off
Eleccións 24-M 2015, Galiza, Opinião, Politica espanhola — 26 Maio, 2015 at 7:19 a.m.

O dia despois

by

“…ni el pasado ha muerto,

ni está el mañana -ni el ayer- escrito”

(Antonio Machado)

marteloUnha vez máis, como en todas as eleccións, o que non se contenta é porque non quere. O Partido Popular, que vén de esnafrarse, afirmou a través do seu portavoz que “tiramos uns resultados que xa quixeran outros”. Pedro Sánchez, secretario xeral dos socialistas, declarou que “o PSOE é o primeiro partido da esquerda”, mália padecer unha sangría de votos respecto de 2011. E, finalmente, o coordinador xeral de Esquerda Unida, Cayo Lara, non tivo empacho en cualificar de “bos, moi bos” os resultados. Aínda que en realidade, o PP e o PSOE xuntos deixáronse o 13% dos votos, máis de 3 millóns, en comparanza cos derradeiros comicios de referencia. Para ambos os dous, o pior balance da súa historia. E a coalición EU quedou practicamente en barbecho institucional, un partido sen poder.

O triunfo indiscutible está en Barcelona en Comú, Agora Madrid, Zaragoza en Común, Compostela Aberta, Marea Atlántica, En Cádiz se se pode e Compromís. Quer dicer, nas novas candidaturas cidadás relacionadas coas loitas dos indignados contra a corrupción, os recortes e as leis mordaza, e nunha coalición progresista que posiblemente foi, desde a Comunidade Valenciana,  a primeira a nivel estatal en abrazar un rexerenacionismo radical, coherente coas demandas e necesidades dos seus concidadáns, máis aló de fosilizadas ortodoxias.  Pero non só é unha vitoria de partidos máis ou menos novos, máis ou menos emerxentes, o que este triunfo trae nas alforxas é unha promesa  doutra forma de facer política. Polo menos en teoría, porque haberá que ver daquela a brecha que se abra entre o devandito e o feito, e se os pactos augan a festa.

…o que o eleitor non admite é que rían del na súa propia cara e o humillen.

Pero nestes momentos non se pode escatimar o seu éxito baixo ningún pretexto. Un mérito que ten algúns protagonistas estelares. En primeiro lugar, o impulso dado á mobilización popular pola xeración máis preparada da nosa recente historia condenada polo duopolio dinástico do austericidio a “vivir peor que os seus pais”, porque os de arriba viviran “por encima das súas posibilidades”. Ese foi o mar de fondo principal que axitou as conciencias dos sectores máis sensibles da sociedade, espabilando a boa parte das clases populares do seu tradicional letargo e resignación. “Durmiamos, acordábamos”, dicía nunha das súas pintadas en Movemento 15M, que oportunamente Manuela Carmena reivindicou á hora da vitoria na noite do 24M.

En segundo termo, como axente do cambio, á dinámica desa mocidade á que se pretendía deixar sen futuro, axustouse o activismo cívico e as mobilizacións sociais naqueles lugares estratéxicos onde o Partido Popular e a súa corrupción rampante perpetraran as súas máis flagrantes actos de barbarismo, en potencia e acto. A ese tecido conxuntivo suxeito-obxecto, a esa intelixencia colectiva, hai que atribuír a fenomenal desfeita do PP na Valencia de Salvem o Cabanyal e a rede Gürtel; na Barcelona dos indignados condenados polo escrache aos parlamentarios dos recortes antisociais e o mafioso clan Pujol; na Galiza curtida do Nunca Máis e os estragos do caso Pokemon; no Madrid profundo do 15M e a fedorenta Operación Púnica e, en fin, nas Illas Canarias dos abusos do fracking.

Significa iso que por primeira vez a cidadanía castigou a corrupción, como din moitos analistas?…Agás que tiremos a conclusión que os votantes pasan factura á corrupción da dereita e toleran a que comete a esquerda ficticia. O que esixiría unha profunda e inquietante reflexión.

Significa iso que por primeira vez a cidadanía castigou a corrupción, como din moitos analistas? Non enteiramente. As contas saen só en parte. Poderíase ter afirmado  de atendermos só ao acontecido en Valencia, Madrid, Barcelona e Canarias. Mas se alargamos o foco e vemos o acorrido  hai pouco en Andalucía, reino do desfalco de EREs e da fraude dos Cursos de Formación, e arestora en Asturias, onde o caso Marea é un pozo sen fondo de corrupción e acañamento (por certo, case ignorado polos medios), esa interpretación erra. Agás que tiremos a conclusión que os votantes pasan factura á corrupción da dereita e toleran a que comete a pretensa esquerda. O que esixiría unha fonda e desasosegante reflexión. Alén diso, en idéntico sentido, é o insignificante número de candidatos imputados, tanto do PP como do PSOE, elixidos nestas eleccións.

Acho que a interpretación válida está noutra dimensión. A valoración clientelista que da política institucional teñen moitas persoas fai que a corrupción do público nun primeiro momento non se interprete como algo que afecte directamente aos nosos petos. A concepción do Estado como un “ogro filantrópico”, un artefacto superestructural que nos vén dado, contribúe a que os abusos que se cometen no seu nome a miúdo se acepten como parte da paisaxe natural. Pola contra, o que o eleitor non admite é que rían del na súa propia cara e o humillen. Iso explicaría a malleira recebida nas urnas por xentes como Rita Barberá en Valencia, Esperanza Aguirre en Madrid, León da Riva en Valladolid ou Alfonso Rus en Xátiva, “animais políticos” todos eles e elas que se caracterizaron polo descaro e a fachenda á hora de xustificaren os seus desmáns.

 

Ao cabo, tamén merece un  comentario o acontecido con UPyD e Esquerda Unida. De EU pouco máis que engadir, á parte de que foi vítima das súas propias pelexas internas, atavismo orgánico e fallos estrepitosos á hora de asociarse politicamente nas institucións, o que lle levou a desaparecer de Madrid, Valencia e Estremadura. En canto ao partido liderado pola ex senadora socialista Rosa Díez (lembrar que competiu pola secretaria xeral do PSOE contra Zapatero), dicir que é unha derrota do Ibex 35 e do Grupo Prisa (boa parte da revista Claves , con Fernando Savater á fronte, estaba na súa organigrama desde o seu alumeamento), que fretaron a marca UPyD como expectativa gonzo para evitar, no renacer do dereito a decidir, que o bipartidismo dinástico dependese de máis dos nacionalistas CiU e PNV na xestión política do día a día.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off