off
Cedeira, Opinión, Política local — 9 Maio, 2015 at 12:04

Rubido despois de Rubido

por

Ollaparo_CedeiraConcelloEleccións municipais.A pasada media noite comezou oficialmente a campaña eleitoral dunhas municipais que son o comezo do ciclo eleitoral disque máis imprevisibel dende a Transición. Hai uns meses semellaba que estas eleccións serían algo máis do que unhas municipais. Que serían o comezo da fin do modelo xurdido da Transición tanto en Galiza como no estado español. Iso tamén se dixo na altura mas connosco quedaron gobernos de dereitas durante 40 anos. Porén, as formacións da chamada “nova política” semellan a vella garda duopólica recén planchada e almidonada(Cidadáns). As súas muletas. Que houber mesmo persoas da esquerda nacionalista seducidas por moitos dos principios que alentaron ás xentes que acreditan en Podemos, non elude o feito de que apelar ao dereito a decidir cando a Constitución  o permita non é mais do que un engano á cidadanía.

A simples vista nestas municipais hai un eixo social (que poden facer os concellos para reduciren desigualdades no preciso contexto de reforma local  impulsada polo goberno do estado que lles resta capacidade para atender as necesidades dos cidadáns?) e un eixo nacional (adiamento, ano após ano,  de asunción das competencias de noso, mentres chimpamos fora a varias xeracións enteiras e continua o debalo na transmisión xeracional do idioma,  sen que se den condicións obxectivas para reformarmos o Estatuto para dar conta das moitas necesidades actuais da sociedade galega).

Alén diso, esta municipais veñen lastradas pola visibilización da corrupción sistémica e polos hábitos do monopolio do poder dos grandes partidos españois, PP e PSOE. Da reforma laboral á reforma dos gobernos locais, todas elas visan cambiar a lei para asegurarse no  futuro o poder que temen perder nas urnas.  Só queren as maiorías absolutas, de aí que o PP quera incorporar no programa electoral unha reforma do sistema que favoreza ainda máis os grandes partidos. Hai que ter en conta que a Constitución española consagra a provincia como goberno local e que é a lei de bases de rexime local estatal, que quere reformar o goberno central, a que outorga as competencias aos concellos e ás provincias. Portanto, se o goberno da Xunta fora quen de tirar adiante unha  lei de gobernos locais estaría sumetida a esa lexislación.  De levarse a termo con todas a súas consecuencias, o 95% dos concellos galegos padecerían o baleirado das súas competencias a escala municipal en favor do poder das deputacións. Os concellos que teñan arredor ou por riba dos  10.000 habitantes non adoitan presentar grandes problemas de falta de capacidade técnica para prestar os servizos municipais, e as economías de escala que se poden acadar para acrescentar a area de prestación son incertas. Seis de cada dez concellos galegos non chegan aos 5.000 habitantes. Doutro xeito, o paso de servizos á deputación xa non é tan doadamete rendibel como para o caso dos concellos máis pequenos. Mais unha vez o goberno español lexislando contra os intereses galegos.

 Cedeira. Hai moitos anos que son duro con Cedeira. E non gosto. É a vila da miña nacencia e o que un dia foi un espazo fermoso que resistiu certo tempo o pior da desfeita medioambiental e urbanística que antes asoballaran outros litorais. Apesar diso acabou sucumbindo, máis por desleixo e erros propios que non son atribuibles á mala sorte. Sei que hai xente xenerosa que quere o seu pobo e que traballa intensamente para milloralo. Nese intento, ainda que as responsabilidades non son iguais, o resultado final, non nos enganemos, é un desastre. E habería que recoñecelo abertamente  se verdade se queren paliar algúns dos efectos nocivos das políticas aplicadas até o de agora e de non poucas  accións individuais. Ao cabo, quen planta eucaliptos nas regas ou edifica mamotretos?

Por exemplo, pretender facer ver que imos cara un turismo de calidade e que os empresarios turísticos son homologables internacionalmente cando a maioría non aceptaría nin a a máis mínima taxa turística, pretender alicerzar o sector nunhas festas locais que duran catro días, costan trunfos autofinanciarse e teñen pouco de local e de galegas, adiar ano após ano a rexeneración da praia ou pensar que facer con tanta vivenda baleira, alentar o plantado masivo de eucaliptos e dicir que as bostas de graxa e merda guindadas ao  Condomiñas non afectan ao areal e á ría, pensar que non teñen nada que ver coa natureza mesma do modelo económico escollido; pretender iso, insisto, equivale a non querer actuar con determinación para arranxar nada nadiña. Como outras vilas galegas turísticas, Cedeira é unha poboación que se foi deturpando conscente e intencionamente. Vender a beleza da terra e do territorio até o extremo de destruir a contorna cultural (festas, abandono do rural, tipoloxia das casas de nova planta, idioma, biodiversidade autóctona, etc) até perder a personalidade, é un xeito de prostituirnos colectivamente.  Duro e certo. Sucederonse persoas que escolleron gañar cartos vendendo territorio. Cómpre termos en conta que hai actividades económicas máis louvables ca outras. Que o desenvolvemento da construción provocou un crecemento económico importante que precisou máis territorio do que había dispoñibel. Perfís profesionais de baixa cualificación e impacto negativo na economía local, que no canto de fomentar a rehabilitación e especialización profesional para reducir o estoc de vivenda antiga baleira por falta de mantenimento, ofreceuse o territorio á construción de obra nova sen límite  na expectativa de facer un agosto que nunca chegou. O resultado é un parque de vivenda hipertrofiado e a perspectiva de atoparlles saída a través da venda é reducida. De aí a necesidade de que eses pisos pasen a formar parte das políticas sociais dando preferencia aos mozos, maiores e familias monoparentais e segmentos de poboación con dificultades, para garantir o dereito de vivenda a toda a cidadanía.

Un parque de vivenda que acabou condicionando  o modelo turistico existente. Certo é que o sucesivos gobernos do PP na Xunta  e do PSOE e do PP no goberno central español, favoreceron  ese modelo liberalizando o solo, eludindo todos  a planificación da estructura econòmica conveniente para Galiza. Aquela na que poderíamos dar o millor de nós aproveitando a especialización tradicional (o agro, a pesca e marisqueo; a tradición productiva non arrombaba coa especulación?), o coñecemento dos mercados específicos, as infraestructuras existentes e a rede de cooperativas e de pequenas e medianas empresas industriais e manufactureiras.

Rubido despois de Rubido. Neste contexto, o PP  xógase por primeira vez a maioría absoluta sen Leopoldo Rubido. A sucesión do seu irmán Luis Rubido ao pouco de comezar a lexislatura non veu acompañada de cambios visíbeis nas formas e nos modos. Pola contra, agudizáronse algúns dos seus piores vicios,  nomeadamente  ese gosto a desprezar a oposición e a sociedade civil que non comulga con rodas de muiño. Unha crónica incapacidade para liderar proxectos de pobo que acaden o maior consenso posible, nomeadamente naqueles ámbitos críticos ou nos que as solucións non son doadas.Nin a crise foi quen de lle proporcionar motivos. Porén, Rubido despois Rubido continua obtando polo curtopracismo.

Entanto o paro castiga as xeracións máis novas dunha vila e dun país envellecido, no canto de procurar financiamento para arriscarse a tirar adiante proxectos de economía productiva, o rexedor adicouse a procurar financiamento para inventar merendeiros e prescindíbeis arranxos de prazas ou para  infrautilizar equipamentos públicos existentes (proxectados inicialmente polo propio PP) como os andares do edificio do Auditorio, até o punto de acabar alugando un baixo privado a conta do erario público ou promover unha residencia privada para maiores onde se arrastra un grave déficit de gasto social e onde nunca houbo un servizo residencial público. Que a dereita teña, sen dúbida, unha clientela agradecida non óbvia o feito de que se están a desbaldar recursos en actuacións non productivas que non achegan valor en forma de maiores prestacións e calidade de vida para toda a cidadanía, nomeadamente quen está a padecer os fectos das políticas de austeridade. Porén, nesta lexislatura houbo 13o mil euros para unha  innecesaria reforma no parque Floreal, outros 50 mil nun merendeiro en San Fiz de Esteiro (é isto o que precisa o rural?) e outros 18.000 para sandar as débedas as festas da Patrona de 2014, entre outros investimentos non productivos. Rubido despois Rubido continua gobernando para o centro da vila e para catro veraneantes.

A mesma política de disipación de recursos públicos mentras se infrautilizan recursos e equipamentos e se mira para outro lado perante a situación de emerxencia social, a insuficiencia da estrada de Ferrol, a contaminación do río ou a erosión da praia da Madalena. Unha vella tradición dos Rubido sempre foi o “como si”. Do vertedoiro da Candieira á deturpación da praza rectoral.Reparemos nestes último, pois ben ao caso do que é valorizar o própio cando acaído. Na altura furouse nunha praza un equipamento soterrado insalubre e incomunicado logo de ter estragado o mercado tradicional con productos autóctonos de proximidade dos sábados ao que Leopoldo Rubido cualificara de “subcultura”. A cementación dos tarais e  desfeita do Parque Pista Floreal forman parte do mesmo xeito de facer;  todo  un estilo que deixou pegadas irreparables na paisaxe, na xente  e no urbanismo da vila e terra de Cedeira que agora apandamos todos e todas porque na altura non se procurou consenso ningún que permitira tirar adiante proxectos de pobo e non de comenencia. Pensando no mercado local, estimulando a horticultura de proximidade,etc. Mas para iso a máis de visión, alento democrático e de poder, tamén cómpre ter liderado.

Do escoitado, do falado e das entrevistas aos candidatos que se presentan ás eleccions municipais en Cedeira – agás o PP, que considerou que a as entrevistas que Ollaparo adicou durante dez dias a reflectir as candidaturas, non merecía resposta ningunha do seu candidato e actual alcalde-  dedúcese que nesta vila coexiste a pulsión de cambio da esquerda coa permanencia dunha dereita  precaria en modos democráticos e eixo principal da corrupción sistémica.

Fragmentación.Porén, da existencia desa pulsión non se deriva necesariamente unha inflexión ou cambio efectivo malia as novidades, tanto como as incertezas, que mostran os cartaces. Vergara deu paso no PSG-PSOE ao fozense asentado en Cedeira Pablo Moreda, que entrou en campaña caneando a cuestión ideolóxica nun contexto nacional e internacional de grave debalo do pensamento de esquerdas para facelle fronte á enxurrada neoliberal made in spain que ateigou o litoral de cemento. A outra novidade é a candidatura de ANOVA, que vén dada máis pola  irrupción do candidato Camilo Casal -sen percorrido na política local ou no asociacionismo de base malia estar xubilado- do que as minguadas sinerxias colaborativas que propiciou á marxe de se presentar malia ir acompañado de antigos afiliados do Bloque. Alex del Rio consigue elaborar candidatura de EU para conforma un actor que pode reforzar a defensa das políticas sociais. No BNG repite María Xosé Rodríguez, que acabou por ser a cara  visibel da oposición nesta lexislatura, tendo agora o reto de  liderar posibles pactos postelectorais de esquerda xa que a súa candidatura  combina experiencia e caras novas. Deberá defrontar a autocrítica e facer das asembleas abertas o roteiro certo das políticas de participación a aplicar. En dereitos sociais, medioambiente   e cultura hai marxe para pactar.

Multiplicar os actores políticos non ten porque ser negativo, xa que pode axudar a compartir responsabilidades, un ideal que estivo ausente durante décadas no despotismo das maiorías absolutas de Leopoldo Rubido. 

Pode servir para limitar excesos. Acontece que esa fragmentación que  pode afortalar o vincallo representativo, tamén pode  canalizar o voto útil do medo, que se está inoculando desde a máquina electoral do PP  e os medios orgánicos,  ás candidaturas da esquerda nacionalista cara as candidaturas do cabalo gañador, as do poder sistémico, sendo o maior beneficiado Rubido despois de Rubido e o próprio PSG-PSOE malia presentar un candidato descoñecido.

Porque ainda  tomando a serio a aritmética electoral-como xa se deu por duas veces- a solvencia de habela deberíase estar a respirar hai máis dun ano cando algunhas iniciativas xurdidas da sociedade civil semellaron servir de argamasa. Por outras palabras, a fragmentación da esquerda nacionalista que representa ANOVA  tirou das pequenas diferencias e disonancias no canto de bregar na suma creativa o que pode acabar por neutralizar o seu efecto. Deberase aprender para facer coalicións productivas dende fóra ou dende dentro. Quer dicer, axuntar e non calcular.

Por se nos sirve de lección. Vimos de ver como Cameron gobernará só logo de que os inquéritos e analistas anunciaran o debalo dos tories. Conservadores e nacionalistas escoceses son os máis beneficiados. Mais velaí aos británicos validando unha política que isolou a illa, esnaquizou benestar e  provocou o debalo do seu peso internacional. A estratexia do medo funciona cando a socialdemocracia europea está en stand by.

Eís unha lección útil dos últimos tempos e das eleicións británicas para o 24M , en que o eleitorado acaba por castigar ao partido da coalición máis pequeno, o menos sistémico e visibel, que se torna pouco útil e invisibel cando a coalición se basea nun simples reparto de concellarías. Conveniente apenas para que a imprensa orgánica coloree a súa axenda de actos electorais dunha pluralidade ideolóxica que despois nega  eficazmente decote coas súas prácticas informativas. A presión politico-mediática complica os executivos multicolor entre os recelos e a necesidade de sumar. Mágoa que algunha asociación cultural ou de veciños non teña organizado un debate de todas as candidaturas no Auditorio e no que parte das preguntas as poderan facer, con normalidade, os veciños e veciñas . Serviría para escenificar todo o que une.

Logo de catro anos de maioría absoluta do PP, que se suman a décadas de poder omnímodo da dereita, de aprobar leis ideolóxicas sen consenso en Galiza e no  Estado, parece que a cidadanía quer gobernos plurais. Quérese tamén iso en Cedeira? Hai vontade de torcer por unha politica de dereitos sociais alicerzada no territorio? Está preparada a cidadanía para deixar atrás a lasitude para atender o que realmente importa? Podemos imaxinar un futuro se non afrontamos agora, ainda que sexa cos cativos medios da administración local, os problemas estructurais como o parque de vivenda, o saneamento definitivo coa rede de sumidoiros do rural, a desfeita de praia ou o paro xuvenil?

De ouvido,  dedúcese que a  xente está a agardar alguén que marque unha dirección; alguén cun proxecto que debulle a que se terán que adica a partir de agora as economías locais que non podendo ser industriais e non querendo ser cuartos para dormir, poña todos os recursos públicos  a procurar a sustentabilidade social e medioambiental. Sexa cal sexa esa dirección debería vid de brazo dado da participación cidadá durante toda a lexislatura e nos temas clave. Nese vieiro hai moito por facer. Moitos concellos do país a velas vir. Queren un goberno honesto e un roteiro que lles devolva o orgullo e a forma de vida. Queren unha recualificación de terreos morais e unha nídia sinalización do roteiro. A ver se é certo.

Serán dias de máxima tensión cunha desigual disposición de recursos e medios para achegar as respectivas propostas á cidadanía.

O domingo 24 de maio a chave estará nos indecisos, ainda que sabemos que despois destes quince días que a cor maioritaria que pinte o país definirá non só as vilas mas o rumbo dos vindeiros anos en Galiza.

Ao mellor tamén che interesa:

1 Comentario

  • Moi interesante. A destrucción do patrimonio de Cedeira é incuestionable. Véxase o tinglado da praza, a Marieta, as casas da rua, a reitoral da praza, villa México,…a construcción do antigo mercado municipal…
    Ainda que non creo que o BNG de Cedeira teña proxecto para ela. Demostrouse cando gobernou. Non fixo nada que rompese coas dinámicas que se daban anteriormente co PP. E despois facendo seguidismo ó psoe de Vergara que tampouco tiña un proxecto para Cedeira que non fora o inmediato. O BNG de Cedeira puido nas eleccións do 99 consolidarse como partido hexemónico en Cedeira pero non quixo ou non puido. E pagouno nas hurnas. Ademais, as eleccións municipais prima a xestión municipal sobre as siglas do partido. Véxase o caso de Vázquez en Coruña, Lores en Pontevedra que está escondendo as siglas do BNG.
    Ainda que non creo que Cedeira admitíse políticas a longo prazo que deran froito en dez anos por exemplo.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: