off
Cedeira, Festas — 14 Agosto, 2015 at 3:47 p.m.

Crida das Festas Padroais de Cedeira do ano 2015

by

calel_pregoeiro_OLLAPARO_1Veciñanza toda, alleos  e alleas, amigos e amigas, inimigos e inimigas. Permitídeme que principie  estas verbas de salutación festeira agradecendo á Concelleira de Cultura, a honra e o privilexio, de  poderme dirixir a vosoutros pra facer este limiar festeiro que baixo a forma dunha crida, cada ano sirve pra encetar a desenlorar  os tempos de balbordo ledo e festivaleiro que todos chamamos  As Festas da Patrona, e que o eximio Cronista Oficial da Vila e Terra de Cedeira, o meu moi ademirado mestre e amigo Don Rafael Usero, amador dos silenzos e de Mozart,  chama, con enxebre  ironía cedeiresa, a Semana Tráxica.

Pode que existan despistados, hay gente pa tó dixo o Guerra, que non saiban que estas festas padroais, se celebran na honra da Nosa Señora do Mar, a Virxe do Mar de Cedeira. Sen dúbida algunha a máis guapa, bonita e fermosa de todas as virxes cantas hai no mundo enteiro. E a opinión deste pregoeiro, debería ser tomada en valor, por non movelo o fanatismo relixioso idolátrico, senón tan só un longo adestramento da ollada, e a ialma, na búsqueda permanente da beleza artística, se en femenino máis e mellor. Vivan Rosalías.

Eu non veño a decir acó que, a un supoñer, a Virxe do Rocío sexa fea, Deus me perdoe…pero…guapa coma a nosa? Estamos cegos? Nin acredito que a Almudena de Madrid lle falte lindura, Deus me libre!… pero…serea e fermosa coma a nosa? Quita daí ho. Quita daí.E dende logo non vou  perder o tempo en comparar a Moreneta, de tan extraña guapura , coa perfección sonrosada da nosa Virxe do Mar de Cedeira.

 Teño pra min, que se algún día se concelebra un concurso, un concilio, de fermosura de Virxes de todo o mundo, a nosa santa, a nosa Virxe do Mar de Cedeira, gana o título de Miss Universal sen baixarse das andas.  Por unanimidade absorta e apampanada do tribunal examinador.

Contábase pola Rúa do Vilar de Santiago, onde o escultor José Rivas tivo o obradoiro de talla de onde saíu a nosa santa, que, logo de recibir o encargo e as  precisas instruciós de diseño por parte de Don Antonio María , cura IMG-20150814-WA0001párroco de Cedeira, Rivas retallou a imaxe polas noites e ás escuras, case ás apalpadas, cun  candil  de luz de lúa,  disque guiado por un misterioso alento creador que, baixo a forma dunha bris nouturna, saía da Catedral de Galicia e entrando por unha fírgola dos vidros do obradoiro, movía, con suave cadencia, os cinceis do artista para poder acadar un  rostro femenino perfecto, sereo, divino. Unha beleza  clásica sen lixo, en perfecto equilibrio de fondo e forma.

Pensade ben se será a nosa santa guapa e ben feitiña, que en saíndo do obradoiro de Rivas para virse vindo a Cedeira, foi deixando ao seu pasar un ronsel de suspiros namorados e emocionados saloucos que tiveron a súa concreción nun inmediato e variopinto encargo de copias  que dende Maniños ata Camariñas, pasando por Ogrove, A Garda e tantas outras máis, recriou todo un mundo de reinterpretaciós, que, sen acadar nunca ninguna delas, a perfección formal e o dramatismo realista da   orixinal, si inauguran un xénero artístico propio dentro do mundo da imaxinería relixiosa -a Señora que salva mariñeiros, a Virxe Mariñeira- que, non querendo eu parecer blasfemo, non me atreverei a chamarlles fillas da Nosa Señora, pero non hei de ir ao inferno por asegurar que, si non fillas, afilladas si que son.  De vós, Nosa  Madriña.

Contáronme,  na moi lonxana infancia á que malamente vai accedendo xa a miña memoria, que Deus cando expulsou a Adán e Eva do Paradiso Terrenal, compadecido na súa infinita misericordia daquelas  bágoas que facían dos ollos fontes, faloulles con voz de aloumiño pra decirlles:  Non choredes polo xardín  perdido, miñas xoias. Nalgún lugar deste mundo criei unha terra farturenta en peixes, noces e flores, un país onde a brisa é un agarimo, e o onde o sol,  quentando  e non queimando, deixará que os ríos falen no estío. Unha terra que ha ser un espello deste paradiso que agora perdedes, pra que cando as negras horas da desesperación laboral acudan a visitarvos,  poidades ir refolgarvos  as súas ribeiras e consolarvos  dos trafegos dos días,  co  bálsamo dos arumes que tran os pinos… ai! … á Praia do Varadeiro.

E Deus, créanllo a este ateo, non faltou á súa palabra, e formou a Ría de  Cedeira e chamoulle o Reino da Alegría e poboouno de xentes laboriosas, sinxelas, destemidas de arrotas e alentías, amigas dos amigos, acolledoras de todo forasteiro, e habelenciounas para o  canto, as festas e as canfurnadas.

E aquelas xentes, agradecidas, aturuxando de ledicia e felicidade, e pra non desdecir ao seu criador, cada mes de agosto soerguen do lento discurrir igualitario dos días, un remuiñante rebulir de corazós alborozados que choutan de risa e gozo dun sol ao outro, pra festexar que un día, según nos conta a lenda máis cedeiresa, nun pequeno areal da Robaleira que dende aquela chamamos de Mi Señora, Bastián e Sabela, os namorados vítimas das linguas marmuradoras, dende o alto do Pericoto Grande, onde hoxe está A Peixeira, descubriron aboiando nas ondas do mar a imaxe da Virxe María co seu neno Susiño ao colo.

Precisamente Don Antonio María Castro Prieto, o párroco que lle comidira a José Rivas a talla da Virxe do Mar,  vai publicar no ano 1917, co gallo de arribare a imaxe a Cedeira, unha notable versión, en verso e en galego, da lenda de Mi Señora e dos amores xuvenís de Bastián e Sabela, amadores cedeireses acosados polas linguas reviradeiras. Faltan dous anos para o cabodano centenario da arribada da Nosa Señora. Pra daquela, Cedeira debe celebrar, e ha de celebrar, como se merece esta efeméride sobranceira da súa historia relixiosa, emocional, artística e literaria.

Amigas e amigos:  Van principiar as Festas da Patrona. A todos os aborrecidos do mundo e da vida, lles falo agora: se vos queda un fisco de sentidiño abandoar Cedeira. Facelo xa. Cando, en rematando esta crida,  o señor alcalde chimpe aos ceos de agosto o foguetazo primeiro para dar a coñecer ao mundo que Cedeira se levanta en pé de festa, a cousa non terá remedio.

A ledicia adornará as facianas;  a alegría anagará os corazós;  as maxencias vistirán os corpos; o balbordo ocupará calles e  rúas; o silenzo mandarase mudar; as orquestras tocarán e tocarán; as gaitas folearán e gridarán; os cochitos berrarán; as tómbolas enxordecerán o aire; os foguetes rebentarán os tímpanos; as voces levantaranse felices entre maretadas de viño; os bandullos rebosaran  de lambadas: eses, mantecados, polvorós, biscochadas, rape, robalizas, percebes, centolas, nocos, cabritos, pericos…; os pulmós, un día é un día, se da Patrona máis, encheranse de fumes  certos e incertos, e acabarase o dormir e o descansar, morrerá a tristura e unha orxía lúdica e sensorial de procesiós, badaladas, repeniques, concertos, desconcertos, risas, cantos, bailongos, pasatempos e contratempos, deportes, contraportes e transportes, non vos han deixar descansar o entendemento.  Se  aínda por riba, tal faunos paganos, rematades as festas na xira, esmorgando entre felgos e foguetes de silveira, e no confuso da luz baixades a costa en cantaruxada familiar ou bailando e brincando coa leda procesión laica, risoña e felicísima da pacífica Confraría dos  Malpocados Miudiños da Bufa Laida, o corpo ha quedarvos baldado por infinitos  praceres e gozos, e, o espíritu, ocupado por unha única fatiga celestial e dionisíaca, chamádelle resaca, co vafo da que se apompan nos ceos as molidas nubes da felicidade e coa que, as voces, rezan polo baixiño unha xaculatoria agradecida que sempre empeza igual: que ben se pasa en Cedeira, mi madriña… que ben se pasa en Cedeira!

Amargados, esmilagrados, poucacousas, atoallados, mixilicas, tristeirós, agoniados, pranghanas, abagoados e cucarandainas…. Sintoio por vós. O aburrimento vai finar. Aí vén a alegría!! Lugrumantes, esvaídos e señardosos; loitosos, macelados e malasxentes; salóbregos, amoucados e gafos: estades a tempo: abandoar Cedeira xa mismo. Acó están xa as Festas da Patrona. Deixarlle aire á ledicia.

Señor Alcalde…foguetes ao aire por todos! Polos  que  foron, polos que somos e polos que han ser. Pola parroquia de vivos, pola de defuntos e pola de futuros. Pra que todos os cedeireses e cedeiresas, a canda amigos e visitantes,  disfruten xuntos a condomiña da felicidade, nesta hora do sol de agosto que nos libera das repetidas sombras diarias e nos fai vivir o gozo da revolución libertaria da festa rachada.

Señor Alcalde…fogueteo pra todos!! Que retumbe o trebón da ledicia! Que o arrolar do seu son chegue lonxe, moi lonxe, para que todos os cedeireses e cedeiresas, os que están na plaza, os que están na vila e os que están lonxe do paradiso, sexa en Newcastle, Londres, París, Xapón, Nova Iork, na China ou na Cochinchina, sintan chegar á súa ialma o tremor dun aire que baila, e, pechando os ollos, viaxen polos aires ao berce dos soños encima da estampa de popa da Voladora,  a mariñeira lancha de Bastián, a salvadora, a que debuxan sempre os beizos ao sorrir de saudade lembrando a  nosa patria: Cedeira, o Reino da Alegría.

Cedeiresas, cedeireses…que escoite o mundo enteiro o noso canto ledo e ceibe!!!

Es en Cedeira donde reina la alegría.

Es en Cedeira donde reina el buen humor

No cambiaremos de carácter ningún día

Ni aunque nos “dean” un millón.

Opa Cedeira!! Opa Cedeira!!

Opa Cedeira…Campeoooón!!

 

Vivan as Festas da Patrona!!!!

Viva Cedeira!!!

Rafael López Loureiro, en Fernando Lago, Cedeira, a 13 de agosto do 2015

Tags

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off