off
Europa, Mundo, Politica internacional — 3 Setembro, 2015 at 8:18 a.m.

Caos, sufrimento e morte nas portas de Europa. Tampouco agora é unha prioridade ?

by

Só no que vai de ano 265.000 persoas chegaron a Europa polo Mediterráneo, sendo Grecia o pais con máis chegada masiva de refuxiados  (158.000), seguida de Italia (104.000). A que agardan os estados europeos para faceren deste drama unha prioridade?


migrationroutes.png
Economist.com

Este éxodo dramático de refuxiados que fuxen das guerras de Somalia, Eritrea, Irak, Afganistan e os máis próximos conflictos armados de Líbia e Sira é o mais grave dos derradeiros anos, diferenciándose doutros pola coincidencia no tempo e a diversidade das orixes. A máis, estas persoas refuxiadas non optan por entrar nun país veciño- moitos deles con cidades arrasadas- nin resignarse a ficar indefinidamente nunha tenda do ACNUR. A súa Ítaca é a Europa Occidental que imaxinan única posibilidade de que os miúdos teñan un futuro digno.

Segundo cifras do Observatorio Sirio de Dereitos Humáns, a guerra no país leva 240.000 mortos  dende marzal de 2011.  ACNUR  fala de 4 millóns de refuxiados nos paises da contorna. Por volta dos 300.000 sirios solicitaran asilo nos paises europeos.

Líbia, mergullada no caos dende a intervención militar da OTAN  en plena revolta contra Gadafi  tornouse  porta de saída de Africa cara o Mediterraneo e Europa através do Canal de Sicilia, xunto coas illas gregas de Lesbos, Kos, Quios, Samos i Leros, que teñen sido nos derradeiros meses a principal porta de entrada. Mais poderiamos pór a ollada nos refuxiados que lo de atravesar as fronteiras de Macedonia, ao sul con Grecia e ao norte con Serbia, entraron en Hungria coa intención de viaxar cara Alemaña ou Austria.

A cidadanía e a Unión Europea están a ser interpelados directamente mentras se mira para outro lado. A incerta peregrinaxe dunha multitude que desafia o mar con lanchas neumáticas, as mafias, os gasos lacrimóxenos e as gardas de fronteiras xunguindo dessespero e esperanza na fraxilidade de quen  só dispón do que pode un corpo fronte o arame farpado, topa co cenario dunha Europa que non preveu orzamentos nin acaba de asumir – especialmente tratándose de xente refuxiada- a súa responsabilidade en termos de dereito e deber de hospitalidade. Que Grecia, o país coa pior crise económica e política da zona teña que encargarse nun grande número de persoas pola súa situación xeográfica, non serviu para que os paises da UE amosaran a suficiente celeridade logo de meses de inactividade para acabar asumir un máximo de 40 mil persoas (15%). O resto, o 85% pasarán a facer parte da nada. Rusia, a tradicional aliada de Siria, mantén unha indignante inoperancia respeito aos refuxiados e o Estado español, que fai parte do grupo de estados europeos que se negan ao reparto por cotas deste pírrico 15%,  alegan motivos económicos.

O reparto do 15% é menos dunha dezmilésima parte a poboación europea (507 millóns). A un concello como Cedeira tocaríalle acoller a unha persoa. Ao estado español só o 3% das persoas chegadas o que vai de ano a Grecia, non chegarían a 5000. A Galiza tocaríalle acoller ainda non 300 persoas. Lalín, Lugo, Compostela, A Coruña ofrecéronse nas últimas horas. A cidades e vilas galegas deberían activarse xa para acoller persoas refuxiadas. Solidariedade, hospitalidade, compaixón, reparación do sufrimento das familias, u-las?


publico.ptCâmara de Lisboa cria fundo de 2 milhões de euros para apoiar refugiados 

Fundo será gerido entre a autarquia e outra instituições, como Santa Casa da Misericórdia.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off