off
Movementos sociais, Opinião, Politica internacional — 17 Agosto, 2015 at 9:45 a.m.

O acordar dos feiticeiros

by

“A ciencia componse de erros, que á súa vez
son os pasos cara á verdade”
Jules Verne

2015-04-03 OLLAPAROHai agora un século, representantes de organizacións de traballadores a nivel internacional reuníanse en Ferrol para asistiren a un encontro pola paz que trataba de influír na opinión pública contra a Gran Guerra en marcha. O Congreso, celebrado mália as trabas que o goberno español da época puxo para a entrada en territorio nacional dos seus delegados, e de estar sometido á tensión da disparidade de criterios sobre a postura a tomar ante o conflito das diferentes correntes do proletariado mundial, ficou nos anais da historia como un pírrico intento de evitar que o estalido bélico dinamitase o espírito de fraternidade que identificaba ao movemento obreiro.

Desde entón producíronse dúas contendas mundiais, a de 1914 de carácter netamente nacionalista e a 1939-1941 de rumbo antifascista, ambas e dúas deixaron feridas na memoria dos pobos que as padeceron que aínda non cicatrizaran de todo. Por iso, alarma comprobarmos que máis unha vez en 2015 o orbe capitalista penetra nunha etapa de sombrías expectativas das que non cabe excluír unha súbita implosión. O moderno holocausto das migracións da fame procedentes de África, guerras civís e Estado errados; o auxe dos nacionalismos excluíntes e a xenofobia en moitos países desenvolvidos; a proliferación de fanatismos relixiosos belixerantes; as magoantes desigualdades sociais impostas pola dogma financeiro; o fracaso da construción europea como espazo de prosperidade e equidade; as altas cotas de pobreza, marxinación social e paro existentes en amplas capas da poboación mundial; a fosa da corrupción sistémica que ceba o capitalismo de amiguiños da área occidental; o xurdimento dun bloco excomunista liderado por Rusia e China envorcado ao capitalismo de oligarcas, o absolutismo político-ideolóxico, a intolerancia cuarteleira e a represión da disidencia; o rebrote militarista en antigas potencias como Xapón; a desestabilización xeoestratéxica que o Estado Islámico están a provocar nas fronteiras do vello continente con Turquía e a beira sur do mediterráneo; as ameazas dunha explosión demográfica e o perigo de colapso ecolóxico, debuxan unha polvoreira civilizatoria ao límite da reacción en cadea.

Co engadido de que no século XXI a arma nuclear fai parte do arsenal dos bloques en conflito e que o malestar de amplas zonas da poboación é aproveitado por demagogos e políticos sen escrúpulos para esnaquizar os tradicionais vincallos de solidariedade de anteriores internacionais. Neste contexto cheo de ameazas globais a tentación lóxica sería esquecer os asuntos internos para centrarse nos externos recorrendo ao tópico frontista de forzadas unidades populares que xa saltaron polo aire cando os gobernantes “chamaron a filas” aos seus cidadáns naquela Primeira Guerra Mundial. Un erro que non debería repetirse, porque se algo ensinou a experiencia durante esta tormentosa centuria é que os problemas globais nin se crean nin se destrúen, se incuban a nivel local. A gravidade da situación dita, pola contra, non usar só as luces longas ou só as luces curtas.

Hai que apostar en ambas as distancias á vez, practicando un pensar global cun actuar local, para rachar o ciclo vicioso do minotauro que se afirma no sacrificio das súas vítimas.

Nos escuros tempos de debalo é cando bruxos, feiticeiros e lercháns fan o seu agosto. Entón, xentes ansiosas por achar unha saída de emerxencia ás súas necesidades e medos abrazan crenzas carentes sensentido. Uns encoméndanse á Virxe de Lourdes para remediar os seus males; outros toman pócimas milagreiras para o mal de amores e mesmo hai quen entregan a súa confianza en persoas ás que atribúen poderes taumatúrxicos. En política tamén se procura a apócema da eterna mocidade. Vístase baixo forma dun seguidismo cego no líder de quenda, ese home providencial (poucas veces muller; por que será) ao que se considera capaz de asaltar os ceos, ou baixo a dun réxime unxido para oficiar a nova multiplicación dos pans e os peixes, tal que o viceministerio para a Suprema Felicidade Social do réxime venezolano. Fórmulas todas esas baseadas na pedestre superstición de que moitos son os chamados e poucos os elixidos. O retorno dos bruxos é a fórmula política que adopta a mentalidade sumisa nas sociedades gregarias, de xentíos solitarios, porque onde dominan os líderes sobran as persoas e os pobos.

Por iso non se pode pasar por alto sen crítica a capitulación dunha presunta coalición radical de esquerda como Syriza ante unha Troika á que terminou reivindicando, ou as múltiples renuncias dun flamante partido como Podemos que se presentaba como a alternativa da xente ao bipartidismo dinástico imperante e as súas miserias. Nada que signifique reproducir, con odres novos ou vellos, os argumentos que nos levaron a esta situación terminal merece atención. E non vale caer no manido discurso da eficacia. Precisamente por pensar exclusivamente en tomar o goberno e manterse no poder, Syriza tornouse en prototipo da pior caste política e Podemos diríxese ás alancadas a situarse como marca branca do PSOE, o partido que inaugurou o austericidio en España que logo o casposo PP agudizou. Do mesmo xeito, non serven apelacións ao consenso coa escusa de derrotar ao inimigo común. En semellante espellismo reside tamén parte do problema actual.

Só é posibel aspirar a un mundo mellor se, amais de levalo nos nosos corazóns, crece a cada pouco nas nosas actividades cotiás coa mesma naturalidade que flúe o ar que respiramos.

E iso non se logra relanzando a sopa de letras de partidos-vangarda, coas súas burocracias, xerarquías, caudillos e demais liturxias propias de entidades autófagas. A batalla pola paz e o antimilitarismo; a democracia real e participativa; o socialismo sen tutelas; a solidariedade activa ou o respecto do medio ambiente sen concesións débese dar e pensar á vez dentro e fóra, a nivel local e a nivel global. Pretender deixar para despois os valores éticos que deben acompañar a toda transformación social da realidade de abaixo-arriba, que persiga unha emancipación integral urbi et orbi, é cimentar o camiño para máis do mesmo,  agora porén coa vertixe do colapso ecolóxico e o fascismo de novo cuño nos calcañares. As pasadas eleccións locais habidas no noso país evidenciaron, fronte a rutinas benzoadas por todos os vates da realpolitik, que as humildes plataformas cidadás carentes de boceira partidista constitúen a mellor ferramenta para plasmar en feitos as xustas reivindicacións dos colectivos máis precarios sen diminución de calidade democrática. Esa orgullosa dinámica social, característica do mellor 15M, é ao que debemos que España sexa o único país da Unión Europea azoutado pola crise que non sucumbiu a unha saída revanchista, xenófoba e ultranacionalista. Por iso é polo que os dirixentes que teiman en privilexiar a súa divisa fronte a alternativas mancomunadas, sen dominantes nin dominados, non só levantan un monumento á necidade política nesta hora crepuscular senón que amais fanse candidatos a oficiar como as células-nai que precisa o sistema para rexenerarse no seu inveterada condición caníbal.
Non cansaremos de repetilo, como teimara Miguel Torga, agora máis ca nunca, “o universal é o local sem muros”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off