off
Movementos sociais, Política, Politica espanhola — 31 Maio, 2015 at 10:38 a.m.

Nun lugar da Mancha…Podemos e a caste

by

intrabalhoPoucos territorios como Castela La Mancha exemplifican tan ben a situación de esquizofrenia en que se ten colocado Podemos á hora de optar entre a cara A ou a cara B da caste. As eleccións naquela comunidade deitaron un resultado que fai do partido de Pablo Iglesias a forza salomónica con só 3 deputados, dado o duelo que supoñen os 16 sacados polo PP e os 14 do PSOE, até agora na oposición naquela rexión. Desta forma, o avatar de podemista oscila entre deixar que gobernen os mesmos que aplicaron os maiores recortes e axustes da súa historia ou permitir que volvan ao poder quen empezaron a demoler o Estado de Benestar con investimentos faraónicos no aeroporto de Ciudad Real, protagonizaron a primeira quebra dunha Caixa de Aforros en España ou privilexiaron os intereses da industria do boom do tixolo, que ten o mellor exemplo na figura churrigueresca do Pocero, o construtor favorito  de José Bono e factótum da errada megaurbanización de Seseña.

Establecido o dilema, todo parecer indicar que a Segunda Transición 2.0 comezará nese lugar da Mancha. Patrocínana demasiadas coincidencias. Dun lado os votantes, usados unha vez máis como escudos humanos do xogo de tronos partidista, que dificilmente comprenderían que Podemos desprezase a súa bala de prata para “desaloxar ao PP das institucións”. Mas tamén porque entre o líder socialista Emiliano García-Page e a dirección autonómica de Podemos hai máis que chiscadelas. Varios membros da cúpula toledana da formación morada foron altos cargos durante a  anterior lexislatura (un ex xefe de gabinete de Ordenación do Territorio; unha antiga adxunta ao secretario xeral de presidencia da Junta e un ex director de Vivenda e Patrimonio). Ainda máis, o pretendente García-Page “compartiu mesa e mantel” con Pablo Iglesias e Íñigo Errejón na cea que lles ofreceron o mesmo Bono e José Luís Rodríguez Zapatero  na casa do primeiro. Por certo, arestora unha minicimeira sen luz nen taquígrafos.

Polo demais, a campaña electoral do 24M  balanzou entre dúas retóricas equidistantes. A do centro dereita pepeiro que chamou a rebato aos seus desafectos ao esconxuro de “que veñen os radicais”, e a posta en práctica por EU e Podemos, o partido opado e o opante, baixo a taumatúrxica consigna de constituír “frontes populares”.

Alén da natural fanfarrada e adhesións incondicionais, ambos os dous modelos supoñen en realidade un recoñecemento de debilidade. Convocan aos de fóra con soflamas para tentar aglutinar unha maioría que de xeito evidente se intúe insuficiente cos propios recursos.

Entre bastidores desta trama bipolar sitúase  o centro esquerda do debalante PSOE, que tentou mimetizarse como couceira coa ollada posta nos novatos que gostarían botar á dereita das institucións? mas sen danos colaterais. O que sen dúbida o afortalaría a medio prazo na condición de casa común da esquerda que pode e non quere e da emerxente que quere e non pode. Que non é máis do que repetir a vella xogada de cando o felipismo se erixiu en buque  insignia da mudanza para o PSP de Tierno Galván e o PCE de Santiago Carrillo, entre outras formacións na procura de autor.

Unha fórmula a medio camiño da técnica do saca-rollas e a dos vasos comunicantes. Abonda con ter a habelencia de manter abertas as canles de arriba-abaixo e de maior a menor, e facer o filtro que máis conveña politicamente, exercendo un rigoroso control dos tempos. Parece claro que se non existisen unhas eleccións xerais no calendario vixente, nin Podemos nin Cidadáns estreitarían á hora de dar o seu apoio para formar gobernos municipais ou autonómicos. O exercizo do poder é a razón de ser de todo partido político que se prece, porque o que verdadeiramente desgasta é non telo (Andreotti dixit).

Mas toda esta sopa de letras oculta un feito obvio, que mália a pancada o Partido Popular é quen gañou as eleccións. A proba é que as diferentes  siglas da oposición teñen que coaligarse para poder “botalo das institucións”.

Iso lévanos tamén á necesidade de recoñecer que a miúdo “as palabras da tribo” inducen a espellismos. Nin o PP é a dereita troglodita nin o PSOE a esquerda socialdemócrata, e de momento a pelota nominalmente segue a estar no tellado das hostes de Mariano Rajoy. Por máis fervor “antifascista” que propaguen algúns pulpitos mediáticos agora convertido en panfletarios do cambio vai ti saber o por que. O veredicto electoral dos “impopulares” populares contabilízao a pelo o PP, sen consolidado que os complete con outros grupos, por máis que a priori se descualifique a Cidadáns como a súa “marca branca”. De seu, unha escisión pola dereita extrema  como Vox ficou fóra do taboleiro político e a ninguén en Xénova 13 se lle tería ocorrido pensar en apoios de formacións da extrema dereita, como Falanxe (por certo mais unha vez acurrunchada nas urnas) para gañar masa crítica (un oxímoro que segue a gorentar de predicamento).

Por contra, o PSOE e “os radicais” emerxentes precísanse, uns para tocar poder e outros para demostrar aos seus seguidores que “algo hase poder”, pondo en valor a escaleta de votos sacados nos recentes comicios. O que significa pactos de lexislatura, apoios puntuais ou coalicións de goberno. Isto último é o que ensaiou con desastrosas consecuencias EU, o partido “corazón da esquerda” que máis defendeu durante a campaña a idea de “botar ao PP das institucións”. Á parte dos seus ciscos internos, algo tería que ver nesa  pírrica derrota o feito de que a coalición obrara como compañeira de viaxe do PSOE en Andalucía e Asturias, e desmentise ex ante tal slogan identitario en Estremadura ao favorecer coa súa abstención a investidura de Monago.

Porén, as eleccións da crise deitaron unha novidade que preocupa a todos os grandes partidos sen distinción, e que ademais supón un atranco para os novos: as plataformas cidadás. Sobre todo temen ás que co nome Barcelona en Comú e Ahora Madrid están destinadas a xestionar os dous principais núcleos poboacionais do Estado. Dúas cidades emblemáticas que atesouran máis influencia e orzamentos que algunhas asembleas autonómicas. Pola súa estrutura pluralista e movimientista; pola súa constitución de sinal horizontalista e pola iniciativa que nelas  ostentan sectores do activismo social, desde o taboleiro político vese esa irrupción como unha ameaza. Neste sentido, parece significativo que Esperanza Aguirre, adaíl do neoliberalismo rampante, suxerise in extremis ceder a alcaldía da capital ao seu adversario socialista Antonio Miguel Carmona para pechar o paso a Manuela Carmena. E que o concelleiro en funcións de Barcelona, o converxente Xavier Trías, propoña un tripartito (CiU-ERC-PSC) para facer o mesmo coa formación gañadora de Ada Colau.

O que máis temen no duopolio dinástico é que Ahora Madrid (e non o partido Podemos que desprezou o municipalismo) e Barcelona en Comú leven á práctica en escala macro unha forma decente de administrar a cousa pública. É problemático que sen o abrasivo dos grandes medios de comunicación ao seu servizo e cos recursos da corrupción en mínimos polo acoso xudicial, as maquinarias dos partidos poidan seguir dominando a pista política. E xa non digamos se por riba se chega a reformar a lei electoral; deixando en barbecho as listas pechadas e bloqueadas; xeneralizando as primarias sen  trucos, nin trampas, nin tope de avais excluíntes; e a que trasparencia fose unha realidade contante e sonante. Entón funcionaria o botón do pánico.

Non deixa de ser un paradoxo que a capacidade política de Podemos para anular a cara A da caste sexa por conta de relanzar a súa cara B, rectificando así o pau que os votantes propinaron nas urnas ao bipartidismo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off