off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 16 Setembro, 2015 at 8:28 a.m.

Garzón-Iglesias: vasos comunicantes

by

vasos_comuniccanes_OllaparoÁ formación Ahora en Común (AeC) non deixan de saírlle pretendentes. Primeiro foi Podemos, mas recibiu cabazas. O grupo de Pablo Iglesias quería opala e a plataforma cidadá non se deixou dobregar. A imposición de siglas que pescudaba o partido morado era inaceptabel despois do suceso das candidaturas irmás cinguindo os concellos das principais cidades sen pagar peaxe nin a líderes nin a partidos. E iso  cando Podemos perde fol e ten que recorrer de novo a mercadear as súas estrelas polas televisións amigas.
O segundo intento vén do lado de Alberto Garzón, candidato oficial de Izquierda Unida (IU) á Moncloa, que é tanto como un xeneral sen tropa. Neste caso, o tema da marca non se esgrime como condición para a converxencia, alomenos en primeira instancia. A dirección federal da coalición autorizoulle a iniciar xestións “para a unidade popular” con outros grupos políticos e movementos sociais favorables á ruptura democrática. O cartel eleitoral de Ahora en Común sairá dunhas primarias a celebrar a primeiros de outubro.

Entretanto, Alberto Garzón e Pablo Iglesias mantiveron animadas conversacións que non rebaixaron a condición de Podemos para a súa integración en Ahora en Común sen privilexios. Uns contactos “a título persoal” que baten coas proclamacións de transparencia de ambos os dous dirixentes, cuxo contido real decescoñecemos como do que falaron Iglesias e o seu lugartenente Íñigo Errejón cando cearon con José Bono e José Luís Rodríguez Zapatero no domicilio particular do ex presidente do Congreso.
Tantas idas e vindas de Garzón con Iglesias serviron, no entanto, para elevar o caché do líder de IU. Un día si e outro tamén os medios de comunicación tiran noticias sobre eses encontros na terceira fase. Todas eles ermos no que respecta ao propósito declarado, ainda  que serviron para recolocar ao novo deputado no primeiro plano da axenda política. Desta forma, cando se abran as urnas para confeccionar as listas de Ahora en Común, o cidadán Garzón partirá co plus de popularidade que dá saír na pequena pantalla como intelectual orgánico.

Iglesias e Garzón, amigos e colegas, parecen funcionar como vasos comunicantes. Non só por cifrar o seu capital político no protagonismo mediático, senón sobre todo pola querenza que ambos demostran en emendar a plana a Ahora en Común

O xesto máis revelador desta complicidade ficou de relevo cando Alberto Garzón, contra toda evidencia, manifestou que non desbotaba incorporar ao final a Podemos ao programa de unidade popular. En nome de quen fai esa proposición? Como representante de Izquierda Unida? Como potencial gañador das primarias en Ahora en Común?
Se así for, e dado que Pablo Iglesias reiterou que non se someterán ás primeiras nin descabalgarán as súas siglas para favorecer a arelada confluencia cara á unidade popular, os bos oficios de Garzón semellarían destinados a facilitar por persoa interposta a abordaxe en Ahora en Común que Podemos non logrou polos seus medios. Torres máis altas caeron. Non menos curioso é o idilio entre un secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, que chamou “agoiros” a IU, e un dirixente de Izquierda Unida, Alberto Garzón, acusado polo  candidato do seu partido en Madrid ás pasadas eleccións, o poeta Luís García Montero, de “afundir á federación por estratexia”.
Especulacións aparte, o certo é que se Podemos vive momentos tan incertos que obrigan ao seu secretario xeral a escribir artigos sobre o novo líder laborista inglés póndose como modelo (Por que todos falan do Pablo Iglesias británico?), tamén non se pode ignorar que Alberto Garzón pensa na operación Ahora en Común como a derradeira oportunidade de salvar a IU da súa desaparición. Ante este cruzamento de intereses, a pregunta obvia sería que mensaxe de coherencia manda unha plataforma rupturista que promociona ao dirixente dun partido que até hai pouco gobernou co PSOE dos ERE en Andalucía e posibilitou o executivo do PP en Estremadura? Moi común non é.

3 Comments

  1. http://www.theguardian.com/commentisfree/2015/sep/14/spanish
    Este é o artículo orixinal que escribeu Pablo Iglesias sobre Corbyn. Gustaríame saber onde se compara con Corbyn. Di Pablo Iglesias nada mais empezar o artículo:”Parece paradóxico que se compare a Corbyn con nosoutros…”.
    http://www.lavozdegalicia.es/noticia/espana/2015/09/15/podemos-rechaza-candidatura-comun-plantea-iu/0003_201509G15P20992.htm Neste artículo da Voz de Galicia di que se rexeita ir con Ahora en Común de calqueira forma.
    http://www.eldiario.es/politica/Podemos-Ahora-Comun-totalmente-artificiales_0_422757873.html Neste artículo di que Podemos non quere ir con Ahora en Común nin á volta da esquina.
    Do que ten realmente medo Rafael Cid é de que Ahora en Común e mais Podemos acaben confluindo. Cousa que vai a ocorrer porque o eleitorado non entendería duas listas ás eleccións do Estado.

    • Antony Giddens Jr.

      ….e remata o mesmo treito dicindo; “Porén, teñen toda a razón en facelo. Que pode ter en común o novo xefe do vello partido fundado polos sindicatos británicos cunha formación nascida hai un ano e medio en España?Básicamente unha cousa: o fracaso do social-liberalismo da Terceira Via”.

      Non só compara, mas di no que é acaído. Para rematar dicindo: “Por fin imos contar un aliado no RU co que partillamos diagnóstico e proxecto de defensa dos dereitos sociais a través de políticas que combatan a desigualdade”.

      • Sabía que alguén pensaría iso.
        O denominador común de Syriza, Podemos, “O novo laborismo inglés” é o fracaso da Terceira Vía de Blair adoptado por todos os partidos socialdemócratas europeos como o Psoe ou o Bloque. Aquela frase de Felipe González:”Gato negro ou gato branco o importante é que colla ratos…”. En Ferrol o Bloque de Xaime Bello privatiza o servizo de auga no outono do 2000. Este sería un exemplo desa Terceira Vía ruin.
        Iso non quere dicir que sexan iguais senon que teñen algo en común. Ti e mais eu podemos ser loiros (ter un denominador común) pero non ser iguais.
        Ademais, Podemos di que é Republicano. O partido laborista non vai a ir en ningún momento contra a cabeza da igrexa anglicana e cabeza de Mancomunidade de Nacións. Corbyn intentará facer algo mais light que o que fixo Clement Attlee. A City nunca lle dexaría. Podemos si que rompe coa Terceira Vía pero non vai facer as mesmas cousas porque España non é Gran Bretaña.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off