off
Normalización lingüística — 15 Xullo, 2015 at 12:09 p.m.

As forzas políticas secundan a declaración d’A Mesa a prol da lingua

by

Unha Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega  cuxo acto de sinatura pública tivo lugar esta mañá, ás 12.00h perante o monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago, coincidindo co 130 aniversario do seu pasamento.


 rosalia-alameda-OLLAPAROO texto da declaración foi proposto pola Mesa a todos os partidos de ámbito galego sen exclusións de ningún tipo, conscientes de que a lingua galega une, mais tamén precisa unidade, para que o debate en torno a ela se centre en como aplicar as medidas sinaladas nos acordos tomados colectivamente da mellor maneira posíbel ou “en como vencer todas as limitacións que as galegas e galegos padecemos para o seu uso e que nos impiden vivir en galego e transmitirmos a lingua ás novas xeracións”

A intención da Mesa foi partir do acordo básico de que o idioma galego, “a lingua propia de Galiza que nos identifica e nos une, debe ser obxecto de especial fomento e protección por parte das institucións e dos poderes púbicos galegos, con políticas decididas que afirmen e potencien o seu uso”.

Para iso A Mesa prouxo “tomar como punto de encontro o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e os acordos insternacionais ratificados unanimemente como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e a Carta Europea das Linguas”

O único condicionante que A Mesa puxo aos partidos que amosaron a súa disposición a asinar a Declaración foi que “esta non podía ficar no baleiro nin ser máis unha de tantas declaracións meramente retóricas de amor á lingua, senón que debía ter consecuencias visíbeis e audíbeis no inmediato para todos os asinantes”

DECLARACIÓN DE UNIDADE A PROL DA NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

 

A lingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego. A que nos une e nos identifica, a que nos dá voz propia nun mundo plural e diverso ao que queremos contribuír.

 

O galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo. O idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas as xeracións presentes, en todos os ámbitos, na cultura, na educación, no progreso social, económico e político.

 

Recentes estudos de organismos oficiais voltaron pór de manifesto un preocupante retroceso social da lingua que mostra a necesidade de avanzarmos para erradicar vellos e novos prexuízos.

 

É preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa intención de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real, tomando como punto de partida os acordos comúns e amplos establecidos na Lei de Normalización Lingüística, na Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.

 

Do mesmo xeito, reafirmámonos no disposto na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos promovida en 1996 pola UNESCO e na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado español en 2001, e ambas as dúas coa adhesión unánime do Parlamento galego.

 

As organizacións políticas galegas, coas nosas diferentes alternativas, proxectos e ideoloxías, queremos manifestar a nosa unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno.

 

 

Santiago de Compostela, Galiza, 15 de xullo de 2015.

 

No 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off