off

Slim e a solución final

por
"Pódese prever que un neno home nado en 2012 nun país de altos ingresos vivirá até a idade de 76 anos aproximadamente" (Estatísticas Sanitarias Mundiais 2014.OMS)
Mire Beters

Mire Beters

Hai moito tempo que os poderosos deste mundo levan dando voltas ao tema de como lograr seguir dominando sen os submetidos se indispor. As guerras mundiais, cos seus millóns de desaparecidos, xa non son solución porque hoxe a destrución pode alcanzar a calquera e o que mal empeza nunca se sabe como pode rematar. Ensaiaron coa pobreza e a extrema desigualdade, mais  encher as rúas de mendicantes é unha mercadotecnia que ao cabo desmerece a radiante imaxe do negocio. Após a derradeira crise financeira, demostrouse que os movementos migratorios complican en exceso a vida aos gobernos dos países receptores que aseguran a orde estabelecida. Portanto, semella abrirse un concurso de ideas porque as grandes fortunas non  poden permitirse desafíos brutais como o que protagonizou o norteamericano Warren Bufett con aquilo de “”nós, os ricos, comezamos a guerra de clases e estamos gañando”. A medio prazo, cuspir sobre o cadáver alleo pode cebar desagradabeis respostas indiscriminadas.

Por iso que non é raro ver a Carlos Slim, o segundo home máis rico do mundo e un sobranceiro activo dese elitista  1 por 100 que posúe o 50 por 100 do patrimonio do planeta, na aula magna da Universidade de Alacante (UA) expondo a súa opinión sobre o problema que máis abura ao seu gremio. O mexicano é un tipo de probada  experiencia e o seu criterio sempre é de recibo. Ao fin e ao cabo, foi o seu exquisito olfacto para facer diñeiro rápido o que facilitou que se empolicase ao pódium do gotha cando o goberno de Carlos Salinas Gortari entregoulle as privatizacións dalgunhas das principais infraestruturas da nación. De aí a importancia da súa lección maxistral na alma mater onde acoden tantos mozos para trunfar e tan poucos para saber.

E que afirmou Slim? Primeiro e como prólogo, que os continuos avances tecnolóxicos fan imposible que no futuro haxa traballo para todos. Que é tanto como afirmar que primeiro están as máquinas e logo a xente, se procede. Ou que temos que afacernos a que cada vez haxa un sobrante maior de humanidade. Algo anti-económico,  porque o producido polos artefactos teñen que consumilo os individuos. Por tanto, haberá que procurar un óptimo para que os investimentos sexan rendibeis, con certeza, aconteza o que acontecer.

E aí é onde se activou o xenio do moi bimillonario. “Hai que repartir o traballo para que haxa para todos”, afirmou cunha convicción que lembra aquela solución final que pregoaba “o traballo faravos libres”.

Pero para comprender en toda a súa dimensión a oferta do magnate mexicano contra o paro que el e os do seu rango provocan, hai que establecer un certo contexto. E ese marco esixe relacionar a súa proposta coas políticas aplicadas polos gobernos para abordar a crise financeira. Falamos desa inmensa trasferencia de renda dos contribuíntes ás clases acomodadas, que no plano concreto do laboral supuxo un arsenal de medidas antisociais impostas ao alimón por conservadores e socialdemócratas. A saber: desregular e abaratar o despedimento; precarizar os contratos; alargar a idade de xubilación e agravar as condicións para acceder ao seu goce, quer respeito ao mínimo de anos cotizados para ter dereito á percepción, quer ao tempo requirido para o recibir o máximo de pensión. Sobre estes supostos debullou Slim a súa solución final código 33X3X75.

Quere o dono do Real Oviedo Club de Fútbol que se traballe 33 horas á semana, durante tres  días e que a idade de xubilación se estableza nos 75 anos, “porque retirarse aos 62 fai insustentabel o sistema”. Non se tendo pronunciado Slim sobre se os salarios reduciríanse en simellante cantidade, con certeza porque dá por feito que os minijobs serán o estándar legal nun universo de autónomos e emprendedores onde o emprego fixo resultará un luxo a extinguir (aínda que raramente recoñece que así “quen queira poderá ter dous traballos”). Só desde esta certeza se pode explicar o da xubilación aos 75.

Sen apenas cotizacións sociais nin prestacións non quedarán clases pasivas, e os traballadores e traballadoras que consigan arrastrar os seus ósos até idade tan provecta apenas terán tempo para gozar do merecido  xubileu. Morto o can acabouse a rabia.

Felipe González, presente na seleta conferencia, anotou que “dentro de dez anos non se discutirá a túa proposta de xubilación aos 75 anos”, para pór en valor a Slim e o seu programa de solución final.  Unha materia esta na que o Señor X é autoridade.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: