off
Opinião, Politica internacional — 7 Xullo, 2015 at 11:50 a.m.

O lobo de Rajoy e a crise grega

by

A confianza entre os socios do euro ficou eivada e devolve o debate sobre a unión política na UE.  


Afirmaba Rajoy a semana pasada que se gañaba o Non, Grecia debería sair do euro. De Guindos, entre can e lobo, saiu ao paso para paliar a axocada dicindo que Rajoy non afirmara o que afirmou e que mália o “non” o lobo non axexaría e Grecia podería seguir formando parte da UE (seica pedindo un terceiro programa de resgate).

A credibilidade de Rajoy é proporcional á súa falta de poder para facer cumprir a ameaza. Que vén o lobo, que vén o lobo!Un xogo de meniños. Rajoy e Passos Coelho, aplicados alumnos da troika, van ficando paseniño en evidencia. O de Grecia debulla o valor do discurso fronte ao do medo. Quen non ten mais discurso que a ameaza  cando non se ten poder para cumprila exponse ao ridículo. Porque os motivos que ten e que xustificarían a saída de Grecia do euro son moi diferentes (socioeconomía, decrecentismo, máis democracia, equidade e xustiza)  dos que Rajoy albiscaba. E Rajoy non é precisamente quen máis ordena en Europa. Nen os que mandan na UE  se libraron da tentación de dominar a escena psicolóxica durante o referendum, con corralito incluido. Porén, Angela Merkel xa suavizou o tono con Grecia logo da defenestración de Varoufakis, ao afirmar de parcería con Hollande, que as portas da negociación continuan abertas. Mesmo o BCE decidiu non fechar a torneira aos bancos gregos.

Tsipras xogou forte e o pobo grego apoiou, sabedor de que cando tés pouco que perder podes arriscar. A dureza alemana durante o referendum grego non parecía o mellor vieiro fronte a dignidade como  posición negociadora. A Europa creditora sabe que non pode basear a súa posición na ameaza e no medo, na antipolitica. Se algunha cousa debería ser a democracia é a ausencia de medo. Está por ver o alcance do andazo, do contaxio político.

Se algo ficou claro é que se precisa máis política. Incluida a pyra de Varoufakis e o cambio de tono de Francia e Alemaña fronte a vontade do pobo grego. O lobo de Rajoy só sirve para meter medo no patio da casa (eis o seu escaso percorrido), onde o PP sempre  se valeu da lóxica dos vencedores e vencidos. A débeda grega é inmensa (que non poderá pagar nunca) como inmensa é a española ( máis os 4.120.304 de desempregados). Menos lobos.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off