off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica internacional — 23 Outubro, 2015 at 9:33 a.m.

Palabras terríbeis e sen horizonte

by
Hiroshi Sugimoto, Mediterranean sea, circa 1990.Thought-Factory.netCC BY-NC 2.5
Hiroshi Sugimoto, Mediterranean sea, circa 1990.Thought-Factory.net CC BY-NC 2.5

Quen adota o silencio sen elaboración do luto pódese atopar que malia os aparentes tabús, ecoen baixo a cuberta do cránio palabras terríbeis que semellaban superadas. A manifestación  de vinte-mil persoas en Dresden pedindo “deportacións  masivas imediatas” son actos de violencia  contra o extranxeiro. Xenreira e furia contra os musulmans como antes o foi contra os xudeus. A alcaldesa de Colonia sofriu  hai pouco unha agresión neonazi.  É o que ten a latencia do repremido sob o discurso da bonanza económica de posguerra.  Na súa visita a Alemaña, Netanjahu teima en submeterse á proba de Auschwitz: reiterou as suas observacións sobre a responsabilidade do palestino Mufti de Xerusalén sobre o xenocidio. Segundo o líder israelí, Hitler só queria expulsar os xudeus da Europa, sendo o Grande Mufti de Xerusalén, Amin al-Husayni, que o convenceu a implementar a “Solución Final” para advertir que de outra forma iria voltar.  

A  afirmación de Netanjahu é terribel. Isto non é ollar o pasado de cara, é alimentar a furia e o fatalismo con falsedades históricas. O mufti foi aliado dos nazis, mas non foi o autor intelecutal do xenocidio. Cando protexido polo Eixo, chega á oficina de Hitler a finais de novembro do 41 a política de extermnio do Terceiro Reich estaba a ser executada. Ainda que a Conferencia de Wannesee foi en xaneiro do 1942, nos meses anteriores foran asasinados milleiros de xudeos en terras rusas que viñan de ocupar os nazis, através do “xenocido por balas” ou mortos polas epidemias ou a fame no guetos polacos. No entanto, en Auschwitz ensaiabase con Zyklon B. Ainda que pensaran na deportación ou expulsión e que o muftí tentara convencelos que non o fixeran porque temía que procuraran refuxio en Palestina reforzando o proxecto nacional sionista, a mesma idea de deportar millóns de xudeos en plena  guerra era mesmo inaplicabel. Unha inequívoca lealdade que non o torna, porén, en teórico ou autor intelectual do xenocidio.  Lembráballo  a propia Merkel: Alemania “asume a responsabilidade polo Holocausto…ninguén debe negar que Hitler foi responsábel“.“Esperamos que todas as partes contribuir de acalmar a situación” engadiu. Como incomprensibel é que, ainda hoxe,  haxa responsabeis palestinos que reivindiquen a Al-Husseini. 

O paradoxo do asunto é que- así o recolle en Homo Sacer Giorgio Agamben citando a Jean Améry- na “xerga do campo” [Auschwitz] o prisioneiro convertido xa en cadaver ambulante (Améry)  se chama der Muselmann, o musulmán ( que Agamben remete á literalidade do significado de muslim, quen se submete incondicionalmente á vontade de Deus, “orixe das lendas sobre o presunto fatalismo islámico, bastante difundidas nas culturas europeas durante a Idade Media”). Eís unha acepción despreciativa que na Encyclopedia Judaica ten a menos convincente explicación – acrescenta Agamben- do que está acochengado no chan coa pernas dobradas ao xeito oriental.

Sen horizonte. En apenas unha semana 70000 persoas fuxiron de Alep cara a fronteira turca. A falta de cohesión nos Balcáns aumenta a presión sobre ese roteiro de fuxida. Porén, a UE foi a primeira en amosar a súa própria desunión, ou a evidencia dos límites dunha unión alicerzada na unión monetaria coma único proxecto. De feito, o problema dos Balcáns non é máis do que un problema europeo. Dunha Europa incapaz de amosar liderado nesta crise, afirmaba o ministro eslovaco de asuntos exteriores. Cada minúsculo paso é  administrado a ritmo de  burocracia que aumenta o tamaño da desfeita, agravando a situación dos milleiros de refuxiados atrapados por unha UE en parálise. A Europa que os refuxiados tiñan idealizado como destino ficou sen horizonte. Malia os esforzos da Merkel en asegurarllles aos paises balcánicos o camiño cara a adhesión.  Porén, decretouse outro adiamento de cinco anos para calquer  ampliación.  O que ten a ver coa feble influenza da UE na rexión.  Segundo un informe do European Coucil on Foreign Relations, alértase que un discurso de intolerancia acabe por alicerzar nos Balcáns e Macedonia, nunha situación, afírmase, de “condicións economicas precarias, insuficiente gobernanza e frustación”. En apariencia, na Europa da Troica só a chanceller alemá Angela Merkel está axir conscente, cando alertou que os refuxiados da guerra de Síria confronta á UE co seu maior reto dende a súa criazón. Para os alemáns, con certeza, acada proporcións semellantes aos da unificación.

One Comment

  1. Netanyahu é un miserable co seu propio pobo. Pero o peor é que é un miserable cos mortos.

Deixa unha resposta a XoséCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off