O último berro será
para demandar
unha vez máis
liberdade, xustiza e pan
Berce onde repousan
antigas culturas,
pateras que afunden;
no mar sepulturas.
Do mar pola beira
pensaba a rapaza:
para a cuarta feira
haberá fogaza.
A esperanza afoga
na cálida noite,
por moito que boga
axexa o voitre.
Homes e neniños,
cheos de ilusión,
moi arrimadiños
confían no Aarón.
Mais a falsa vara
vainos traicioar
e na outra praia
van alí afogar.
Arelas rachadas
porque algún cabrón
despois de estolalos
fuxe ó albor.
Espíritus ceibes
procuran abeiro.
E póñenlles sebes
de ferro e aceiro.
Miseria e pobreza
e guerras tribais;
fuxen da baixeza
e dos xenerais.
Negreiros modernos
zúganlle-lo sangue
e chegan enfermos,
se non morren antes.
Tanto ten setenta
coma setecentos,
sexa preto ou lonxe,
só son farrapentos.
O mundo, impasible;
non hai compaixón
non son atendibles,
non teñen millóns.
“Eu xa teño o cupo,
eu xa estou completo”;
e mentras no mar
hai máis esqueletos.
Chegará un día
que o pilón de mortos
permita cruzar
este mar enxoito.
E así, sen bogar,
uns derriba doutros,
hannos de fitar
cos seus ollos mortos.
No nome de Alá,
ou no de Abraham,
parade esta vaga,
queren auga e pan.
Se houbese xustiza
habería paz,
mais campa a preguiza,
tamén a desidia:
queremos solaz.
Certamente reflexa unha realidade ben noxenta.