off
Ciencia, Mar e Pesca, Ortegal — 12 Xuño, 2015 at 9:38 a.m.

A historia pouco coñecida do “Parque-Escuela de Ostreicultura de Santa Marta de Ortigueira” (1876-1887), unha instalación pioneira na explotación de recursos mariños en Galicia

by
retrato Graells
Mariano de Paz Graells

O ano 1869 Mariano de Paz Graells (1809-1898), catedrático de Ciencias da Universidade de Madrid e figura clave no desenvolvemento das Ciencias Naturais no século XIX no Estado español, realizou unha expedición polas costas galegas, publicando os resultados nun libro: Exploración científica de las costas del departamento marítimo del Ferrol (1870). O motivo fundamental da visita foi a alarma diante da decadencia da industria ostreira. Graells debía informar do estado dos bancos naturais e artificiais e examinar o lugar máis acaído para establecer un parque modelo na produción de ostras.

A libro estaba dividido en varias partes. Na primeira atendía ao estudo das ostreiras naturais e artificiais e describía con especial atención a ría Santa Marta de Ortigueira, da que salientaba a riqueza natural e posibilidades de explotación. Graells propuña alí a instalación dun parque modelo de ostreicultura para multiplicación do molusco e aprendizaxe dos ostreicultores.

Ata 1748 na explotación dos recursos mariños costeiros funcionaba unha “regulación comunitaria” baseada na socioloxía, antropoloxía, costumes, etc. de cada lugar. Nese ano instálase a “matrícula do mar”, de obrigada inscrición para poder faenar. En 1768-69 as Ordenanzas de Pesca de Pontevedra e A Coruña, convértense na primeira regulación da actividade. Pero ese escaso control (“mar libre”) coincidía cunha baixa nos recursos, polo que o liberalismo do XIX vai proceder a unha ordenación que permita a recuperación das especies, coa intención de despois pasar a explotación a mans privadas. Neste contexto sitúase o intento de Graells coa explotación ostreira en declive.

O Parque

O ParquePara Graells a ría de Santa Marta de Ortigueira era o lugar idóneo para situar un Parque de cría de ostras pola semellanza xeral que atopaba coa localidade francesa de Arcachon, berce da ostreicultura gala, e pola ampla zona litoral que deixan libres as mareas.

Inicialmente, a instalación demorouse. A Real Orde de 28 de marzo de 1874, estableceu a reserva de dezaseis bancos de ostras no Cantábrico, e tras o Regulamento para a propagación e aproveitamento dos Mariscos, aprobado por Real Decreto de 18 de xaneiro de 1876, a Real Orde de 31 de marzo de 1876 designaba oficialmente Ortigueira como lugar onde se establecería o Parque-Escola de Ostrícultura. O 9 de maio de 1876 disponse que Graells e o segundo piloto Federico Villoch, nomeados Director e Xefe Local do Parque, pasen a Francia a estudar os últimos adiantos da industria ostreira, adquirindo os útiles que sirvan de modelo no establecemento. Realmente Graells foi ou encargado da instalación e da dirección facultativa do Parque.

O Ministerio de Mariña comunicou á Capitanía de Ferrol, e esta trasladou ao Concello de Ortigueira (22 de xullo de 1876), as indicacións precisas para proceder á instalación do Parque, que incluían a petición de colaboración con Graells. Este pasaría o verán dese ano 1876 en Santa Marta intentando poñer en marcha o establecemento. Para iso diríxese, como delegado da Comisión central de Pesca, ao Concello (23 de xullo de 1876), pedindo apoio á prohibición de mariscar na ría e tocar os areais de cría. Ao mesmo tempo que se inicia a construción dalgúns elementos, como os “claires” para fixación das ostras, Graells solicita vixilancia. Pasou o verán do ano 1876 en Santa Marta intentando poñer en marcha a instalación. Permaneceu ata outubro ocupado neses traballos, intranquilo pola falta de medios.

O Parque foi inaugurado 22 de setembro dese ano, con discursos das autoridades e de Graells, fogos de artificio, etc. Despois a instalación vaise poñendo en marcha, con Graells dirixindo a distancia e Villoch como responsable local. Tráense, para sementar, medio millón de ostras de Arcachon e lévanse á cabo diversas actividades, se ben a escola prevista parece que non se desenvolve e hai diversos conflitos, un deles entre Graells e Villoch.

Fin da actividade, os riscos da tecnocracia
O Parque mantívose en funcionamento baixo a Administración de Mariña ata 1884, pero a súa vida debeu transcorrer precariamente. Non chegaron a acadarse os obxectivos de formar ostreicultores privados e de converterse en centro de subministración de ostras. A Real Orde de 31 de decembro de 1884 suprime a inicial explotación do Parque ao “considerar alcanzado el obxectivo de recuperación del molusco”. O Parque continuou con certa actividade despois, á marxe xa da responsabilidade directa da Mariña. O peche definitivo tivo lugar en marzo de 1887.

Da consulta dos documentos da época dedúcese a actitude negativa dos habitantes de Ortigueira con respecto ao Parque. A comunidade de veciños queixábase reiteradamente dos moitos inconvenientes que o establecemento lles ocasionaba (prohibicións de mariscar, de recoller area, de levar algas para abonar, etc.), sen que percibisen beneficios que os compensasen. Así pois, a formulación do Parque parece terse realizado, como tantas veces acontece, dunha forma tecnocrática, sen ter en conta a situación da sociedade próxima, o que dificultou enormemente o seu funcionamento correcto.

E as veces a historia parece repetirse. Nos anos cincuenta do século XX varios científicos do Laboratorio de Vigo do “Instituto de Investigaciones Pesqueras”, dirixidos por Buenaventura Andreu, elaboraron un proxecto de Parque Modelo de Ostreicultura na Ría de Vigo, concretamente na praia de Cesantes. Os mariscadores da zona rexeitaron a iniciativa e desfixeron as instalación. Non se pode desenvolver un proxecto de impacto social sen ter en conta á xente afectada.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off