off
Opinião, Política, Politica espanhola — 27 Maio, 2015 at 7:18 a.m.

A Segunda Transición 2.0

by

Gmoran_preciotransiticion_OLLAPAROHai agora 14 anos, o xornalista e escritor Gregorio Morán publicou un libro sobre a vitoreada transición española que resultaría pioneiro na súa temática. Baixo o título de”El precio de la transición”, o autor revelaba o que ao seu entender era a historia oculta dese pase de páxina desde unha ditadura sanguinaria a unha democracia outorgada da que as clases dirixentes sempre se sentiron tan orgullosas. Desde entón temos comprometida con Morán unha débeda. Só alguén cun talento a proba de intimidacións podía acometer tamaña aventura intelectual onde tantos outros fincaron a cerviz. Porque aquel texto premonitorio, sen pór en causa a posibel eficacia da transición nen pialas por unha ruptura frustrada, tiña a grande afouteza de denunciar o déficit moral que implicou o alicerce sobre o que se construíu aquel salvapantallas: a desmemoria oficiada en forma de autoamnistía para os malfeitores.

Tamén hoxe emerxeron novas forzas políticas progresistas e anti-réxime que falan máis unha vez de ruptura coa boca pequena mentres no seu imaxinario vindicativo prevalece a oferta dunha Segunda Transición, quer dicer, unha especie de continuísmo con novos actores

Neste intre voltamos a un ciclo político que se parece na distancia a aquela conxuntura que glosaba “El precio de la transición”. Tamén hoxe emerxeron novas forzas políticas progresistas e anti-réxime que falar maís unha vez de ruptura coa boca pequena mentres no seu imaxinario vindicativo prevalece a oferta dunha Segunda Transición, quer dicer, unha especie de continuísmo con novos actores. Con efeito, a polisémica amnistía volta  onde adoitaba. A luzente percepción  tras os resultados do 24M, condicionados pola lóxica aceptación das regras do xogo que leva a disputa electoral, é que haberá que deixar de acariñar o proceso destituinte e o seu sucesivo constituínte para outra ocasión. Pacta sunt servanda (o pactado obriga).

As masivas revoltas rueiras que alentar o potencial creativo para as vibrantes candidaturas cidadás orixináronse en maio de 2011. Era o Movemento 15M. E a diana daquelas protestas era un goberno socialista, presidido por José Luís Rodríguez Zapatero, que entregara o Estado á Troika. Convén lembrar que foi nese mes iniciático cando as autoridades decidiron aprobar pola vía de urxencia a reforma do artigo 135 da Constitución que converteu a democracia española nunha cleptocracia con soga corrediza. Antes, ese mesmo executivo impuxera recortes e axustes de distinto tipo e calibre (conxelación das pensións; aumento dos requisitos para acceder á xubilación; abaratamento e fornecimento do despedimento; precarización da contratación laboral; baixada do soldo dos funcionarios; empobrecemeento dos servizos sociais; etc.). E que coroando a lexislatura, con idéntico despotismo, deu un paso máis na subordinación do país a EEUU cedendo o territorio español como base naval do sistema de escudo antimisiles. Falamos do partido de “OTAN de entrada no”? que asegurou que nunca España se integraría no seu núcleo militar e logo chegou a ceder ao seu ministro de Educación, Javier Solana, para o papelón de secretario xeral da organización bélica.

É certo que a continuación viñeron outros, o goberno do PP con Mariano Rajoy á fronte da caverna, que non fixeron máis cegos. Mas iso xustifica que fagamos táboa rasa e regresemos impávidos á casa de saída coma se nada ocorrese? Hai que esquecer que o actual secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, compartiu cos ollos pechados esas políticas reaccionarias e mesmo colaborou na redacción do texto para a contrarreforma do artigo 135. Debemos ignorar a decisiva participación do na altura titular de Educación Angel Gabilondo na profundización do Proceso de Bolonia que entregou os estudos superiores aos mercados e á marca Universia do Banco de Santander, e que estivo no gabinete que secundou como un só home a viraxe constitucional?. Se a resposta é si, mora eficacia, asumamos semellante exercizo de desmemoria colectiva con todas as consecuencias. Sabendo que estamos perto de inaugurar unha Segunda Transición a conta de benzer un consenso cos mesmos que están na orixe das nosas coitas.

Cómpre ficar á espreita. Entretanto, fagamos como que a esperanza fose a derradeira. E nese sentido convén visar as plataformas trunfadoras en territorios con contencioso identitario pendente (Barcelona en Comú, Compostela Aberta e Marea Atlántica), que agrupan a formacións  nacionalistas con outras forzas de definido acenol social. Se ese sincretismo cala, e non se reproducen as vellas exclusións legatarias dun internacionalismo mal entendido como conflito co nacionalismo e dun nacionalismo alimentado en rexistro frontista, e sempre con claro predominio do dereito a decidir autodeterminacionista, a colleita do 24M podería deixar pegada federal e mesmo confederal. Celebremos unha vez a máis a Miguel Torga: “o universal é o local sen muros”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off