuse precedida por unha traca reaccionaria a cargo da prensa que mellor representou ao réxime do 78.
Fronte ao ton moderado, prudente e até comedido empregado por Mariano Rajoy na súa primeira comparecencia pública para responder ao “desafío soberanista”, o diario El País do 28 de outubro tronaba como un canón xiratorio tachando ao presidente do goberno de pusilánime e esixindo unha aposta máis terminante sen clarexar até onde debía chegar. Todo iso nun cenario que superou en radicalidade patriótica aos seus colegas máis rancios, como o conservador La Razón e o borbónico ABC. De feito, o órgao por excelencia da Marca España non dubidou en cualificar a lexítima proposta da maioría do Parlament de “golpe ao estado”, maquillando o agresivo “de” polo máis levadío “ao”, para non ser alcumado de tremendista.

Un truco barato porque os titulares utilizados para cubrir a información mostran sen andrómenas un posicionamento descaradamente intervencionista e case cruzadista. Así, na portada e a cinco columnas podía lerse: “a declaración de independencia non recibe resposta de Rajoy”. Que se non fose porque o seu máximo directivo, Juan Luís Cebrián, é membro de número da Real Academia Española da Lingua (RAE) e debe presupórselle rigor conceptual, cabería valorarse como unha acusación de alta traizón ao líder do Partido Popular (PP). Sospeita que permanece e acrecéntase até tinguiduras preocupantes cando en páxinas interiores insístese na fórmula alarmista e autoritaria con outro enunciado se cabe máis revelador do seu ardor guerreiro. “Rajoy só ofrece a Sánchez e Rivera a estrita aplicación da lei”, sentenza o xornal no que mentes calenturientas poderían considerar unha incitación a tomarse a xustiza pola súa man. De feito, ao político ultra García Albiol inspiroulle para cualificar o sucedido de “golpe de estado sen armas”.

Mas non é a única fronte no que se manifesta a tentación totalitaria de defenderse desde os sumidoiros do sistema. Simultaneamente ao pronunciamiento do tándem Cebrián-Albiol, desenvolvíase unha operación policial contra colectivos anarquistas e libertarios en Catalunya, que era presentada polo mesmo medio como destinaba a desarticular “supostos grupos terroristas”. Aínda que a noticia realzábase ao vir enmarcada cunha cabeceira que aseguraba que as detencións abrían “a primeira brecha entre a CUP e JxSí”. Se ao moi pouco honorabel Artur Mas e ao seu partido do 3% lle implosionaron coas sórdidas tramas do “clan Pujol”, a CUP pode verse na picota do descrédito social polos danos colaterais da redada contra os presuntos petardistas. E é que tamén en política o que non é tradición-tradución é plaxio. A filtración xornalística da entrevista secreta entre o entón líder de ERC Josep Lluís Carod-Rovira e o etarra Josu Ternera en Perpiñán quedou como un dèjá vu de libro.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: