off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 13 Setembro, 2015 at 2:30 p.m.

Feijoó entra na campaña catalá co ceño francido e a palabra enxoita

by

ABC_Capa_Feijoó.OllaparoO rexime da Transición está tocado. Dende o 11 de setembro de 2012 até o de 2015, en Cataluña foronse mobilizando centenares de milleiros de persoas que poden certificar, de así o dispor o eleitorado o vindeiro 27S, o seu fin. Comezou en maio cunhas municipais que malia seren de resultado incerto, acabaron por mostrarse limiar das plebiscitarias  do 27S e, no ámbito español, a antesala das xerais de decembro. Se esta sobrecárrega de significación política sirve para incentivar participación política e un outro reparto do poder, benvida sexa. Nomeadamente, se nesa xeira e en clave nacional galega, as xerais marcan o camiño dunha nova arquitectura participativa, social e económica que permita ir alicerzando un espazo de decisión propio  fronte a hipótese populista- baseadas nas habelencias comunicativas de algúns, xunto coa decadencia  das formacións tradicionais da esquerda española- acabou co rearme e recomposición estatalista, agora como tríada PP-PSOE-PODEMOS (ao que podiamos engadir Ciudadanos, esa muleta ideada polo Ibex 35)

O novo escenario aberto, que promete ser interesante, tamén está a amosar que as liñas básicas do conflicto político sobrevivirán ao paso do tempo. A virada de Podemos tornouse evidente, mais unha vez, ao inocular “etnicismo onde non o había” En expresión das CUP. O PP acabou por sair en defensa de Pablo Iglesias logo de apelar este á orixe, apelidos e periferias. De aí o risco de que o  espazo de decisión da cidadanía galega substanciado nunha candidatura galega soberana acabe por implosionar nun simples trasvase de votos entre forzas do mesmo bloco ideolóxico de non ficar nídio e claro o suxeito político.  O reto debullado polo soberanismo catalá, mas tamén polas tractoradas galegas, non é outro que o reto da democracia: acadar que o empoderamento dos cidadáns non comporte o enmudecimento e a impotencia. Ao cabo, a mobilización dos productores galegos de leite  non é outra que o non constante que reciben da Xunta e do Estado para regular o sector. Por que a cidadanía non se empondera apenas votando cada catro anos. Para emponderarse cómpre tornarse máis reflexivos en aquilo que coñecemos millor, que votemos máis sobre o que coñecemos millor logo de detelo debatido públicamente e en base a decisións informadas e non a simples reaccións dixestivas, presas do medo, o clientelismo, a ignorancia e o prexuizo.


Do caso catalá non hai precedente en Europa. Unha récola de manifestacións pacíficas arredor unha única reivindicación que debería ter abondado para que constatarmos a raigame da idea de estado propio no tecido social catalá ( o PP so tén unha alcaldía en Cataluña). A diversidade social percebida este 11 de setembro como en calquera outra das mobilizacións (alomenos cinco se engadimos a consulta do 9N) ainda podendo estar exposta a certa volatilidade é o proxecto obxectivamente máis apoiado en Cataluña. Virán o 27S e as eleccions españolas de decembro e terán de dialogar, afirman moitos medios entre ameazas e outras paisaxes apocalípticas. De que falar se non hai mais ca un vieiro de sentido único, ese mito e “milagre” da transubstanciación constitucional? Como é posibel apelar á negociación se a única posibilidade é o que prevé a lectura constitucional que decapitou o Estatut e que nega o recoñecemento do 45% da poboación catalá? Como dialogar se previamente se lles obriga a renunciaren a ser suxeito político? Se só impera a lei da forza e non a do mútuo recoñecemento. Con certeza, en Madrid non están preparados para algunhas cousas. É hora de que o seu desconcerto non os torne ainda máis xordos ogo de non dar a mínima oportuniadade para o recoñecemento da pluralinacionalidade realmente existente, a diferencia de Cameron no Reino Unido co caso escocés.


CEmCT0MWEAAD2x5

Os argumentos de quen non ten. Ficaron sen argumentos unha vez calaron as pistolas da ETA xa que a xerga que asociaba calquer apelo nacional- agás o español- cos secuestros e as bombas ficou fora de xogo. Incapacidade manifesta par recoñecer un pobo soberano que non sexa o español é inaceptabel para a dereita española e unha parte importante da esquerda xacobina. 

Rajoy e a súa contorna foi evoluindo dende o pasotismo-fachenda a unha obsesiva e agresiva impaciencia propia dos músicos do Titanic. Da que non se libran nen Pedro Sánchez nin Pablo Iglesias. E o minotauro Felipe González, madia-leva!. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto N.Feijóo vén de declarar a Artur Mas “inimigo de Cataluña” e comparar CDC co peronismo arxentino en base a que “queren controlar as institucións sempre”. Ao cabo, Feijoó sabe que nada diferencia as políticas económicas dos gobernantes do Reino de España das dos gobernantes de Catalunya. Porén, coa excusa de Mas, e do proceso catalán, están a abrollar medidas antidemocráticas ad hoc que afectarán a toda a cidadanía española.

A dereita española e unha importante parte da esquerda xacobina  ancorou no  primado da legalidade sobre o político

Certo é que  afírmao quen pertence a un partido que ten a maioría  no Parlamento de Galicia -con 41 dos 75 escanos-. Pouca credibilidade a de quen  leva gobernando con maiorías absolutas dende 1985 ten arestora 162 das 314 alcaldías e 15000 tractores da rúa, as taxas de envellecemento máis alta de Europa e unha sangria migratoria- unha emigración crónica- que non é quen de aturar. E non deberíamos sospeitar por sistema de quen leve máis de oito anos no cargo? Unhas declaracións que Feijoó vén de facer, en plena campaña eleitoral catalá, nunha visita á agrupación cultural galega Saudade de Barcelona, acompañado da presidenta do PP catalá, Alícia Sánchez-Camacho e do candidato  García Albiol (o racista candidato que nas municipais  presentábase dicindo querer unha maioria suficiente para “continuar limpando” Badalona de emigrantes).

Deslocado. Pois non é outra cousa focalizar  o proceso soberanista na figura do actual President,  unha mostra da xordeira e do inmobilismo da política española xa que esa cidadanía non é allea á situació social, política e institucional na que están asulagados. Para alén do protagonismo que Feijoó lle outorga a Mas (por outra parte consecuente con quen non ten da política mais cá unha escolar noción legalista), a aposta soberanista tamén está soerguida en quen albisca prima facie no dereito a de decidir  unha oportunidade   que de derivar en independencia aspire ás máximas ferramentas políticas, institucionais e económicas para acadar unha sociedade máis equitativa que sirva para afortalar as políticas sociais, priorizando as políticas presdistributivas como vivenda e ocupación de calidade, que os novos ingresos fornecidos por novas figuras tributarias ou recadatorias se destinen a políticas de impacto social, pasar da renda mínima de inserción á renda de cidadanía como garante de cohesión social, integración da atención social e sanitaria e reformar os servizos sociais básicos xa que os existentes non atenden en condicións o que  a sociedade precisa, e unha afouta aposta por un modelo económico no que se poda falar de banca pública. Un republicanismo de fondo que quer rachar co 78 e co capitalismo de amiguiños. Uno novo sustracto para alén do catalanismo de sardana e barretina onde independentistas de esquerdas albiscan un estado-nación baseado na recuperación de soberanía popular, por xente que quer recuperar poder.

Cómpre lembrarmos que a partires da manifestación contra a sentenza do Tribunal Constitucional de 2010 e logo tamén da Diada de 2012, a composición social do bloco soberanista muda de xeito fulcral. Porque xa non se trata de minorias-testemuño ou de mocidade antisistémica mas un miolo de clases medianas e de xeracións que alicerzan a economia real.

Feijoó non ten de abondo coa fraxilidade de Galicia. Quérea provincia. O seu son os debates de “envergadura” que acaban reducidos á inanidade de sempre. Ao presidente da Xunta de Galica acáelle defender  o statu quo de corrupción sistémica, ignorando o “demos” e inzando as  listas do PP de personaxes como Albiol. Malia estarmos en campaña electoral, como é posibel que quen ten no país que lle encomendaron gobernar unha fractura social e económica – que está a levar aos gandeiros no seu desespero a ocupar ruas e distribuidoras e inxentes camadas de rapaces e rapazas a emigrar- se permita simplificar dun xeito tan tosco o proceso catalá ? Esqueceu que tamen é o presidente da Xunta e o galego un pobo de emigrantes malia ser Galicia un pais con recursos de seu? Que gaña Galicia con esta significada achega de Feijoó ao centralismo? Fornecer de titulares unionistas a prensa de Madrid non parece ser o millor xeito de defender e arranxar os problemas de Galicia. A quen quer seducir?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off