off
Cedeira, Eleccións 24-M 2015, Opinión, Política local — 22 Maio, 2015 at 18:27

Politica, frivolidade, condescendencia

por

stimulusNon eran ameazas. O que semellaba un xiro de actitude cara  a corresponsabilidade e a humildade vai durar o que dura o efecto dun “posttrending topic’. As declaracións de Rubido veñen botar leña ao lume na recta final da campaña electoral sen achegar claridade mas histeria e desexo desenfreado para sair eleito. Nas respostas que Rubido enviaba  con calculado retraso á redacción de Ollaparo, mostrábase evasivo e ameazador co que fora goberno tripartito de Cedeira: “debín ser máis revisionista co que un atopa nos arquivos referentes ao tripartito. Moitas cuestións que sen dúbida son motivo de escándalo”.

A entrevista foi publicada  malia ter chegado fora de prazo, xa en plena campaña electoral. Cando lin a entrevista a dúbida  que xurdiu  é  se malia o caracter xeral do preguntado, o alcalde-candidato se tería recoñecido nela ao lela xa  que se as “cuestions “que non revelou…son motivo de escándalo” ou ben frivoliza agora, ou ben non exerceu a súa responsabilidade na altura. Non pasaran 48 horas. Este abrente aparecía nos parabrisas dos coches  un panfleto a toda cor no que o PP revelaba os soldos do goberno tripartito. Era este o “escándalo” ou mais ben é escándalo que nese panfleto só se revelen unhas determinadas remuneracións e non outras? Acaso non é un escándalo permanente que se faga das festas patronais unha ferramenta máis do clientelismo e un control da acción cidadá que se utiliza segundo conveña?

Non comulgo coa política de festas subvencionadas por moitos para gaño duns poucos, sen obxectivos de participación cidadá e identidade cultural. E menos cando hai moitas prioridades en sanidade, desemprego, educación, dependencia, saneamento, etc.  A falta dunha ordenanza clara sobre as festas locais acabou dexenerando nunha única tipoloxía de festas obrigatorias mal ou pouco monotorizadas e sen estudo do seu impacto mentras non hai cartos para fomentar a creación cultural de noso en forma de festivais musicais, etc., ou a mínima dotación de materials de lectura alén da biblioteca (imprensa nos centros cívicos,etc) Se non se poden capitalizar non se poden facer e menos se non se garanten mínimos de eficiencia económica. Infelizmente, esa tipoloxía de festas que se foi impoñendo non supón na práctica unha democratización efectiva do lecer e da cultura xa que só se potencia unha determinada concepción festiva, nomeadamente gravosa e propagandística. Precisamos un debate aberto sobre o modelo no que participen todos os axentes sociais, económicos e culturais. Quer dicer, haberá que facelas atendendo a criterios cualitativos e de corresponsabilidade. Un modelo que debería estar alicerzado no fomento da participación xeradora de cohesión social e non no fasto subvencionado por riba das posibilidades. Se non se identifican e plantexan os diferentes modelos de xestión das festas para topar un máis acaído ao noso contexto, dificilmente se poderá manter a carreira actual cara adiante. Sexa un modelo dirixido, participado ou delegado deberán ir encamiñados á eficiencia económica e a participación.

Velaí que, coñecéndose estas influencias e nesgos, derivar unha cuestión política dunha acusación sen achegar os datos do seu  soldo e o dos seus concelleiros na pasada lexislatura – poñéndose a si próprio como vara de medir exemplarizante-  é  dunha grande leveza. Que sabemos que non sexa un cliché se ignorarmos que a política de recortes que o goberno español e galego  aplicaron, supuxo unha rebaixa do salario dos funcionarios e do personal laboral da administración pública. E máis tendo en conta que, estando en plena campaña electoral ainda o que se pretenda sexa sementar dúbidas ou fracturar internamente  a unha parte da oposición o que con certeza está a mostrar é que non parece importarlle que baixo a apariencia de transparencia o que fai é omitir o resto de elementos que permitiran emeter un xuizo ponderado. Rubido, conscente do contexto, optou pola estratexia do medo  (principio antipolítico, chámalle Hannah Arendt) para acalar ao adversario, a costa de debilitar tamén, ainda máis, a confianza dos cidadáns. Certo é que o tripartito na altura dilapidou o capital político herdado deixando orfos políticos a eito. Non en  todo, nin de igual maneira, mas foi como un apagón cando devería ter sido unha reinvención.

Se logo do ditirambo acabara resultando que o rumor non tén a ver  cos candidatos e candidatas que se presentan ou se a súa retribución é semellante ou maior á do tripartito, con que fachenda nolo explicará Rubido? Quen ainda é alcalde en funcións, debería dimitir?  El e o apparatchick popular deben estar tan satisfeitos cos seu salarios en moeda real e simbólica que se esquenceron de engadilos cortesmente ao pamphlet. Ao non achegar, motu propio, as remuneracións do seu goberno Rubido desautorizase a si mesmo.

Un dirixente político non pode afirmar na mesma entrevista  que “o cidadán non pode deixar os seus dereitos ao arbitrio do político de turno” (o seu partido gobernou varias décadas con sucesivas maiorías absolutas) a seguir apelar a “unha xenerosa e ampla ordenanza de participación cidadá que sexa o texto a respetar por todos, que naza do consenso de todos e que se aprobe por unanimidade” e despois caer na vaidade  de tirar consecuencias políticas sen outro argumento que o de crear incerteza e inducir  temor ao decidir de facto que as remuneracións do seu goberno non deban ser coñecidas. Tanto temor lle ten á cidadanía e a perder o control para determinar o que entra e o que non no debate político? Por exemplo, sendo sumiso coa estratexia estatal que culpabiliza aos concellos do déficit  que acabou por baleirar de contido a administración local para darlla ao Estado e ás deputacións sen con ilo arranxar o seu problema de financiamento. E porque non pedir a eliminación dos ministerios que teñen as competencias traspasadas ás comunidades autónomas?

Dí Arendt que co prexuizo só se xulga o individual mas non o criterio  nen a súa adecuación ao que mide. Como se pode entender que o candidato popular condene e facilite de xeito nominal as que, ao seu ver, foron as retribucións abusivas aprobadas por Vergara (PSOE) no goberno de coalición co BNG e Terra Galega (que nestas eleccións non presenta candidatura), e non adxunte no mesmo documento as remuneracións que percebiron el e o seu goberno en conxunto?(incluidos os que non tendo nen xornada media nen parcial tamén cobraban).Velaquí o que diferenza o prexuizo do xuizo, a propaganda baleira  da transparencia certa. Tivo a oportunidade de facelo e aproveitou para debilitar a democracia cedeirense a ditado de electoralismo. A miopía partidista aumenta en diotrías. E as razóns da cidadanía para non ir a votar medran como cogumelos.

Quen acredita ser este señor? O dono do erario público? O dono dos impostos que redistribue á plebe a golpe de humor e de eleccións? O patrucio que mantén contentos aos seus adeptos e só a eles? Quen fachendea na entrevista co interese xeral, a participación e a transparencia e ainda sendo alcalde en funcións non ten o cuidado de practicar aquilo que acaba de pregoar, e que tendo comezado noutra época á sombra do seu irmán Rubido, tente seguir capitalizando unha concepción moi particular do oficio de representante do pobo.

No medio da enxurrada de corrupción na que mergulla o PP de xeito transversal e sistémico (Barcenas, Pokemon, Rato, Pikachu,etc) o que a primeira vista semella transparencia é mais ben todo o contrario, porque ao negarnos parte da información obrígasenos a xulgar sen criterio. A non ser que pensen que están eximidos de facelo por seren albaceas exclusivos da cousa pública. Únicos por dereito natural a recebiren remuneración por desenvolver un cargo de representación. Porque esa é a realidade desta lexislatura para o PP. Un partido no que  se piden cousas como “suprimir competencias” reducindo a capacidade de acción dos concellos, a malloada primeira liña de autodefensa dunha economia  social e solidaria.

A suposta gratuidade ten un prezo(entre deles a corrupción sistémica do duopolio). Quen estamos a favor dos impostos porque cobramos o suficiente para poder gabalos, xa que a priori permiten que poida haber un reparto social e igualitario das riquezas, non podemos obviar que o personal político é eleito para garantir a xusta distribución e que sexan atendidos os ámbitos fundamentais do ben público e de interese xeral en todos os chanzos da administración, incluída a remuneración dos cargos eleitos cando se axusta á realidade salarial da súa contorna. Se non houber remuneración acaída á adicación e responsabilidade, a gratuidade só serviría para acrescentar a desigualdade natural, podéndose  adicar á política só os que máis teñen e os sen escrúpulos. O “salario” dos representantes públicos, de non deturparse os seu sentido, debería evitar o  dominio dos poderosos.  Nun sistema representativo, limitado a consultar á cidadanía cada catro anos, o máis perigoso é ter unha maioría absoluta prepotente e arrogante que atranca o control da súa actividade e que en lugar de procurar consensos os dinamita. Non sabemos que significa “escándalo” no preciso contexto dunhas eleccións municipais ás que presenta por primeira vez como candidato logo dunha lexislatura na que exerceu na práctica totalidade como alcalde e da que a única autocrítica que achega dicir na entrevista é o non ter tirado da manta. Non pasaran 48 para que tirara dela…parcialmente. Cando dicía “escándalo” estábase a referir ás remuneracións dalgúns membros do tripartito? Porque revelalas agora se non dixo nen fixo nada durante o seu mandato? Son de “escándalo”? E non será que ao mellor as cifras difiren  á baixa da remuneración percebida pola totalidade do goberno do PP?  Se realmente houbera causa de “escándalo” a cidadanía debería poder contrastar aqueles soldos cos  do PP na lexislatura que vén de rematar. A ameaza insubstanciada e a información nesgada non deixan de ser unha coacción, xa non aos partidos que conforman o tripartito, mas a toda a cidadanía. Quen actúa con ar de condescendencia (como se estivera a dicir que nos fai un agasallo ao electorado). Esqueceu o avogado Rubido que a democracia representativa, malia os tempos de mordaza, é como todo sistema político  un mecanismo de control social que pode desenvolver- eís a prova de cualidade do seu desenvolvemento-  a capacidade do posibel? Por iso é tan vulnerabel. É así como quere  que a política recupere autoridade e recoñecemento?

Como ben dicia un lector  comentando a entrevista, de falarmos de revisionismo, onde poñemos o límite? De gañar, faga Rubido un experimento na vindeira lexislatura. Elimine calquera remuneración, a ver cantas vocacións de servizo público desaparecen por encantamento.

Ao mellor tamén che interesa:

Entrevista a Luis Rubido candidato do PP á alcaldía de Cedeira

Sobre cobrar ou non cobrar salario por exercer cargo público na administración local

Practícase en Cedeira a caridade como se fose política social?

De dietas e altruismos

O goberno “popular” de Cedeira segue desbaratando recursos coa conivencia da deputación da Coruña

O Concello de Cedeira camiño de se convertir nunha axencia inmobiliaria

Cemento e potes floridos para gañar o futuro

132.707,17 € en xardíns, 0 € en economía productiva

1812 vivendas baleiras. Cedeira, terra do tixolo

Cedeira Financial Studies

2 Comentarios

  • Se houbera que elexir unha película para describir a situación eu estou entre duas. Unha sería a Lei do Silencio e outra O Silencio dos Cordeiros. Nas duas películas a cuestión de fondo é o medo. Ese tipo de tácticas son unha forma de coartar á sociedade. Xa dicía Fraga “La calle es mía”.
    Corren ventos de cambio no mundo. Cedeira non vai ser menos. Ainda que eu creo que lle costará.

  • Como presidente da comisión de festas 2010, quedome co titulo de o silencio dos cordeiros,pois así seguimos,mais ata eiqui cheguei¡¡¡… que saiban todo os cedeireses e cedeiresas que as festas de 2010 están se a pagar co diñeiro do seguro por enfermidade grave dunha doente de cancro de mama, sen que ninguen se digne a falar diso, e mentres o PSOE de Cedeira presenta coma candidato a quen deixou un pufo de 50.000 euros nas festas de 2009,o señor Pablo Moreda,apadriñado po lo señor Vergara Rey, valedor das libertades e voceiro dos mortos …mais xa aviso de que vai a facer falla mais dun tiro na nuca pra calarme…. VERGOÑA DE SER CEDEIRES¡¡¡¡¡¡ Se esta e a liberdade igualdade e democracia que se pretende……XA A PODEDES METER PO LO CUIÑO¡¡¡¡…po lo menos quenes apoien o candidato socialista¡¡¡¡¡…….QUE VERGHONZA¡¡¡¡¡¡ …..e agora a calar de novo¡¡¡……..(continuara)

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: