off
Cedeira, Política local — 7 Outubro, 2015 at 12:36 p.m.

Aos 100 dias de goberno local

by

O autoengano é unha das formas do pior. O máis dificil, a autocrítica. Ollaparo tenta ser honesto cando comunica ou se posiciona dende plantexamentos da esquerda soberanista. Honesto cando errou e máis cando emendou. Porque, quen estas páxinas redactamos, os debates políticos facémolos á vista e non nos reservados das cafetarias ou en comunicados anónimos. Até o punto de nos ter presentado no BNG, unha das candidaturas que se presentaron ás eleccións municipais por entendermos que nun contexto social refractario ao compromiso político era a que mellor se acaía co aquí defendido. Outros parceiros e colaboradores fixeron o próprio conoutras candidaturas. Porque cada un é amo ou escravo das suas opinións, das súas accións e dos seus silencios.

Cómpre lembrarlle, portanto, aos modernizadores de boa fé que todos vimos de onde vimos, cousa que semella teren  esquecido algúns dos novos representantes e adánicos “activistas” sociais de diferente carimbo -algún moi vello- que non lles deberon parecer escandalosas dabondo as sucesivas maiorías da dereita dende os anos setenta até ben entrado o século XXI. A pregunta que nos facemos, sen ironia,  é: e agora, que?

Para alén das opinións vertidas polos seus colaboradores e parceiros, durante estes catro anos de existencia dixital, a revista convertiuse nun axente crítico e positivo, nunca imparcial e nunca tutelado, coa realidade cedeirense e galega. A lectura crítica e o espírito colaborativo a favor do ben común sempre foron acompañadas de propostas argumentadas e de itinerarios de acción posibel. A proba é que algunhas ideas e reflexións aquí publicadas ou tiradas doutros foros (escritos de opinión, Somos Cedeira, Adega, CIG, etc) acabaran sendo asumidas por moitas persoas e outras directamente apropiadas ben en comunicados á prensa, ben nos programas, polas tres forzas que conforman o goberno de coalición de Cedeira. Porque acreditamos en que este goberno debería ser unha oportunidade. Polo que entendemos, porque non coñecemos máis detalles, refírense a facela máis democrática e participativa, madía-leva!. A confianza é fundamental para alicerzar mudanzas. Porén, a confianza e o compromiso personal non están sometidos ás esixencias do silencio e  da mudez. Pola contra, o compromiso e a confianza soérguense no discurso crítico, público, ben fundamentado e xeneroso. No respeito, mas nunca na servidume voluntaria. Nesa angueira sumaremos esforzos.

Por iso custa entender, mesmo tendo presente a realidade das relacións de forzas, que a coalición  PsG-PSOE-ANOVA-BNG non acabe por desacomplexarse.  E xa se comenza a especular que este goberno tripartito de  coalición estea a caer nos mesmos erros de sempre. Dende o excesivo protagonismo das festas locais e de todo aquilo que non é esencial na acción de goberno, até a falta de comunicación do que, do como, e do cando. De todo aquilo que realmente importa.

Un gobernante responsabel sempre debería ter presente a realidade das relacións de forzas. Porque até o momento non se ve ningures un proxecto de esquerdas susceptibel de ser partillado e converterse en maioría política.  Un necesario toque de radicalidade para espertar e un punto de atrevimento para ceibarse das inercias. Entre outras,  das presións de quen defendendo intereses privados – por outra banda lexítimos- non se corresponden ou alinean  cos intereses xerais que debería defender o goberno local. Non vaia ser que ao final acaben sendo as voces críticas  o chivo expiatorio de todo – os axocadores de turistas dician algúns !-  mentras se aplican políticas de continuidade. A política de panos quentes e de querer contentar a todo o mundo non é política. Principio de realidade, si. Mas tamén programa e execución. E pasados 100 dias  vai sendo hora.

A implementación de medidas sociais de urxencia e a transparencia plenaria nos primeiros 100 dias de goberno municipal foron necesarios mais non suficientes.

Desde a formación do primeiro bipartito, pasando polo primeiro e infausto tripartito até o presente, vivironse alomenos tres etapas: a primeira  foi a da rutura ética e estética co proxecto da dereita españolista que gobernou sen solución de continuidade dende o franquismo; a segunda serviu para comprobarmos que a falta de hexemonía política calquer proxecto de esquerda autóxeno en Cedeira (e Galiza)  tiña de se articular de xeito colaborativo; e na terceira, cando o PsG-PSOE xa non é referente, que non hai posibilidade de esquerda de noso sen contar con el. Porén, no actual, albíscase que a maioría de esquerdas é unha entelequia de non rachar dende o local coa confusión da socialdemocracia posuida polo medo de deixar de vivir adosada á dereita españolista.
Menos mal que nos queda Portugal para comprendermos que a construcción de maiorías de esquerdas é moi dificil. Menos mal que nos queda Galiza para vermos que o único proxecto de rutura que hai no horizonte é o da esquerda autóxena partidaria do dereito a decidilo todo, territorizada alí onde medra o pior e  a xente brega co dia a dia.

Tan axiña esqueceron que a cidadanía precisa músculo? Que multiplicar os actores de goberno non ten porque ser negativo sempre que axude a afortalar un vincallo representativo que contribua a partillar realmente as responsabilidades dende o emponderamento da cidadanía?  Tan axiña esquecimos o despotismo das maiorías absolutas da dereita cavernaria e o papel que xogou a prensa orgánica? Para cando desenguedellar o complexo “cubo de Rubi”, por exemplo, facendo  público xa o balanzo da xestión de Rubido para coñecermos se había ou non había informe con 24 focos de fecais no rio o que concordaría coa diagnose de que non eran verquidos esporádicos?

 A posta en práctica de  modos democráticos e de accións políticas públicas que xunguen o acordo de gobernanza (e que non coñecemos) non pode derivar nunha emisión de  comunicados oficiais  que desmitan a opinión de particulares nas redes sociais cando, por outra banda, non se informa de xeito oficialmente inequívoco sobre  a acción de goberno. Comunícase mas non se informa do que hai que informar.

A posibilidade de que a cidadanía teña voz nos plenos municipais foi un avanzo significativo, mas a cidadanía precisa ser interpelada e dispor da folla de ruta. O eixo programático ao que se comprometeran as tres forzas que, a máis de estar alicerzado na política social, debe dar pasos efectivos cara a participación cidadá,  debullando que partidas poden ser orzamentos participativos con consultas directas á xente, procurando pactos e consensos para Proxectos de Pobo que procuren o ben común. Que os encontros cos veciños e veciñas e os diversos axentes da sociedade civil cedeiresa de seren reamente participativos sirvan para elaborar un programa marco de goberno que debulle prioridades e prazos durante a lexislatura cando menos nos seguintes eixos: participación, cronograma de remunicipalización, saúde, emprego e vivenda, recadación e impostos, cultura-patrimonio e idioma, plano de política de xénero, medioambiente e territorio, plano de usos de equipamentos.

Dar pasos na creación dunha mesa municipal de ocupación, medidas contra a pobreza enerxética, axudas a libros e comedores, unha bolsa de vivenda municipal e novas bases de axuda social que para alén das medidas de emerxencia social (bases de axuda social ao pagamento do IBI e ás persoas máis desfavorecidas), as barreiras arquitectónicas que condean a depender doutras persoas a moitos cidadáns ou non pode accedir dende hai décadas a certos servizos (a biblioteca) por falta de adaptación, titularidade pública dos servizos,  plan de igualdade de oportunidades, potenciando os servizos de asesoraemnto á muller creando un web de igualdade do Concello, formación en igualdade nos centros de educación primaria, secundaria e escolas deportivas municipais, desenvolver estratexias de prevención contra a violencia de xénero (e un específico para a prevención e erradicación na adolescencia), elaboración dun plan de acollida municipal, esixirlle ás institucións  supramunicipais o rigoroso cumprimento da Lei da Dependencia, revisar os criterios de implantación dos aeroxeneradores da Capelada, comezando por estar atentos e ter os proxectos preparados para cando se amplien as ZEC (LICs) Zonas de especial conservación. E  alargar a protección da serra alén da beira litoral mar adentro, reforzar a figura de policial local como axente cívico de proximidade nas parroquias, etc. Precísase dunha oficina municipal de planificación e a realización dun diagnóstico que marque un plan de traballo e sirva para elaborar unas directrices estratéxicas que se terán de consensuar entre todos os grupos e axentes sociais. Que foi da achega fundamental de Somos Cedeira-ADEGA na proposta de itinerarios de acción posible na problemática do saneamento do rio e da ria, a desfeita da praia da Madalena ou a estrada de Ferrol-Cedeira? A formación dun goberno composto e con compromisos rexos entre os diferentes socios só e o primeiro paso.

Ao cabo, a regla en democracia é ser quen de xunguir a metade máis un. Aproveitemos a oportunidade dende a política local, a máis próxima ao cidadá. Coidemos con respecto, dignidade e protagonismo as persoas electoras. Non como o que nos tocou padecer,  condeandonos a sermos simples consumidores pasivos dun espectáculo indigno.

Fogo cruzado

Ás veces o debate político ten un certo punto de infantilismo. Porque -non o esquezamos- a política é a loita pola construción de hexemonía que lexitiman os que mandan e as institucións dacordo coas relacións de forzas dunha sociedade.  Pesa unha má lembranza dos anos do outro tripartito, cando houbo excesivas disonancias, personalismos, vellas formas clientelares e un xeito de facer ainda lastrado dun indisimulado despotismo. Porén, o que agora é novo, semella esvairse no ar. Acusar ao adversario de procurar hexemonía social é fariseismo. Acaso non deberíamos ser un bocadiño máis exixentes todos e todas?  Sería interesante que os emisores de comunicados virxinais pedindo a relación de bens nada menos que das parellas dos concelleir@s nos dixeran que propoñen alén do statu quo que tan ben contribuiron a soerguer todos estes anos  dende a pasividade e que nos explicaran que e como o farían unha vez que Podemos ten abrazado o tan engañoso discurso do sentido común, do non somos de dereitas nin de esquerdas.   Ao cabo, non hai nin un ano forman parte de outra forza política, e non vaia ser que acabando este, acaben noutra. Precisamos que volte a política, que deixen de tratar aos cidadáns como crianciñas. Mas talvez  tamén iso sexa un sono infantil.

O déficit de transparencia comeza a ser preocupante. Tanto como a inercia dunha novísima esquerda de acenos podemitas que simplificando o marco de loita  política para maximizar o seu impacto entre os sectores políticamente pasivos consumidores de política (ou pseudopolítica) mediática, non vai alén de emitir comunicados de imprensa sobre cousas insubstanciais.

O caso é que o andazo de medo é efectivo e para moitos cidadáns cedeirenses (e galegos) os vellos e novos mitos e referentes españois funcionan. Comezando por aqueles que nunha meteórica evolución política pasaron en menos dun ano de seren cabezas visíbeis dun proxecto da esquerda nacionalista galega (Anova) a selo dunha formación da esquerda populista española (Podemos).

Para alén das inxenuidades varias, unha  esquerda fragmentada e descolocada que non acaba de verse como un proxecto potencialmente hexemónico. Daquelas experiencias deberíase ter aprendido para unha coalición productiva. A memoria é fraca. Quer dicer, xogar cun bocadiño de optimismo e ambición, de ghrandesa. Comezando por facer pública a folla de ruta, o plano de goberno, se o hai.

Se callar sería bo lembrar que o verdadeiro revolucionario é o reformador que realiza as súas reformas no lugar de cantalas. Un dos atributos dos yuppies da política é dicir máis do que saben e máis do que queren dicir verbo do estado da realidade social. Acáelles ben  aquela variante, proposta por Gerd Gerken, do coñecido aforismo de Groucho: “para ter suceso tés que acreditar en algo, non importa o qué”. O seu indiscreto anonimato permítelles ofrecer a súa mercadoría ideolóxica. Un dos seus alicerces é afirmar sen entrar en pormenores que o “modelo de partidos políticos “clásicos” é de seu “corrupto” e “obsoleto” para alén das prácticas individuais das persoas. Ao cabo, é dificil debullar se as formas de acción política escolleitas son tamén as de carencia de contido.

Ao mellor tamén che interesa:

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off