off
Opinião, Política, Politica espanhola — 17 Xuño, 2015 at 10:21 a.m.

Sen rede e conectados

by

cunhagem_OLLAPAROComo se podería temer, dado o alfabetismo democrático e a polarización social dominante, as reaccións ante o “caso Zapata” oscilaran entre a pretensión de convertelo nunha nova “causa xeral” e o chamado a pechar filas cun expeditivo “e ti máis”. Dunha banda balancearon en parcería o seudosindicato Manos Limpias coa súa estúpida denuncia “por xenocidio” e o ministerio de Interior cunha igualmente ridícula apertura de investigacións, e do outro os amigos e correlixionarios do protagonista, que non dubidaron en recorrer ao vademécum da ofensa comparada coma se unha mancha sacase á outra.

No entanto, non deixa de ser chocante esa coincidencia á hora do posicionamento frontista a cara de can, que con todo adoita difuminarse á hora da rebatiña electoral. Sabido é que axiña que comezan os partidos a pregoar os seus saldos para os comicios, case todos esquecen as arestas máis escarpadas para comulgar no celeiro do centro onde se sitúa a masa de votantes que outorga o pasaporte á gloria. Ninguén de portas fóra é de dereitas nin de esquerdas, e todos buscan na transversalidade do voto útil o atallo para chegar ao poder. De todos os xeitos, o que está claro é que o pensamento non delinque, por máis que os puritáns prediquen o contrario. Como di o titular do último número dunha revista de moito brillo cuxa marca non quero publicitar, temos “o dereito a blasfemar en tempos fanáticos”.

Mas a polémica suscitada polo asunto das brincadeiras antisemitas escritas en twitter hai 4 anos polo concelleiro de Cultura do Concello de Madrid, ten outros rexistros substantivos. De entrada, o episodio revela a “dobre moral” das redes sociais. Desde que as novas tecnoloxías  proletarizaron o uso e abuso dos trebellos de comunicación persoal, a globosfera configurouse como un bumerán ucrónico. Existe o efecto directo da conectividade en rede, fenómeno non exento da arrogancia e a impunidade que dá sentirse seguido por un universo interactivo (a lambetada do trending topic). Porén, esa acción ten a súa réplica no feito de que as mensaxes fican na nube e poden ser recuperados máis tarde por improvisados e pouco escrupulosos voyeurs. Unha especie de inevitable “ao feito peito” que, a medida que se produzan máis conflitos, procesarase para que a responsabilidade e o autocontrol creza nas autoestradas da información. Igual que o impacto da concentración de tráfico e os accidentes no asfalto fixeron cada vez prudente a condución de vehículos de motor.

Desboto teimar nas falcatruadas sen amortización posibel deses talibáns que van de cruzada en cruzada até a desfeita final. Coas súas paifocadas, agresións, censuras, represións e xaculatorias poderíase empapelar varias veces a rede do AVE, estrafalaria ruada cuxo derradeiro procreo foi o intento de empapelar a medio Camp Nou por unha pitada ao himno español. Interésame máis analizar os duelos e quebrantos da esquerda compulsada que tantas veces, á hora da verdade, reproduce formulacións afíns aos dos seus teóricos e atávicos adversarios. Ao cabo, en cuestións de ética, historicamente concertouse que ela é a que marca o ton. Pobres mas honrados. En principio, só en principio, porque o mesmo se dicía da corrupción e o que estea libre de culpa que guinde a primeira pedra.

Recoñezamos porén que a rolda de imprensa ofrecida polo membro de Ahora Madrid cuestionado fechou algunhas feridas, por sentida, honesta e coherente. Abonda, conta saldada. Aínda que tamén é certo que máis vale tarde que nunca e que en quente Zapata tivo a tentación de recorrer á bicha da conspiración para xustificar o episodio. O seu mea culpa, sen atenuantes nin conservantes, significa un proveitoso recoñecemento de que non hai dereitos individuais absolutos. Mágoa que fosen precisamente os intelectuais orgánicos da súa contorna os que, acudindo no seu socorro, incorreron nun “sostenella e non enmendalla” dando exemplo por defecto.

O primeiro en utilizar a estratexia do ventilador foi o ex dirixente de Podemos Juan Carlos Monedero. Os do tamayazo seguen enredando. Non lles fagamos o xogo aos do tamayazo. Van tentar desestabilizar como sexa. Os que non condenan o franquismo, dixo botando man do argumentario trivial que prescribe negar a maior se o afectado é “un dos nosos”. Outro aceno de humor negro, xa que se a divulgación dos tuits de marras produciuse 48 horas da elección de Manuela Carmena, algún concelleiro socialista podería ter reformulado o seu voto. E dado que aos blocos en liza só os separa un escano, a beneficiada sería a listaxe máis votada de Esperanza Aguirre. No negociado mediático, foi o dixital Público, tan colega do pablismo, quen saíu en defensa de Zapata cunha enquisa exprés onde o 64,3% dos consultados afirma estar a favor da continuidade do concelleiro. Esquecen Monedero e Público á hora de exculpar de plano ao membro de Ahora Madrid que o seu patrocinado pertence a un colectivo que fixo da axitación nas redes sociais a súa principal arma política.

Volverán as augas ao rio, porque o forte respaldo social de que gorenta Ahora Madrid ten fondas raiceira. Mas a experiencia non será de balde. O acontecido mostra a distancia abismal que existe entre tentar transformar democraticamente a sociedade extramuros do sistema e someterse ás súas propias regras do xogo aínda que se reivindique como Cabalo de Troia. O máis probabel é que o “caso Zapata” contribúa a un máis rápido cuño dos indignados de outrora nas institucións de sempre, á parte do cadeado que supón obrigarse á lei de estabilización orzamentaria con severas limitacións en canto a déficit e débeda. Todo iso, por descontado, non sen antes sofrer algunha que outra “purga”  redentora sen tento.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off