off
Europa, Movementos sociais, Opinião, Política, Politica internacional — 9 Xullo, 2015 at 12:27 p.m.

Grecia, Henry-Lévy, Rodik e as soberanías nacionais

by

Ollaparo_cañoto_caruncho_ENMARCADODe Europa ter evoluido na integración política, o de Grecia non tería sido unha reafirmación da súa soberanía nacional fronte os acredores. Ao cabo, unha parte dos acredores son outros paises da eurozona e non apenas as oligarquías bancarias. Uns paises que contrapoñen os seus respectivos procesos de control ao ditado do modelo de representación das democracias liberais occidentais. Velaí só unha parte do cerne: a nudez das soberanías nacionais confrontadas. Mas  non só. Cómpre lembrar tamén que o rexeitamento do electorado grego ás novas medidas de austeridade esixidas  polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e os gobernos, Alemaña principalmente, entre outros da eurozona, contraponse alomenos a dous axentes que non son eleitos en procesos democráticos segundo os pròprios parámetros das democracias liberais occidentais. Apesar do que afirme Bernard-Henri Lévy, o de Grecia é unha “vitória” da democracia segundo os padróns e mediación e representación e delegación de poderes ao uso e que troika financeira, Comisión Europea, BCE e o FMI incumpren sistemáticamente sob a lóxica da obediencia – máis propia dun ámbito non-político.  Enmendar o proceso consultivo grego baseándose na dificultade do goberno para garantir que a información axeitada fose retransmitida para o pobo grego  tería consistencia se o vello fundador dos “nouveaux philosophes” o extendera ao modus comunicandi da UE e da troika. Cando os burócratas  da Unión Europea buliron a facer campañas de información dignas dese nome, cando divulgaron e consultaron á cidadanía europea o resgate da banca e do alcance das propostas  de austeridade unha vez abrazado o programa neoliberal para as economias? Para Lévy só a UE ten licenza para o laboratório de inovación democrática. Quer dicir, segundo o método tecnocrático. Para nós, o referendum forneceu maior panorámica sobre a situación, xa que a autointerpretación dada dende  a Comisión pode afectar negativamente ao espazo político europeo se  segue a prevalecer o ditado e non o tratado.

Que o prestixioso economista Dani Rodik alcume de ” unilateralismo irresponsabel” o referendum grego alegando que a mesma lexitimidade poría de manifesto  o apoio en referenduns semellantes  da cidadanía á aplicación das políticas de austeridade impostas a Grecia,  é un exercizo de cinismo que acaba por  diluir a lexitimidade de  Alexis Tsipras de soerguer a posición de negociación nun referendo fronte os acredores da Grecia nun enredo de lexitimidades ou de soberanías nacionais cando sabido é que no banquete hai convidados principais que non precisaron aval democrático para sentaren á mesa. Ainda é preciso insistir mais unha vez neste déficit institucional? O que resulta cousa de pasmo é que Rodik acabe por contrapor as “emocións incontroladas e a indignacións” na cidadanía grega fronte o “cálculo racional de costos e vantaxes económicas” do resto da cidadanía europea. Ao cabo, o que os gregos están a  facer é regatear o prezo forzando unha “oferta” máis favorabel.  Rodik sabe que é imposibel predicer unha variabel se esta non tén relacións de dependencia e redundancia cos valores presentes e pasados dela mesma, de aí que el mesmo formule a prognose: “a integración económica poderia ter ido acompañada da expansión de espacio político europeo” . Acaso non é ese xuizo pretérrito – a só integración económica- o que entra en aberto conflicto  coa realidade ao comprobarmos por unha banda que a xente xa non se sinte amparada e, por outra, que converteu en único fundamento o que non é mais que un medio?

O que estas posicións transparentan é o proceso de construción dunha Europa do capital segregada a falta da construción dunha Europa políticamente integrada. A cidadanía carece de información  precisa sobre a situación dos gregos como carente de información pormenorizada sobre a situación dos seus propios paises e a acción de non poucos gobernos. Pois tan importante é lembrarmos que os gobernos dos paises da eurozona  están submetidos ao control democrático como que estes se foron tornando unha oligarquía  tan alonxada do político que só o económico habita ainda a polis e non o que Habermas vén de chamar a “vontade política común dos cidadáns”. Porén, ese primado duns poucos é totalmente político. Por tanto, baixo as mesmas condicións de lexitimidade  o conflicto non alicerza nunha confrontación de soberanías mas na asimetría da Union Europea ao primar a unificación económica sobre a política xa que aquela foi amosando a cada paso os seus límites de lexitimidade ao aumentar o dominio oligárquico e con el a separación do que constitue o seu presuposto. O intolerabel aquí para o oligarca é aparecer como o despótico que é. Neste contexto,  que a carga da orde política deposite  sobre uns poucos “enxeñeiros morais” que se conducen como vehículos autónomos. Ao cabo, o que as reaccións dos oligarcas europeus mostraron fronte a palabra cidadá dun pequeno Estado  é que a pregunta sobre Europa como medio político  ameaza con autoliquidarse de manterense  as  condicións dominantes que se desenvolven a costa precisamente dun espacio político europeo cada vez máis dominado pola necesidade e menos por aquilo que parecía xustificalo, a liberdade.  Será por iso que últimamente apenas se sintan preguntas polo sentido da política europea. Alén diso, resulta que  Henri-Lévy afirma que son os “cidadáns” dos paises acredores os que perderon a paciencia con Grecia xa que os gregos non aprenden a lección e ademáis andan na compaña de Putin, entre outras  “desagradabeis” parcerías .

Que Henri-Lévy denominara de xeito pexorativo “acto de resistencia” ao referendum grego,  serviu para debullarmos que as condicións de posibilidade da UE baseadas no único primado na unión económica, quer dicer sen política, son mesmo arrepiantes de albiscarse como único final de Europa.  De aí que Tsipras procurara lexitimidade na soberanía nacional entanto somos moitos os que agardamos vermos desenvolvido o seu  programa de reformas de esquerdas (comezando por combater a corrupción e a fraude fiscal ,etc) fronte o ditado neoliberal. Eís o significado tráxico da votación do domingo na Grecia: tamén Europa precisa leccións de lexitimidade. Unha lexitimidade que nas actuais democracias liberais só fornece a soberanía nacional. Está por ver se proceso de negociación relanzado pola cidadanía grega opta por propor unha moratoria ou unha quitanza (ninguén dubida que a dúbida é impagabel e terá de ser supensa) ou por sair se callar  da eurozona e emeter moeda própria, mas o relevante aquí en termos europeos é que tan “pouco realista” foi a decisión grega como “pouco realista” sería non mudar as condicións de oferta dos acredores que ameaza a crise de lexitimidade  da UE de continuar retraéndose no ditado da troika financieira a conta de facelo nun vincallo duradoiro, na centralidade da política, no consensus omnium.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off