off
Eleccións 24-M 2015, Estado, Opinión, Política — 21 Maio, 2015 at 18:35

Xornada de reflexión, mas nas ruas

por

“Os nosos soños son máis grandes que as súas urnas”
(Graffiti do 15M na Puerta del Sol de Madrid)

Atribúese ao toureiro Rafael Guerra, “Guerrita”, a frase “o que non pode ser, non pode ser e ademais é imposibel”. Unha tautoloxía que reflicte a imposibilidade de aplicar cousas absurdas. Ben porque supoñen unha aporía desde os seus enunciados ou ben porque carecen de virtualidade na práctica. É o que a ciencia do dereito estuda no apartado “eficacia da norma”. Pois, sendo asín, nese capítulo habería que inserir a disposición legal que estabelece a chamada xornada de reflexión en período electoral. Unha acañada forma de cualificar a un tipo legal de censura política que non resiste comparanza coa lóxica dos tempos  e ademais conculca o exercicio de liberdades fundamentais como o da liberdade de expresión, precisamente nos críticos momentos en que o seu exercizo responsabel é máis precioso. En soma, a falsa xornada de reflexión, a máis de ser unha lei mordaza ad hoc, supón un caso clásico de norma inválida, quer dicer, sen capacidade de realización.

É asín porque nas sociedades da información é metafísicamente imposible impedir que a cidadanía estea continuamente informada a través dos múltiples dispositivos electrónicos ao seu alcance, desde os smartphones ás tablets, pasando polos máis tradicionais da prensa, a radio e a televisión. Na civilización do consumo global todo conspira para que permanezamos atentos ás pantallas, continuamente conectados, enredados. E nese lance, con certeza, pode haber un Estado que lexisle sobre a vixencia da “xornada de reflexión”, máis por cálculo político que por pura lóxica (errata nature). Porén, o que non pode acadar hoxe nin o réxime máis obsesivo do mundo é evitar que un cidadán procure enquisas, sondaxes ou opinións a través dos seus trebellos cibernéticos no alén da nube global. Non se poden pór cancelas ao campo.

Na civilización do consumo global todo conspira para que permanezamos atentos ás pantallas…nese lance, con certeza, pode haber un Estado que lexisle sobre a vixencia da “xornada de reflexión”, máis por cálculo político que por pura lóxica (errata nature).

E iso é precisamente o que pretende facer o goberno español do PP, co apoio do resto dos partidos políticos do arco parlamentario, previndo contra as mobilizacións cidadás que se autoconvocaron nos lugares máis senlleiros de moitas cidades de España o sábado 23 de maio para socializar a xornada de reflexión antes de que se abran as urnas e calen as persoas. A verdade é que se as nosas autoridades tivesen unha máis elevada concepción da democracia e dos valores participativos que o seu goce leva,  non só derogarían “a xornada de reflexión” vixente senón que incentivarían que a xente debatese sobre os programas e perspectivas políticas oferentes até o límite das súas posibilidades. En Estados Unidos, por exemplo, a Primeira Emenda que garante a integridade da liberdade de expresión sen atenuantes, foi adicionada á Constitución polos pais fundadores no temperán ano de 1791.

..se as nosas autoridades tivesen unha máis elevada concepción da democracia e dos valores participativos que o seu goce leva,  non só derogarían “a xornada de reflexión” vixente senón que incentivarían que a xente debatese sobre os programas e perspectivas políticas oferentes até o límite das súas posibilidades.

Mas aquí, con moito menos currículo nos procedementos democráticos e co lastre dunha Constitución asentada sobre un consenso entre elites partidarias, o medo garda a viña. Temor a que a xente pense alén do permitido. Sen dúbida hai precedentes para esa renuencia a que o pobo fale cando non lle corresponde por imperativo legal. Lembremos que as sucesivas xornadas de reflexión a pé de rúa que se materializaron tras o brutal atentado do 11M e as mentiras de manipulación masiva perpetradas polo goberno do PP, puideron influír para o resultado das eleccións do 14 de maio que devolveron ao PSOE ao poder. Aínda que no 2015 a reivindicación dunha auténtica xornada de reflexión sen cadeados ten outras motivacións que desbordan o tradicional escenario dúplex da “rei morto, rei posto”. O que se aventa nestes primeiros comicios tras a crise é saír do cepo do duopolio dinástico hexemónico e falar de res pública e de democracia participativa.

E nese panel nin son todos os que están, nin están todos os que son. A vella política, aínda que resista en odres novos, é o que merece situarse no centro dos debates e as reflexións individuais e colectivas que emerxan nas concentracións do 23M, véspera das eleccións, seguindo a convocatoria impulsada baixo o espírito do 15M. En común, non partidos, porque a ágora é o lugar de expresión do zoon politikon, da cidadanía activa. Un espazo público reconquistado para a autoxestionamento cívico e a crítica democrática. Obviando tentacións totalizantes para facer dese punto de encontro un númerus clausus do comercio, o lecer tarifado e o negocio. Un quilómetro cero onde a xente comparta ideas e ideais, face a face, experimentando valores humanos contra a arremetida de sicofantes e trapaceiros. Asumindo o imperativo ético da pròpria experiencia, aquel soado “non máis deberes sen dereitos, nin dereitas sen deberes”, da Primeira Internacional antiautoritaria. Sen maiorías que soterren a minorías nin minorías que tiranicen a maiorías. Con inclusividade, deliberación, horizontalidade e o orgullo de traballar para a eternidade.

O que no seu cerne interno revela ese rexeitamento é unha fonda antipatía e un receo ante un pobo en marcha, maior de idade, ilustrado, responsabel, libre e autogobernado en sintonía co seu lar ambiental.

O culto á xornada de reflexión que promoven as nosas autoridades non é só un monumento ao despropósito dunha democrática secuestrada pola demoscopia e os talk-shows. O que no seu cerne interno revela ese rexeitamento é unha fonda antipatía e un receo ante un pobo en marcha, maior de idade, ilustrado, responsabel, libre e autogobernado en sintonía co seu lar ambiental. Ese olimpo de representantes que cada vez se fai máis impresentabel debería aprender da proposta recollida no último traballo do prestixioso politólogo estadounidense Ronald Dworkin sobre a iniciativa dos seus colegas Ackerman e Fishkin “que recomendan a criazón, xusto antes de cada elección nacional, dun novo día de festa nacional denominado Día da Deliberación, durante o cal os votantes se poderían reunire para deliberar sobre as eleccións se así o desexan> (A democracia posibel, páx.186.).

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: