off
Europa, Galiza, Opinião, Política, Politica internacional — 7 Xullo, 2015 at 7:04 a.m.

Un “non” para reiniciar Europa ou repetila

by

athensSen vencedores nen vencidos. Quer dicer, con baixas en ambos os dous bandos. Iso é o que significa a sorpresiva dimisión de Yanis Varoukakis cando aínda gorentaba o triunfo do referendo (cunha modesta participación do 62%) na madrugada do luns. Gaña a lóxica do poder a ambos os dous lados do taboleiro político en conflito. Cede o sentido común, na persoa que mellor identificou a resistencia ás políticas austericidas de “as institucións”. Iníciase así un segundo ciclo con prorroga a reloxo parado. Tic-tac.
O rotundo “oxi” (Diguen Non) do pobo grego ás purgas da Troika non só significa un inequívoco respaldo ás teses de Alexis Tsipras, senón que introduce como valor político esencial na Unión Europea o “dereito a decidir” dos pobos. Un modelo de participación activa que estivo secuestrado na práctica polo decisionismo da democracia representativa. Pero a certeira fonda do David helena fronte ao Polifemo de Bruxelas terá efectos corrosivos. Porque agás Podemos no ámbito progresista, que sae afortalado da comparanza, os restantes partidos que observan o caso grego como referencia son na súa maioría ultras de extrema dereita. Formacións antieuropeas, como a Fronte Nacional francesa, unha das primeiras en parabenizarse polos resultados pola desfeita “das oligarquías eurpeas”.

De feito, este primeiro fin de semana de xullo as campás do “dereito a decidir” comezaron a soar en tres escenarios distantes pero non moi distintos: Grecia, Catalunya e Galiza. En todos eles deuse corda ao tic-tac das grandes decisións. En Atenas cunha clara vitoria do goberno de Syriza-ANEL; cunha proposta de disolución na sociedade civil por parte do partido que ocupa a Generalitat e mediante a negativa das mareas que se alzaron coa vitoria nas principais cidades galegas a subsumirse en Podemos cara ás eleccións xerais.

O triunfo do “non” (“oxi”) en Grecia supón máis unha amarga derrota de Bruxelas que un éxito de Grecia. A notabel diferenza de votos a favor dos partidarios do “non” (“oxi”), no entanto, non permite lecturas concluíntes. Con certeza, o veredicto das urnas é unha especie de anovación de contrato para seguir negociando máis rescate, máis recortes e máis axustes, aínda que sen brusquidades e con tempos máis cómodos. Mesmo o primeiro ministro Alexis Tsipras podería argumentar o aceptar  as derradeiras condicións dos acredores, que ironicamente unha maioría da poboación rexeitou co seu “non” (“oxi”). De feito na súa comparecenza na noite electoral anticipou que “haberá que facer reformas”.

galeuscaEn Catalunya a Assemblea Nacional Catalana (ANC) e Òmnium Cultural validaron de xeito abrumador a proposta do líder de Convergència para concorrer aos comicios do 26 de setembro nunha única lista cidadanista. É un raro caso de poder constituído (de arriba-abaixo) que acepta diluírse na sociedade civil (de abaixo-arriba), co engadido igualmente insólito de que o proponente oferece sacrificarse para facilitar esa candidatura independentista. Un caso de humildade política forzado polas circunstancias. A Artur Mas os dedos fánselle hóspedes. Rompe o seu matrimonio con Unió; as enquisas din que o “non” á independencia gaña por 8 puntos ao “si” e fíltranse sondaxes sobre a preferencia dunha maioría de cataláns cara a Podemos se as xerais se celebraran hoxe.
E xa en Galiza ese mesmo “pablismo”, que se beneficia en terras de Salvador Espriu polo seu oportunista fotocol con Ada Colau e o seu Barcelona en Comú, tenta recompor o relativo fracaso das autonómicas do 25-M vendendo paternalismo ás plataformas que desembarcaron nas alcaldías de Santiago (Compostela Aberta), A Coruña (Marea Atlántica) e Ferrol (Ferrol en Común).

Iglesias esquece que desprezou os comicios locais como ámbito de acción política e ignora o carácter orgullosamente nacionalista desas formacións ás que agora quere sumar á súa marca coma se fosen fodidos fornecedores de segunda división.

Que o Galeusca (aquela conectividade entre Galiza-Euskadi-Catalunya) só resista hogano na memoria, non significa que Podemos poida facer as beiras impunemente ao soberanismo en Galiza e á vez flirtear co patriotismo centralista en Catalunya.

Grecia, Catalunya e Galiza, tres comunidades polo “dereito a decidir”. Que é máis que votar. É mandar obedecendo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off