off
Movementos sociais, Opinião, Política — 2 Xuño, 2015 at 8:16 a.m.

A asubiada do Camp Nou, Tania a vermella e Pantoja a ladra

by

Por acima e por abaixo da pequena liorta electoral non está a praia; desaba a miséria nacional. E estes días o seu fedor paira sobre tres cenarios distintos. Un estivo no Nou Camp durante o encontro entre o Barcelona e o Athletic de Bilbao en presenza do Rei. Outro nas portas dun cárcere de mulleres sevillana. E o terceiro rolda nun xogado madrileño. Os seus protagonistas: o humilde pito que popularizaron tempo atrás os serenos; unha folklórica de recoñecido trónio amiga do alleo e unha nova promesa da esquerda emerxente, estas dúas últimas consagradas celebrities. Tres patas para un mesmo esperpento.

A fenomenal pitada con que boa parte do público recibiu ao himno nacional (paradigma da liberdade de expresión, que non sería tal se non se puidese exteriorizar o cabreo), pretende ser sancionada polas autoridades con argumentos propios de Gila, Torrente e Chiquito de la Calzada (e non digo Eugenio porque o seu humor era bastante serio e non resistiría a comparación). E é que a Comisión Antiviolencia ha decidido abrir un expediente a todo o que alí se moveu por considerar que o colosal estouro constituíu “unha ofensa aos sentimentos dos españois”. Non se decatan as nosas “atrocidades” (sic) que a única ofensa é a deles,  á intelixencia e ao sentido común. Agás que consideren que a “Marcha Real” é portadora de dereitos, como o xumento Inciatus ao que Calígula coroou cónsul. Pretenden, ilusos, someter o dereito a decidir á “lei mordaza”  mentres pasan do alevoso asasinato dun seareiro do Depor en Madrid.

“Isabel, querémoste”, berraban os fans da tonadilleira á súa saída do cárcere de Alcalá de Guadaira onde estaba por branqueo de diñeiro no caso Malaia. Persoas do pobo, os de abaixo, na comunidade con máis paro da OCDE, onde conviven o clientelismo político co socialismo de casarío, a Virxe do Rocío e a Feira de Abril nunha mesma devoción inquebrantable. Como naquel non tan afastado 1814 en que os castizos de Madrid recibiron a Fernando VII ao berro de “vivan as cadeas!”. Quen dixo que as últimas eleccións castigaran a corrupción?  Será se non afecta a “un dos nosos”. Porque cando tocan aos de casa, sexa a cantante preferida ou a política mediática, “tócannos a todos nós”, como dixo Pablo Iglesias amparando aos seus íntimos Monedero e Tanía no seu devalo.

Porque, como diría un marxista ofuscado, non hai estrutura sen superestructura e viceversa. E o da mandar aos antidisturbios para encarcerar á multitude da asubiada, ou aclamar aos que rouban con coplas e faralaes, pode ter unha base ideolóxica que se serve de exemplo da imputación de Tanía Sánchez polos presuntos delitos de prevaricación, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos. Tanía Sánchez, política de esquerda con pedigrí, paseou  por todos os faladoiros de televisión dando leccións de ética cando sobre ela cernía unha abultada sospeita pola súa xestión no concello de Rivas Vaciamadrid. Era unha cidadá fóra de toda sospeita que ademais cobraba por defender a súa inocencia. Aínda que o de dar millóns do orzamento municipal en contratos    a dedo para os seus familiares non semelle de moi bo gusto.
Cando  o dixital progresista Público intitula “O PP logra que un xuíz impute a Tanía Sánchez polas adxudicacións ao seu irmán en Rivas”, non se diferencia moito da boa xente que acirra a Pantoja a ladra, nin dos chíos salvapatrias que pretenden criminalizar unha asubiada.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off