off

Gobernos trending topic

by
A man huddles in fear from a squawking flock of twitter birds. By Pete Simon on Flickr (CC BY 2.0)
A man huddles in fear from a squawking flock of twitter birds. Por Pete Simon on Flickr (CC BY 2.0)

Todos os partidos, ainda que máis os grandes, tanto a nivel nacional como no ámbito comunitario, feden a corrupción. Todos os partidos sen excepción (os consagrados emerxentes e nasciturus) prometen loitar contra a corrupción. Porén, todos  brindan as súas piñatas institucionais cun decidido brinde ao destampe. Ao remaar o ano 2015, por razóns de simples cálculo partidista das formacións que controlan o BOE, celebráronse en España cinco eleccións seguidas de diverso calibre: estatais, autonómicas e municipais. O que supón outras tantas remesas orzamentarias para sufragar gastos de persoal, urnas, masivo deitado de cartas no correo, papeletas, padróns e espazos publicitarios como para devastar innúmeras toneladas de árbores.

Quer dicer, unha fardela de millóns de euros que pagarán cota-parte eses mesmos cidadáns que son o escuro obxecto de desexo dos nosos políticos mendicantes. Semella tolemia e ao peor a lexislación nin o observa, mas entre tantas faifocadas electoralistas, unha ocorrencia menor tería sido xuntar eses cinco comicios nun ou dous como máximo. Mas non, aínda que a crise afogue a “esmorga da democracia” manda. Susana Díaz abortou a lexislatura co orzamento ben amarrado para tentar roubarlle a primoxenitura do PSOE a Pedro Sánchez. Rajoy fixo o mesmo colocando as autonómicas e locais ao fío dunha declaración da renda alicatada con mensaxes de baixadas de impostos, e desprazou as xerais a fin de ano confiando na poalla da recuperación económica. E, ao cabo, Mas elaborou a súa axenda aquí e acolá a fin de ter as mans libres para o mellor ofertante.

As eleccións son taumatúrxicas: obran milagres con só anuncialas. O goberno do estado aproveita a conxuntura para regar de magnánimaos subsídios ao persoal; os caciques rexionais pasan  o día inaugurando obras, e até nas localidades máis humildes os aspirantes ao podio institucional non deixan de ofrecer mantenzas sen xeito nin dereito. Despois, cando se pechen as urnas, virá o corte de mangas baixo a socorrida fórmula de que “as circunstancias mudaron”. Mas ainda asín, até que o momento da afronta chegue non hai partido que se prece que non leve na súa mochila rematar “cos axustes e recortes”. Vá ilusión mentres non se derrogue a reforma do artigo 135 da Constitución que subscribiron en parcería o PSOE e PP para priorizar o pago da débeda-atraco, tremenda corda no pescozo que nestes intres chega ao 100% do PIB. Cero graos, nin frio nin calor: a débeda nacional é igual á riqueza nacional.

As eleccións son taumatúrxicas: obran milagres con só anuncialas. O goberno do estado aproveita a conxuntura para regar de magnánimos subsídios ao persoal

Con todo, entre tanta charanga e impostura, hai algo bo que a demora na constitución do goberno andaluz está a revelar con dor de barriga da caste dominante: sen goberno vivimos mellor. Xa pasaron meses desde que se celebraron aqueles comicios e ninguén de Despeñaperros abaixo ansía as autoridades que perpetraron a colosal estafa de Elos e o tremendo butrón aos Cursos de Formación logo de 35 anos de hexemonía política na comunidade con máis paro de toda a OCDE. Aínda que o mal, como Facenda, non acouga.

Mentres que, como anticipo da lei mordaza, esíxese o cumprimento da xornada de reflexión para impedir que a indignación popular volva alagar as rúas ao berro de “non nos representan”, Susana Díaz e os seus mariachis seguiron a “facer país” coa vergoña do gaiteiro na festa. Segundo denuncia no seu auto unha xuíza de instrución, co goberno en funcións e en plena campaña electoral a Xunta concedeu a reapertura de explotación da mina Aznalcóllar a Minorbis, unha UTE empresarial integrada por Magtel, unha firma sen experiencia no sector que xa recibiu 50 millóns de euros da administración andaluza, e Grupo México, sociedade que o pasado agosto provocou o maior desastre ambiental daquel país. Que é tanto coma se para remediar a catástrofe do Prestige se contratara aos seus causantes. Toda unha metáfora da acción de goberno. Ou cando ser bombeiro e pirómano ao mesmo tempo é un grao, non un delito. O cúmulo do despropósito.

Desde esa perspectiva de corrupción sistémica, é doado comprendermos por que, malia que é unha opción político-ideolóxica tan lexítima e respectabel como calquer outra, o abstencionismo non goza dos mesmos dereitos e oportunidades en tempo de eleccións que os votantes. Cando un só partido, de cando en cando, adoita sumar tantos apoios como adoita acadar o bloque dos desafectos, a pesar da súa moi promocionada má reputación. É o mesmo que eses Estados confesionais que avalan a práctica relixiosa ao tempo que arromban a agnósticos e ateos. Como canta Georges Brassens non convén que a xente teña a súa propia fe. A confianza cega, en política e en metafísica, adoita favorecer a aluminose sobre a que se levantan os trending topic gobernamentais que nos fan cada día máis parvos e patéticos. Veño de lelo na publicidade dun hipermercado de trebellos electrónicos: “preocúpate máis pola fin de semana que pola fin de mes”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off