off
Feminismo, Festas, Opinião, Pensamento — 21 Agosto, 2015 at 8:53 a.m.

Os monaguillos bufóns e o machismo

by

Se non fose serio, seria ridículo. Onte recebia un video e unha mensaxe publicada nas redes sociais onde a anónima Xanela Candieira reaccionaba con contundencia á actuación de “Los inhumanos” afirmando:

Se iso mesmo llo fixeran a algunha das vosas fillas, puta graza vos faría, confundides festa, carallada, con respeto a muller, moitos loitan pola igualdade de xénero e por desterrar actitudes machistas e patriarcais e esa era unha actitude, que non é propia da educación que temos moitas e da época na que vivimos

Seica a banda “Los inhumanos” convidou a varias rapazas a interpretar con eles no escenario  o tema «Qué difícil es hacer el amor en un Simca 1000», lance no que aproveitaron para integrar as “voluntarias” no espectáculo simulando  posturas sexuais explícitas. Se alguén ainda non sabe quen son “Los inhumanos”, trátase dun grupo nado ao abeiro da “movida madrileña dos 80” que máis do que reinventarse, repiten a mesma fórmula de hit do verán dende hai 35 anos, para moitos “pija” e “hiperconformista”(malia a apariencia de provocación aplican literalmente o mandado ideolóxico dominante). Porén, segundo eles son “el grupo más gamberro de la historia”, estando formado integramente por homes ataviados nunha especie de sotanas brancas que recordan o hábito das ordes mendicantes co que xogan a seren monaguillos bufóns.

As reaccións nas redes sociais ou do Concello de Cedeira na imprensa cualificando ese lance do concerto de «sexista, machista e retrógrado» , revelaron a polémica existente entre os que só ven  no escenario esmorga consentida e quen entende que nun contexto de explotación das mulleres e mercantilización do corpo e da vida, non se debería banalizar a festa agochando renuncias en termos de igualdade. Bo é que a nova corporación municipal  permita debater estas e outras cousas que, tidas por “habituais”,  cecais non o deberían ser tanto, aqui ou algures.

O PP xa comunicou que “non via nada de inmoral” na actuación do grupo que contractara o anterior grupo de goberno de Luis Rubido asinando un contrato que insería bebidas alcohólicas de balde (un motivo excelente para os “malos entendidos”). Ollaparo publicaba onte un comunicado da concelleira de cultura Maria Xosé Rodríguez (BNG) respostando a Luís Rubido(PP) sobre a inconveniencia de pagarlle a esa banda as bebidas alcohólicas baixo contrato .

cousas_castelao_2Ainda que descoñecemos se a experiencia foi revivida con desgosto e desaprovación polas participantes, sabemos que unha parte do público, da comunidade e das redes sociais reviviron ese lance do espectáculo como un intre emotivo e gratificante. Como todos os debates socialmente necesarios, trátase dun tema complexo e multidimensional que non permite achegamentos simplistas nin maniqueos pois a liberdade de expresión acolle tanto a “Los inhumanos” como quen acha que a súa proposta  insire compoñentes reais de “violencia sexista” enmascarados nun contexto de celebración “denigrante” para a muller.

Repárese que o chamado de “Los inhumanos”, malia tratarse dun contexto festeiro, só se direcciona ás mozas, que non tiñan por que saber en que ía consistir o “bailado”. Alentadas a facer parte do espectáculo, sentiríanse culpables de non facelo? Ao cabo, ainda sendo o sexo aquilo que perturba mesmo na súa representación, precisa dun distanciamento imposibel respeito ao compromiso pròprio, que diría o filósofo Zizek. E xa se sabe, nunhas festas estamos na “obriga” de desfrutar, gostemos ou non gostemos. Porén, a máis da suspensión máxica das regras da vergoña e exhibicionismo o “desmadre” pode inocular machismos agochados ou indirectos que teñen moito peso no dificil equilibrio da igualdade relacional e a autonomía feminina. Son pouco visibles e utilizan as afeccións inducindo actitudes  que levan a facer aquilo que non se quere sin sequera pensar xa que se experimenta de xeito emotivo e gratificante no seo da representación pública, da presión do próprio grupo e no contexto da festa patronal dunha comunidade. Unha práctica cultural colectiva, divertida, lúdica e irreflexiva que ben se podería explicar  ao abeiro da teoría de Bourdieu sobre a violencia simbólica.

Baile erótico e violencia simbólica

Que pasaría se no canto de varias rapazas houbera unha só muller para a representación da “orxía grupal”?  Non imaxinamos “Los inhumanos” con outros tantos machotes do norte  a practicaren a súa proposta orxiástica de pé no escenario. Mais que sería das festas sen a ollada dos espectadores que non participan! Nestas circunstancias é de supor que se desenvolve un duplo discurso, o do público maiormente masculino cheo de eufemismos(“divertirse un poco más, relajarse”, “escenificar juerga sin más”), de referencias a pasalo ben e de unanimidade con determinadas prácticas e desexos machistas e, por outra, o discurso oculto -parcialmente visibilizado a través de voces externas ao “desmadre”- de quen outorga consentimento a eses desexos machistas. En calquera caso, o que abonda é que as rapazas bailaron públicamente o baile erótico, expresando así unha apariencia de unanimidade e de consentimento. De seguirmos a Bourdieu é de supor que esa compricidade non é sumisión pasiva a eses valores machistas. O silenzo posterior, o “trágame terra”, podería amosar que a visión dominante non pasa polo consentimento reflexionado mas que por unha concesión a pesar de un mesmo.

Neste sentido, sería bo tirar dos datos para achar elementos na discusión moral e superar os prexuizos sociais, para non minorizar nin tampouco magnificar a cuestión.  Velaí Islandia, que ten unha modélica lei de protección da lliberdade de expresión na rede, onde Julian Assange achou acubillo para fundar  Wikileaks e que se negou a facilitar datos sobre o  portal das filtracións reclamadas por Washington. Porén, o goberno plantexouse unha lei para prohibir as imaxes violentas ou degradantes na rede a partires dun grupo de expertos dos ámbitos pedagóxico e médico que afirman que cada vez está máis inzada de contido duro e denigrante coa muller o que alicerza un modelo sexual perigoso para os nenos e nenas. Un pretexto para censurar? Hogano, a diferencia de hai 35 anos, sabemos que os nenos e nenas entran en contacto aos 11 o 12 anos de media coa pornografia que hai na rede e o modelo distorsionado da sexualidade que ofrece.

Por outra banda, o imaxinario social sobre “a movida madrileña dos 80” que alentou o repertorio deste e doutras bandas condiciona a comprensión do seu significado actual (por certo, cantas mulleres ou bandas de mulleres coñecedes desa época: con certeza a respostas non superarían os tres nomes; máis un exercizo de memoria: cantas mulleres coñecedes da chamada “transición”?) . Convén, porén, termos ben presente algunhas cousiñas que aos máis novos hoxe lles parecen impensables. Porque non é o mesmo teimar no discurso de “Los inhumanos” hoxe que hai 35 anos, cando divulgar a sexualidade (non digamos xa a homosexualidade que ainda era tema tabú) podía ser subversivo xa que para moitos e moitas a loita contra o franquismo vai supor loitar tamén pola propia libertazón. E é verdade que o contexto social, económico e político mudou, nomeadamente a percepción do rol social e as oportunidades da muller no XXI.  Cómpre termos en conta, por tanto, que a percepción sobre aquel fenómeno social e de quen sigue a teimar na mesma fórmula, son unha construción política e social interesada que malia o balor que desprende ainda colea no verán polas festas do país.

A cuestión é que botarlle a culpa ao espectáculo de “Los inhumanos” sería doado e superficial xa que este instituese nun transfondo sociocultural fértil en crenzas estereotipadas sobre o que son e deben ser as mulleres e os homes. Portanto, ainda que a violencia simbólica opere de xeito invisibel é reproducida por toda a sociedade e non só por quen a exerce ou padece.  Ainda que as mozas subiran ao escenario sabedoras da colaboración que ian realizar, onde está a polémica é no imaxinario de inequidade de xénero que continua a proxectar e reproducir. Na violencia cultural: a tolerancia e normalización e lexitimación de prácticas culturais pouco caracterizadas en tanto que violencia simbólica.

Mália as apariencias, un síntoma de subordinación e dun control social máis grande entre mulleres que entre homes, quer dicer, como todas aquelas prácticas de invisibilización e de naturalización.  Se por unha banda se agocha a “verdade obxectiva” por outra alicerza a “verdade subxectiva” logrado que se perciba como atributo normal (festa,celebración, xogo) o que baixo a representacion histriónica dun baile erótico acubilla, en canto “violencia simbólica”, non pouca “violencia estructural”. Formas de socialidade xuvenil  analizadas por Maffesoli, nomeadamente canto destaca o predominio da estética sobre a ética ou cando o proceso de subxectivación abstrae ao mozas e mozos da “esmorga” impedíndolles reflexionar críticamente sobre “si mesmo”.

O que hai coarenta anos tiña un aquel de ir «remando a contracorrente” vén puido derivar nun oportunismo mercantilista de festa de verán que pouco ou nada ten que dicir agás pór de relevo a diferencia psicobiolóxica e unha máis que posibel correlación entre niveis altos de testosterona en homes – Los inhumanos hai tempo que pasaron a adolescencia- e a inclinación á estupidez e á violencia. Máis patético do que subversivo nun contexto no que  a violencia de xénero domina a información. Cando proliferan productos televisivos como a case totalidade da programación de Telecinco, “Cámbiame”, “Sálvame”, “Mujeres, hombres y viceversa”, “Gran Hermano”, “Inocentes”,”Generación Ni-Ni”, “I love Escassi” ou “Hable con ellas” e esa caste  de cinismo progresista que entende o xénero femenino como atributo complementario do home.  O “belo sexo” sempre pronto a ser exhibido en pantalla.

De feito, o preocupante sería que só houbera “encantadas” e “encantados” e non houber quen de ofrecer resistencia a ser cousificadas  en obxeto sexual ou que non viran nese divertimento baseado na representación dun  desenfreno heterosexual explícito, unha proposta pouco acaída para o público interxeracional das festas patronais. Ainda que as rapazas que aceptaron o convite tiñan a suposta alternativa de non aceptalo ( unha vez no cenario estaban en condicións de dicir que non?), é a asimetría simbólica alí representada a dunha asimetría directa e estructual o que desvelou a desigualdade de xénero de fondo. A supervivencia dunha cultura machista, dunha sociedade  alicerzada durante séculos sob o dominio dun patriarcado que teima e non desaparecer.  Sobretodo porque  a cualidade musical e reflexiva da performance ofrecida polo grupo valenciano non daría nin para un mal teatro mas para un casposo filme de Pajares e Esteso. A ver oh, non é que queramos ver nos inhumanos demasiado humanos malasintensións, mas nin rebentan os límites da sátira nin son patafísicos nin perxonaxes jarrynianos e a súa  proposta non dá para fundar solucións imaxinarias. O seus guionistas non son Jarry ou Patrice Chéreau, nin “Como hacer el amor en un Simca 1000” é un tema de Pere Ubu ou un poema de Bukowski,  nin a Praxa Roxa de Cedeira en festas  é o Teatre Lliure ou a vella sala NASA. Con certeza, de teimar no baile erótico  terialles sido ben máis doado e transgresor simularen posturas homoeróticas explícitas entre os compoñentes da banda. De querer representar unha orxía grupal, facelo profesional e competente oh, facelo ben e como Ubu manda!

Non hai norma nin feitizo que elimine instintos básicos, mas a súa actuación en Cedeira -á segunda vai a vencida- serviu para visibilizarmos que hai unha sociedade cada vez máis convencida de que non hai outro vieiro que unha mudanza estructural, unha educación igualitaria e unha aprendizaxe de respeito e liberdade nos afectos.

Somos un país culturalmente liberal, porén políticamente conservador. Ainda que semelle naïf, permetídeme apuntar que ad futurum se cadrar o modelo de sociedade inspirado en valores menos masculinos  tamén podería servir para unha boa política festeira.

One Comment

  1. Diferencia notábel na analise en comparanza coas atoladas e repetitivas da rapeta social, Ollaparo faise máis necesario que nunca. Grazas Camarada

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off