off
Cedeira, Eleccións 24-M 2015, Política local — 17 Maio, 2015 at 11:50

Cultura e educación en Cedeira, motores da cidadanía?

por

Se un se pasea polo web do Concello de Cedeira non atopará na cultura un elemento diferenciador da vila, nin como promoción externa nin interna. Agora que estamos en tempo de promesas é cando hai que contrastar o que se fixo e o que mais unha vez se volve ofertar sen que a Cedeira educadora e culturalmente viva fose unha realidade no mandato que vén de rematar como preámbulo do que ha de vir. Se por acaso damos en premer as seccións Axenda ou Cultura, ambas e dúas levan a un mesmo e caduco calendario das actividades de piscinas 2013-14. O mesmo acontece coa Biblioteca que, entanto se nos dí que será aumentada para facer nada máis e nada menos que unha Aula Universitaria, cando en pleno mes das Letras, nada ten de lle ofrecer á cidadanía, comezando por lles ofrecer a posibilidade de seren os veciños e veciñas os protagonistas e motores da acción cultural. Cedeira debería ser algo máis ca unha postal e non resignarse a estar encadrada no cliché de ser un feudo da dereita. Non nos acomodemos.

Consciencia de incumprimento. O resto do contido estático do web alicerza no punto de explicación turístico que dá conta dalgúns roteiros. En todo o mes de maio, o das Letras, nin libros, nin literatura, nin música, nin teatro nin patrimonio… Para que nos serve a enxurrada de promesas do Partido Popular de Cedeira nun web redactado integramente en castelán? 15 dias de campaña e catro anos de “ostentación da vicepresidencia do consello executivo da axencia de protección da legalidade urbanística de Galicia”, que é así como se presenta quen di gostar da arte, o candidato Rubido, mentres o segundo da lista, xerente no sector empresarial segue aparecendo como concelleiro de obras. A cousa elles tan fácil que  non precisan nin envolvela.

É magoante que se nos queira tomar o pelo cando as persoas do PP e o resto das persoas, esas que Rajoy denominou “normais”, veciños e veciñas de Cedeira,  todos e todas, formamos parte dunha mesma comunidade que sintimos como nosa e que con certeza, os uns e os outros,  queren deixar aos fillos e fillas en mellores condicións que a que recebiron. Porén, habería posibilidade de non nos concentrar no curto prazo, que a súa preocupación vaia alén das  seguintes eleccións e a seguinte ocorrencia ou comunicado de prensa?.

Os cedeirenses e cedeiresas, que temos un horizonte atlántico ben amplo  alén da Chirlateira, deberíamos ter ben presente cara onde queremos ir logo de facer o reconto cada catro anos. Porque a pesar do deslinde partidario e que non se coincida no substancial algo haberá no que poderamos coincidir sen nos autoenganar polas decisións atravesadas por lealdades a grupos locais ou familias políticas. Algún vincallo cordial que nos una. Comezando por recoñecermos todos e todas  a devaluación dos programas  se non se formulan dende o local en clave internacional e mentalidade de rede e dun xeito radicalmente democrático. Quer dicer, para que chamarlle participación cando sabemos que todo seguirá igual?  Porque somos entre outras cousas unha vila mariñeira aberta ao horizonte, nunha nación aberta ao mundo que non precisa de determinadas áncoras para axir. Que haxa antagonismo  e guerra de poder é algo obvio pois é un dos alicerces da política, mas  podemos cordializado e tornalo habitable, máis deliberativo e inclusivo. Como podemos entendernos se non nos falamos?. Comezemos por recoñecernos nas palabras que partillamos, sen imposturas. Con certeza que en todos os programas se din cousas sensatas e outras que non o son tanto e que se desminten ao non aguantar un mínimo contraste coa realidade. O que debería dar que pensar é que se para chegar ao seu potencial electorado precisamos agochar o tríptico en galego no medio dunha web que se presenta só en castelán. É isto un duplo discurso, un síntoma  de que o verdadeiro proceder  é outro?

Os programas electorais deberían explicarnos en que consiste a súa metodoloxía de participación cidadá e non só prometela. Hoxe celébase o dia das Letras Galegas, e que fai quen ainda é alcalde en funcións? Demostrarnos para que lle sirve o idioma galego…porque “no quiere que se lo impongan”. Pode haber unha lingua maís útil ca o galego para lle explicar un programa electoral á cidadanía nunha vila mariñeira de Galicia? Tan pouco nos importamos?

Recuperemos o que implica o compromiso polo traballo ben feito e a satisfacción de facelo ben. Lembremos o que nos dí Richard Sennet, a economía baséase no traballo, e non no capital. Recuperemos a cualidade da experiencia laboral, no traballo cooperativo e o equipo. Quen ten a responsabilidade de facer oposición de garantir que quen goberna cumpra co itinerario. E non só: o peso do candidato ou candidata debería ser inversamente proporcional ao peso que a praxe da participación ten no seu proxecto. Aquí aparecería a ideoloxía de uns de outros fronte ao consabido retrouso de que nos concellos pequenos pesa máis o alcaldable do que o partido no que se presenta. Iso imolo comprobar nestas eleccions. Non vaia ser que esquezamos que o obxectivo dunha formación política coherente e séria é mudar ou incidir no que acontece ben adentro das institucións como afora delas, para ir avanzando cara o que considera máis acaído e beneficioso para a cidadanía que representa, do brazao dado dela e non a pesar dela. As opcións non deberían producir vergoña.

Chegamos a un punto no que para empatizar con determinadas persoas temos que renunciar, por poñer un caso especialmente agresivo, á lingua propia do país? Ninguén se merece esa indignidade. É deste xeito como se entende a cultura e a educación, apenas como equipamentos e non como dignidade, habelencia e creatividade que procura o mellor de cada un de nós? Para abrirse á maioría social precísase renunciar á lingua galega? É así como se quer marcar a diferenza? Non se trataba de ser demócratas? Que se note.

3 Comentarios

  • Desde o punto de vista cultural Cedeira está bastante abandoada. Dese afogamento cultural encargouse dunha maneira sistemática a dereita dende a dictadura ate os nosos días. A destrucción do patrimonio cultural fíxose dunha maneira sistemática e sobre todo consciente.
    Eu acórdome de neno nos anos oitenta dunha revista que se facía en Cedeira que se chamaba O Ollaparo que seguramente era a envidia da comarca. Esa revista desapareceu do mapa sen deixar rastro. Non creo que na biblioteca municipal as teñan cando son realmente míticas. Por que desapareceu a revista O Ollaparo en papel?. Seguramente que sería interesante sabelo. Sin caer na simpleza de que toda a redacción desentendeuse dela. Iso paréceme complicado.
    Outras vilas onde goberna a dereita como en Ortigueira manteñen o festival de música celta, ou Fene que tamén está gobernado agora pola dereita ten un museo de humor,…Por que Cedeira non?.

    • Esa é a cuestión, Xosé. Gostaríanos recuperar o formato en papel para chegarmos a máis xente, o que parece un paradoxo agora que a internet permite colocar contidos que nun minuto se poden ler nas antípodas, non é tan doado xa que precisaríamos uns ingresos que non temos e da parcería de máis persoas. Ollaparo non recibe subvención ningunha nin tén publicidade pagada. o que ten avantaxes e limitacións.

      Se non nos fallan as fontes na Biblioteca debería haber depositada desde o ano 2000 unha colección dos primeiros números do Ollaparo (n.1(1984);n.2(1984);n.3(1984);n.4(1984);n.5;n.10(1988-9); n.12;n.13;n.14(1990);n.18(1994) n.19(1994);n.20(1994); n.21(1995); n.22(1996). A dispoñibilidade desta hemeroteca podes consultala no Meiga catálogo en liña das biblioteca públicas galegas aquí:

      http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/DetalleRexistro.aspx?CodigoBiblioteca=CBM027&Rexistro=2300&Formato=Etiquetas

      Tamén podes consultar algúns dos números que fomos escaneando, para poñelos a disposición de todos e de todas,na sección do Ollaparo dixital “Sobre nós”> “Anteriores”> http://ollaparo.gal/about/capas-anteriores/

      Xosé, moitas grazas polos teus comentarios

  • O formato en papel pódese recuperar dunha maneira sinxela. Por que non facer un formato artesanal pero de calidade. Poucas follas pero ben feitas. Debería de facerse un núcleo fundacional que seguise coa esencia da revista. Sacar un número o ano. Polo nadal, por exemplo. Contar as historias de Cedeira da xente traballadora e boa da Vila. Falar do particular para comprender o universal. Non facer un instrumento duns cantos. Un foro aberto sen demagoxias e obxetivo. Critico. Sería un golpe na liña de flotación á mediocridade.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: