off
Agro, Cedeira, Ecoloxía, Galiza, Meio ambiente — 22 Setembro, 2015 at 1:07 p.m.

Todo pola pasta! Ence paga xantar e omnibus para que os productores de eucalipto apoien a súa permanencia

by

A Plataforma Proindustria, que reúne a empresas auxiliares de ENCE, trata de facer presión para que a pasteira permaneza na ria de Pontevedra após 2018 e se continuen realizando os recheos portuarios


ence_pontevedra_OLLAPAROHai dias que circulan follas informativas da Asociación de produtores de eucalipto de Cedeira (Promace) polos bares de Cedeira onde ENCE pide apoio e organiza viaxe á manifestación propasteira que tivo lugar hoxe, martes 22 de setembro, diante do concello de Pontevedra. Di o texto  que comida e autobús  vai a gastos pagos pola empresa productora de celulosa e con sede central en Madrid. Promace, pola súa banda, posiciónase na volantina afirmando “que sería negativo para o sector forestal o peche desta fábrica”.

O que non di Promace é que o sector forestal  é máis do que a plantación de duas variedades de eucalipto para producir pasta de papel. Un sector forestal que está acadando cotas de insustentabilidade por mor, precisamente, da excesiva e abusiva dependencia da pasteira que se creou en Pontevedra en 1957. Un monocultivo de eucalipto – ubicuas plantacións que ateigan o país ocupando até o 40% da superficie forestal- con efectos nocivos noutros sectores productivos como a agricultura, o  marisqueo, a pesca de baixura e o turismo. Ao que hai que engadir a falta de respeito á planificación forestal, ás estratexias e plans de ordenación do territorio e á lexislación ambiental.

Aló polo ano 2007, ADEGA, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace denunciaran Norfor, filial de Ence, por incumprimento dos requisitos de xestión sustentable na comercialización de madeira suscritos coa firma de certificación internacional  Forest Stewardship Council (FSC). Entre eles “o uso de pesticidas prohibidos como glifosato”e  as “continuas dificultades parao acceso á información ás  consultas dos grupos ecoloxistas” que integran a FSC, unha organización sen ánimo de lucro destinada a fomentar a xestión sustentable dos bosques no mundo.  Dous anos despois, o Consello de Certificación Forestal (FSC) acabou por retirar definitivamente o certificado de xestión forestal ás empresas Norfor e Silvasur. Activistas da Asociación pola defensa da Ria de Pontevedra foran denunciados pola pasteira “por poñer de manifesto as relación familiares e portas xiratorias entre ENCE e a Xunta”. Tan axiña esquecimos a incorporación de Isabel Tocino, exministra de Medio Ambiente de Aznar, ao consello de administración das pasteira?

Escurantismo e creación de dependencia forestal baseada no monocultivo de eucalipto

Os casos referenciados son exemplos das prácticas empregadas pola pasteira. Prácticas que alicerzan no “como si”, ocultamento da realidade e diversas presións para reducir os requisitos medioambientais dos selos garantistas até reducilos á inanidade. Mesmo facendo furmigacións masivas de plantacións de eucaliptos con MAVRIK-10 (principio activo tau-fluvalinato, composto nocivo, irritante, bioacumulativo e altamente tóxico) que non tivo en conta a evidencia científica que describe interaccións tóxicas para as colmeas en conxunción con outros produtos. A ONU considera ás celulosas como unha das industrias máis contaminantes. Aliás, afirmacións da industria sobre a súa alta rendibilidade, co tempo foron demostrándose falsas.

A preocupación dos propietarios das plantacións forestais de eucaliptos destinadas a materia prima de celulosas non é de abondo para lembrarmos que a maior achega de Ence en Galicia foi deturpar a política forestal direccionándoa cara o monopolio do eucalipto, creando sobreoferta para baixar os prezos da materia prima e ir creando  dependencia a costa de ir abandonando outras especies arbóreas para outro tipo de finalidades (industria do mobel, etc). Quer dicer, un aproveitamento diversificado do monte e da madeira que apostara pola sustentabilidade e non polo gaño fácil e curtopracista.  Unha dependencia onde a innovación é inexistente e incapaz de acoller a poboación galega desempregada. Porén , Ence foi “fabricando” fideis productores  de eucalipto á medida das súas necesidades e non as do país ( rural abandonado, envellecemento, desfeita do patrimonio prehistórico baixo as talas e repoboacións indiscriminadas, etc)  malia o seu modesto plantel de 200 empregos directos. Unha fraxilidade maior se en calquera momento pode deitar os prezos do eucalipto con importacións masivas de América do Sur.

A dependencia forestal que creou no territorio e o progresivo desencaixe entre a fabricación e excesivo consumo de papel na sociedade da información, fan cada día máis urxente o cuestionamento do monopolístico mercado pasteiro

A meirande parte dos serradoiros espallados polo rural (de 1.500 a finais dos 70’, en 2009 quedaban só 400). Na altura, afirmaba Ramón Varela, catedrático de bioloxía da USC, “en 1997 os montes galegos estaban repartidos entre coníferas nun 54%, eucaliptos nun 41% e frondosas nun 4% ou 5%”, o que está asociado”ao incremento dos incendios forestais das últimas décadas, unido á falta de ordenación do territorio e á incipiente creación de árbores transxénicas fortemente competitivas coas autóctonas”.

Unha preocupación a dos propietarios que cómpre redimensionar xa que Ence está a importar madeira máis barata dos países suramericanos  (Amazonia), a aumentar a súa expansión industrial en Uruguai (producindo  a menor custo, con tecnoloxía máis barata e con poucas restricións ambientais), e as súas capacidades de produción nas fábricas de Asturias e do Norte de Portugal, fan dubidar do seu suposto interese polo levantamento dunha nova factoría de acabar fechando a da Ría de Pontevedra, coa súa correspondente autorización e procedemento administrativo. Aliás, o impacto no tecido productivo e ocupacional do rural ten sido mais ben nulo, cando non directamente contraproducentes. As terras sementadas de eucalipto acabaron por condicionar a posible diversificación de usos, limitando de paso a dependencia excesiva do monocultivo.

1927 Joaquín Pesqueira.Fonte: Galicia Agraria
1927 Joaquín Pesqueira.Galicia Agraria

Que os criterios científicos estén a ser eludidos, prevalecendo só o pseudolegalismo e os intereses crematísticos das empresas acabaron por hipotecar o desenvolvemento do país. As condicións climáticas favorables de crecemento do eucalipto significou obter gaño a curto prazo que, a costa da desaparición das fragas autóctonas e a súa progresiva desnaturalización (xa denuncida por Castelao), foi inoculando nos propietarios dos montes a percepción de “dereito de conquista” cando do que se trata é que alén de posicións irreductibles se estableza un roteiro para o sector, comezando por deixar de plantar eucaliptos nos espazos protexidos e nos hábitats de especies ameazadas.

Os productores de eucalipto non deberían adiar máis un proceso de reflexión e autocrítica xa que o proceso productivo xerado por Ence  é incompatibel cun aproveitamento diversificado e equilibrado do monte e da madeira, xunto coa apertura de novas industrias adaptadas ao cambio de política forestal e a multifuncionalidade do monte. Unha dependencia cada vez maior, sen innovación e sen implantación social en forma de creación de novos perfís laborais ou incentivos para as familias quedaren no agro de non racharse ese ciclo. O 80%  da madeira de  eucalipto talada vai para celulosa de ENCE en Pontevedra, o lobby  da madeira e a  pasta de papel foi acrescentando a vinculación dos prezos do eucalipto á cotización da pasta de papel, o desequilibro entre a oferta e  a demanda a mudanza nos hábitos de consumo, as novas tecnoloxías, a sobreproducción, etc. Ao cabo, o futuro sustentable do territorio  está nas mans das persoas e non dos fondos de investimentos extranxeiros ou dos intereses monopolísticos das empresas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off