Ribera del Oja e o porto deportivo de Cedeira
Hai un mes, o pasado 25 de marzo, o alcalde de Cedeira Luís Rubido revelaba que as negociacións co grupo Ribera de Oja comezaran a primavera pasada, reuníndose con Portos de Galicia en agosto. O alcalde desvelaba no xornal La Voz que «nestes meses teñen conseguido os avais que Portos establecera como condición para reactivar o proxecto. O investimento elevaríase a cinco millóns de euros».
A empresa riojana Ribera del Oja Mercantil tivo como co-administrador ao alcalde de Santurde Jesús Montoya (PP), quen foi inhabilitado por un delito contra a Administración Pública segundo consta na denuncia do fiscal xefe de La Rioja Juan Calparsoro. Segundo fontes consultadas, ‘Ribera del Oja Mercantil’ mercou unha parcela, sendo ainda dotacional privada no ano 2004 . A empresa disque foi creada “especialmente para o caso, “sen que aparecera nela o nome do alcalde”; ao pouco, “reorganizouse e entón apareceu como co-administrador”. Logo de terse formalizado no rexistro esa implicación na empresa do alcalde, votouse nun pleno a recalificación das leiras urbanizables, “unha votación na que votou Montoya, ainda sabendo que estaba implicado e que ía ter un benefício”. A sentenza considerou feitos probados, cando no pleno municipal tanto o alcalde como os seus concelleiros do PP votaron “unánimemente a recalificación dos terreos” rústicos urbanizables nunha parcela de case 7.300 m2 propiedade da empresa Ribera del Oja Mercantil, da que era co-administrador.
Os negocios privados do PP
Segundo os fundamentos da sentenza na modificación urbanística malia “seguir o cauce formal correcto” confluian a “triple condición” do procesado en calidade de alcalde, promotor e constructor.
Estas mesmas fontes informan que o exalcalde e empresario continuaba vinculado a Ribera del Oja Mercantil de Inversiones en decembro de 2012 como accionista maioritario co 66,67 % do capital. O accionista de referencia desta empresa foi condenado por feitos sucedidos sendo administrador único e funcionario público eleito.
Segundo consta no Boletín Oficial del Registro Mercantil, até o pasado 27 de agosto de 2014 Jesús Montoya foi o administrador solidario desta sociedade, producíndose o cese de membro e cambio de órgano administrativo da empresa en setembro de 2014, pasando a ser de administrador único. Ribera del Oja adicada á compra e venda de terreos, promoción e construcción de toda clase de edificios, alugueiro e venda de vivendas e locais e explotación de edificions para residencias de persoas maiores e para servizos de hostalaria, foi condenada por delitos político-mercantís – directa ou indirectamente- para contratar coas administracións públicas cando o seu administrador solidario era o alcalde de Santurde Jesús Montoya. Pois ben, o alcalde condenando por prevaricación deixou lugar a un administrador único de Ribera del Oja hai apenas 7 meses (Registro Mercantil 10/09/2014). Á luz destes datos resultan sorprendentes as declaracións de Luis Rubido, alcalde de Cedeira, asegurando que as negociacións co grupo Ribera de Oja comenzaran en maio e en agosto de 2014, reuníndose primeiro con Portos. Quer dicer, as negociacións comezaran cando Jesús Montoya, acusado con setenza firme de dar un pelotazo urbanístico cando era alcalde, ainda constaba como administrador solidario da empresa que continua a ser accionista principal, xa que o novo administrador único e o apoderado son nomeados, segundo a data da inscritura do rexistro mercantil o 3 de setembro de 2014.
Cando non abonda dicir que somos transparentes. Cómpre selo
É posibel burlar a lei de Contratos coas Administracións Públicas cando todo fica na casa, é dicer, cando as conexións entre representantes e exrepresentantes do PP permiten seguir dando corda aos negocios privados? Cando deixou de importarnos a verdade?
Talvez sexa acaído lembrar que segundo a Lei de Contratos do Sector Público 3/2011 de 14 de novembro, o artigo 60 de “prohibicións de contratar”, especifica que “non poderán contratar co sector público as persoas en quen concorra- entre outras circunstáncias- o “daquelas empresas que, por mor das persoas que as gobernan ou outras circunstancias, pódese supor que son unha continuación ou derivar unha transformación, fusión ou sucesión de outras empresas nas que aquelas tiveran participado”.
A manga larga do PP cos negocios privados, e tamén da lexislación, permite abusos coñecidos ( asulagados que estamos nun mar de corrupción e o seus fantasmas) nos que prevalecen os seus intereses durante e logo de estar no executivo. Moral de xeografía variabel segundo conveña. Lembremos que cando en decembro de 2013 o rexidor sucedeu ao seu irmán limitouse a xurar o cargo sen dicir nin pronunciar palabra nin permitir que a oposición intervira. A aposta pola “rexeneración” sustanciada na lei de transparencia fican cuestionados máis unha vez á vista dunhas operacións nas que non se repara no dano colateral que esas relacións poden ter para preservar a imaxe de Cedeira.
Urxe o relevo. A demisión a comezos desta lexislatura de Leopoldo Rubido non debera significar seguir teimando nas mesmas políticas que prevaleceron a golpe de maioría absoluta subvencionada e dun gasto non produtivo que acelerou a desfeita medioambiental e urbanística de Cedeira e o deserto do rural. As transicións teñen o seu tempo e os protagonistas debería ser a cidadanía cedeirense logo de décadas de paternalismo sucursalista. Porén, as sagas continuan. Debe ser cousa do “partido dos seres humanos normais”(Rajoy) e de quen lles vota, o resto “os anormais”, os que non lles facemos caso apandamos coa súa arrogancia. Parece mentira que o PP non teña unha cara nova que ofrecer logo de décadas de acaparar o poder local en Cedeira. Se realmente se quere abrir un tempo novo, non hai abondo con deixar atrás o pasado. Fai falta pensar nunhas institucións e nunha cultura partillada que fagan máis dificil a formación de sistemas clientelares de caracter estructual. Xa que pouco ou nada teremos avanzado se empresas que foron condenadas en firme continuan tendo relacións normalizadas, mesmo intactas, coas admnistracións públicas, xustificándoo todo sempre polo fantasmagórico proveito económico.
Ao mellor tamén che interesa
Cousas que hai que saber da empresa rioxana que quere facer o porto deportivo
Ao final da escaleira. Desfeita urbanística