off
Cedeira, Eleccións 24-M 2015, Política local — 24 Maio, 2015 at 10:26 a.m.

O día de reflexión será na segunda-feira

by

IMG-20150524ollaparoAinda que xa sabíamos que o día de reflexión real sería na segunda-feira, do que se trata é que se note que se asisou, non pedimos máis. Somos os galegos e galegas os animais que entropezamos 7 veces na mesma pedra? Propoñemos unha listaxe de preguntas que talvez debamos ter presentes antes de deitar o voto. A ver nos imos tornando máis críticos, que votemos máis sobre o que coñecemos mellor logo de telo debatido públicamente. Emponderarnos como cidadáns é liberarnos do medo e do prexuizo.

Convivencia. Rexeitar a quen estimatice ou poña atrancos á integración e a diversidade racial, de orixe ou de xénero.

Traballo para todos e todas? Un problema que atinxe a todas as familias. Dos cabreados e indecisos, moitos deles ficaran na casa sen iren votar ou farano na procura dun cambio radical. Mas deles dependerá en parte o resultado final. Por iso os que non poden ofrecer o cambio (PP e PSOE) teiman en enarbolar esa bandeira.

Educación pública e galega. A rutura das disparidades de orixe comeza aquí, alargando a igualdade de oportunidades através dunha escola de noso, pública e galega. Onde os nenos e nenas se tornen cidadáns críticos e non apenas consumidores pasivos das ofertas de mercado. O mesmo acontece co acceso á universidade. A administración foi incapaz de impulsala xa que aplicou recortes e medidas homoxeneizadoras  retrógadas. Téñase en conta á hora de deitar o voto.

Unha contorna sá para vivir en saúde.  De onde sae a enerxía que temos na casa?Os nosos concellos son productores netos de enerxía porén pagamos o mesmo que se non o fóramos. O caso é poder vivir nunha contorna sustentabel en termos medioambientais e paisaxísticos para que cando nos bañamos na praia, bebemos auga, facemos deporte e camiñamos o podamos facer todo o ano con garantías ecolóxicas e sanitarias, sen ir polo medio da rúa caneando coches.

Centros de saúde e transporte público. A igualdade tamén depende da sanidade e dos transportes públicos. É un problema tanto médico como social. O non dispor de especialistas médicos é unha fraude á cidadanía. Como a educación e a saúde,  a única oferta do transporte privado é unha desavantaxe engadida aos desfavorecidos. Precisamos de comunicacións e transportes públicos que vertebren o país.

Financiamento.Que partidos teñen en conta a o envellecemento da poboación galega e a súa dispersión? Quen fala da supresión das deputacións e da articulación urbana do país, quen recoñece o caracter plurinacional do Estado?

Políticos dignos. Descartade de entrada partidos que non fan da política un acto de servizo  libre de casos de corrupción. Sospeitade sempre de quen leve máis de oito anos no cargo.

Bibliotecas e teatros. A cultura é necesaria como o aire que respiramos. Unha arela e oportunidade para todos e todas. A lectura, a música e as artes escénicas e plásticas feitas polos creadores galegos é ofrecer alternativas ao lecer alienante e fomentar de paso o desenvolvemento das nosas industrias culturais. Ferramentas para pensar e gozar críticamente. É doado acceder á biblioteca? Hai libros en galego e música galega? O auditorio tén unha programación estable todo o ano?

Medidas sociais. Todo o resto pode agardar. A obra dunha praza pode agardar ao ano seguinte, mas unha persoa non pode deixar de comer, pagar un IBI que non ten en conta a realidade socioeconómica ( pensións non contributivas de 400 euros) ou mercarlle o material escolar ao fillo. Quen defende unha renda social municipal?

Sondaxes. En Galiza só hai unha e chámase Sondaxe. Un inquérito de opinión privado. Que crea opinión. Lede os programas, contrastade do dito e o feito.

Arrriba e abaixo, público/privado, colonizadores/colonizados…desigualdade/igualdade

Non nos enganemos, se non nos contamos nós, seremos contados. Esgótase un ciclo político (logo das municipais, en Galiza 2016, as autonómicas) coa reestructuración do sistema de partidos. Se volve acontecer o de ter máis deputados con menos votos (Feijoó), a atomización nacionalista, a irrupción de Podemos e Cidadáns e a liquidación de Anova e a confusión das Mareas e no que podan derivar, non se poderá dar a batalla. Agardemos a foto fixa e a ver de quen depende. De desaparecer xa non o nacionalismo, mas o galeguismo, o perigo plausibel  é a desaparición de Galiza como suxeito político  se logo  das autonómicas do ano que vén continua Feijoó na Xunta. Podemos entrar nunha situación irreversibel.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: