off
Eleccións 24-M 2015, Política local — 20 Maio, 2015 at 5:40 p.m.

Entrevista a Luis Rubido candidato do PP á alcaldía de Cedeira

by

Ollaparo vén de recibir do candidato do Partido Popular á alcaldía de Cedeira a resposta á entrevista enviada o 24 de abril de 2015. Malia que o retraso da resposta  podería considerarse unha vantaxe e un agravio comparativo co resto dos candidatos e candidatas por estarmos xa en plena campaña electoral, a redacción da revista decidiu publicala consonte ao compromiso de Ollaparo cos seus leitores e coa cidadanía cedeirense. O cuestionario fora pensado para ser respostado por escrito, portanto, sen posibilidade de pescudar nas respostas,  xa que  ia direccionado a que os partidos presentaran só os grandes trazos das súas propostas, dando a coñecer de paso aos seus candidatos nun único medio e de xeito secuenciado antes das eleccións.


 

LUISRUBIDOFOTO
Luís Rubido, candidato do PP á alcaldía de Cedeira

Como prevé as eleccións?

Considero que non son quen para dar diagnósticos sobre esta cita.

Cal é o proxecto do que fai bandeira?

Todos e cada un deles son importantes, porque todos van dirixidos a mellorar a calidade de vida dos cedeireses, a través do emprego, da atención ás persoas que máis o precisan, de adoptar as medidas necesarias para que as familias compatibilicen o coidado dos fillos co traballo… Por iso nos planteamos a posta en marcha dun Plan Municipal de Emprego para as rendas máis baixas, xestionamos e iniciaranse as obras de ampliación da Escola Infantil, abrirase o primeiro Centro de Día para maiores ou facilitaremos a actividade emprendedora con incentivos fiscais. En definitiva, no marco do desenvolvemento local, faremos unha aposta decidida pola diversificación da economía cedeiresa.

A que partida orzamentaria adicará máis cartos?

A aquelas que supoñen unha maior atención das persoas.

Como é o seu equipo?

Cedeireses e cedeiresas con moitas ganas de traballar a favor do seu pobo. Hai moita xente nova, moi formada, con estudos universitarios. Xente moi implicada no movemento asociativo da vila. Un gran número de profesionais autónomos e tamén coñecedores da administración. Xente con ilusión, difícil de conseguir nesta época de desencanto coa política.

Non é a primeira vez que se presenta. Que mudaría das políticas de Luis Rubido?

Entendo que esta pregunta vai formulada a outra persoa. Se se refire a facer autocrítica, creo que debín ser máis revisionista co que un atopa nos arquivos referentes ao tripartito. Moitas cuestión que sen dúbida son motivo de escándalo.

Que vicios cómpre erradicar do seu anterior equipo de goberno?

Eu non creo que haiba vicios que compra erradicar porque creo que o equipo que estivo gobernando nos últimos catro anos traballou sempre cunha cousa en mente: o pobo de Cedeira, atender as súas necesidades e conseguir que avanzase. En todo caso, o que si creo é que sempre se poden mellorar as cousas.

Nas súas declaracións de presentación das candidaturas do PP, o pasado mes de setembro, afirmou “facer autocrítica diaria e recoñecer os erros para empezar a corrixilos e superalos” mas as críticas da oposición á súa xestión di que se basean na “ignorancia e a mala fe”… a que se refería?

Non formulei unha frase conxuntiva senón disxuntiva. Recurrín ás dúas posibilidades, a ignorancia ou a mala fe, para que a propia oposición elixira entre unha das opcións. En caso contrario, non me quedaba máis remedio que calificar as súas frases como auténticas calumnias. E estoume a referir sempre ao caso de Anova.

Como potenciará a participación cidadá?

Da única maneira posible. O cidadán non pode deixar os seus dereitos ao arbitrio do político de turno. Hai que dotarse dunha xenerosa e ampla ordenanza de participación cidadá que sexa o texto a respetar por todos, que naza do consenso de todos e que se aprobe por unanimidade. Estamos nun Estado de Dereito que é o instrumento máis garantista da Democracia.

Breve reseña biográfica-curricular

Luis Rubido Ramonde, cedeirés, avogado de profesión e forte vocación de servizo público.

One Comment

  1. Leopoldo Rubido é nombrado alcalde en 1973. En 1973 en España gobernaba un señor que se chamaba Francisco Franco. O alcalde que lle cede o testigo a Luis Rubido empezou a gobernar na dictadura. En 1977 Leopoldo Rubido coloca un monolito na honra de Franco nos xardíns de Cedeira. Se nos poñemos a ser revisionistas eu creo que a saga familiar sae perdendo. Unha saga que empeza na dictadura.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off