off
Cedeira, Festas, Política local — 29 Xuño, 2015 at 21:02

Festas si, mas sustentables

por Redacción
festas2014_webA  decisión da comisión de Festas da Patrona de 2014 de abandonar as de 2015 a dous meses da sú celebración, sumado á situación económica en que quedan os veciños de Cedeira de cara ás Festas deste ano vén demostrar que o que pode ser un activo da vila tamén pode tornarse unha carga cando non é viabel. Porque segundo se xestionen pode xerar beneficios a  unha minoría empresarial ou supor unha carga para unha maioría. Trátase, portanto, de propor un modelo de xestión adecuado xa que é evidente que o actual modelo estancou e o gasto que finalmente ten que asumir o Concello amosa a falta de criterio. Ao cabo, se é a administración pública quen ten de defrontar a débeda é obvio que ten de ser ela quen trace os obxectivos estratéxicos (por exemplo, velando pola sua galeguización, optando pola música en galego coa mesma intensidade que o fan outros concellos do país, onde se fan ciclos específicos para promocionar os grupos do noso país, comezando polas bandas e grupos locais). Ainda que resulte inevitabel que alguén poda pensar que os acontecementos culturais teñan de atopar xustificación na súa viabilidade económica, é óbvio que o modelo de festa desenvolvido nos último anos ten outra finalidade. É por iso que sería útil que os responsables de cultura se interesen polo impacto económico dos actos festivos realizados con orzamento público cando estes acaban por fagocitar o orzamento de cultura, e máis ainda cando resulta que no son rendibles nin singulares. Cando menos ilustra a preocupación por administrar correctamente os recursos.

Entre a obstentación e a austeridade

Segundo fontes consultadas a secuencia dos acontecementos comeza  o día 23 de xuño cando os membros da Comisión de Festas comunican ao concello que abandonaban o seu cometido por motivos laborais e porque o Presidente da Comisión ao ser concelleiro electo do PP nesta lexislatura non vía procedente seguir na organización, cousa discutibel a non ser que se teña claro que o obxectivo “altruista” dunha comisión de festas é outro. Até aqui, porque do que se está a falar non é de contentar a uns e a outros co programado senón da súa sustentabilidade económica. Era vox populi, antes xa das eleccións, da existencia de facturas pendentes de pago, mesmo algunha con informes de reparo do interventor. Sería intolerabel que ao requerimento de presentar as contas segundo os parámetros de intervención do concello, que os gastos e  ingresos non vaian acompañados de xustificante ningún ainda que alguns pagos foran aprobadas polo goberno sainte do PP antes de deixar o mandato.

Semella cando menos paradoxal que mentras se fixo ostentación para xustificar unha suposta liña de austeridade e de control do gasto público, se deiten cartos ao chou en eventos que non se poden asumir.

É evidente que haberá problemas este verán, porque non hai tempo material para facer intervencións organizativas e estructurais. Porén, é un deber contraido do novo goberno garantir a transparencia se o interventor detecta irregularidades, informar do estado de contas e se a Comisión de Festas sainte asinou contratacións para o 16 de agosto,  se só houbo apalabramento- e en que compromete- e o custo das bandas Los Inhumanos e La Pegatina, por exemplo. Se no momento presente o Concello debe 53.000 euros en facturas sen pagar da celebración das festas do ano pasado, como é posibel que a mesma Comisión tivera apalabrado unhas festas por importes que van dos 60000 euros de París de Noia, Combo Dominicano e Aché aos 26.000 de Los Suaves? Como é posibel que tendo recadado en 2015 apenas 2000 euros nas boetas que había nos bares, 1300 xa foron a para pagar conceptos pendentes do ano anterior?
 A día de hoxe os veciños e veciñas de Cedeira debemos:
  •      Gastos de Floristería na decoración Igrexa Patrona 2014. Custo: 900 €. Informe reparo interventor. Ser orzamento nin contrato.
  •      Espectáculos Soto, S.L. (París de Noia e otras orquestas).  31.460 €. Sen orzamento nen contrato
  •      Pirotécnia Rocha-fogos artificiais:  12.000 €. Sen orzamento nin contrato.
  •      Iluminaciones Santiaguesas (luces das rúas). 9.000 €. Sen orzamento nin contrato
 Ao que tamén hai que engadir 6.000 € da iluminación das rúas do Nadal do 2014.
É inaudito que a anterior corporación municipal do PP, quen tivo a  máxima responsabilidade do asunto, consentira esa deriva. Fica en evidencia que o modelo festivo baseado na imprevisión no gasto e sen atención escrupulosa dos procedementos normativos nas contratacións acaban por ter efectos adversos, gravosos e negativos, tanto en termos económicos como no dano causado ao que podería ser un activo do pobo. Onde empezaba a comisión e onde o Concello?
Doado é prometer as festas do século, a envexa da comarca, cando se saltan os procedementos administrativos básicos ou se factura sen medida nome da administración pública sen que esta defina obxectivos e dispoña dos medios para acadalos. Infelizmente, logo de se teren organizado as festas da Patrona durante varios anos non houbo mesura nin desenvolvemento dun sistema adecuado de contabilidade, nin seguimento e asesoramento aos comisionados na obriga de cumprir co procedemento das contratacións.
É precisamente porque intuimos o efecto da Festa da Patrona  sobre a economia local que nos preocupemos para que todo o esforzo de tempo e cartos para organizala resulte un bo investimento.  
Porén, trátase de efectos de pouca duración xa que non responden a unha análise input-output. Habería que atopar o xeito de avaliar os costos indirectos e inducidos pola Festa da Patrona xa que xenera gasto adicional dos veciños,  gasto habitual dos veciños e habitantes da comarca que modifican o seu calendario de vacacións para participar nela e o gasto da organización.
A nova corporación debería facer números e tirar consecuencias do desatino para facer os cambios que se precisan á hora mudar de modelo festivo, alicerzando en calquera caso o modelo resultante na sustentabilidade económica e na colaboración e participación activa da poboación a través do seu tecido asociativo e empresarial. O que non é asumibel é que o desatino da xestión acabe comendo todo o orzamento dispoñibel en cultura ou que o Concello non facilite a información contabel correspondente.
Cómpre buscar complicidades entre os veciños e veciñas e facelo dende a transparencia nos procedementos. Para iso está a administración e o interventor. A Comisión de Festas debería estar integrada polo máximo número posibel de entidades da vila de Cedeira coa única vontade e obxetivo de facer unha Festa da Patrona verdadeiramente popular, alicerzada na cultura de noso, a través dunha xestión cuidada e en máxima coordinación e consenso co Concello e o resto de axentes económicos da vila para atopar posibles sistemas de finanzamento que garantan a súa viabilidade económica e nos permita coñecer tamén o impacto social e económico das festas (por exemplo, o cálculo do número de persoas que hai na festa a partires da cantidade de residuos retirados, o gasto suplementar e diferencial dos veciños, os costos indirectos do Concello, etc).
O Concello precisa saber se o gasto que fai en milleiros de euros acaba xerando un valor engadido e tendo  factor multiplicador; mas tamén o suceso e capacidade de mobilización; precisa cuantificar e describir que tipo de xente asiste e até que punto é un acontecemento  dependente de programar un ou dous concertos sen cobrar entrada capaces de atraer xente de fora;o xeito de vivir e festexar(cantos dias e en que momentos do dia asisten os cidadáns de fóra da vila); idade e procedencia; motivación e identificación dos asistentes; que aspecto é do que máis se gosta da Festa e se ten a ver o feito de que os cidadáns o sintan como próprio; as percepcións e valoracións que se fan da Festa, do papel que ten o Concello e do que se quere nun futuro inmediato. Sería ben interesante coñecer como valoran os veciños e veciñas de maneira xeral a Festa da Patrona, tal e como se desenvolve neste momento, até que punto gostan dela e que aspectos consideran que hai que mellorar. Logo de coñecermos os dados da despesa asumida polo Concello, deberia ser o primeiro interesado en coñecer como queren os veciños e veciñas que a Festa evolucione en termos de crecemento nas próximas edicións.
Ao cabo, pode haber festas ben xeitosas, rendibles en termos sociais, culturais e económicos sen por iso deitar os cartos en contratacións opacas por impericia ou por desleixo e gastar despois o que non se ten xa que é evidente que hoxe por hoxe hai necesidades sociais e de saneamento que precisan ser atendidas.

 Ao mellor tamén che interesa:
 Saúde democrática
O verán chega inzado de propostas musicais
A obscenidade de gobernar para facer festas

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: