off
Eleccións 24-M 2015, Estado, Opinión, Política — 8 Maio, 2015 at 07:15

A enquisa avestruz do CIS

por

avestruz_cisA enquisa do CIS correspondente ao barómetro de abril ten truco e traca. É un prognóstico sobre o resultado das eleicións xerais de se celebrar arestora. E desde esa perspectiva as análises realizadas polos medios de comunicación son válidas: o PP gaña polos pelos (25,6%); o PSOE recobra o alento pasando traballos (24,3%); Podemos escorrega costa abaixo (16,5%); Cidadáns inicia unha gallopada (13,8%); Esquerda Unida dá brazadas desesperadas (4,8%) e UPyD despídese (1,9%). Ou tamén pode intitularse buscando o lado colorista-partidista, como fai El País: “o PSOE achegase ao PP; Podemos esborralla e Cidadáns arremesa con azos”.

Outrosin, este xeito de interpretar as intencións dos potenciais eleitores permite dicir que ningún partido tería a maioría para gobernar, os socialistas recuperarían o segundo posto no ranquing á conta de Podemos, que pasa á terceira posición tras perder máis de 7 puntos, e Cidadáns irrompe en cuarto lugar cun repunte de 10 puntos. Todo iso respecto á anterior sondaxe de xaneiro.

Pola nosa banda, neste apartado xeneralista, poderiamos dicir que o bipartidismo PP+PSOE continua sen obter o aval de lexitimidade ao non superar xuntos o 50% das vontades.

Así mesmo cabería aventurar que o acadado por Podemos nos pasados comicios andaluces (o 14,84% e 15 escanos), se se confirma a tendencia á baixa, podería ser histórico. E mesmo cómpre  axuntar a radiografía do CIS por bloques ideolóxicos a dereita (PP+C´s+UPyD) e esquerda (PSOE+Podemos+EU) e afirmar que a esquerda (45,6% dos votos) supera á dereita (41,3%), advertindo que esta foto na súa tradución a escanos variaría xa que o partido de Rosa Díaz se esvaece e a coalición de Cayo Lara corre o risco de se tornar extraparlamentaria.

Sen dúbida, estes datos influíron decisivamente á hora de tomar postura ante a investidura de Susana Díaz como presidenta da Junta de Andalucía por parte dos dous partidos emerxentes, Podemos e Cidadáns, que ostentan unha pinza que votos chave para outorgar esa confianza. Ainda que sabedores das tripas da enquisa do CIS a punto de caramelo, Podemos resistiuse a ser percibido como “a marca branca” do PSOE-A  e Cidadáns, visto xa como “a marca branca” do PP, non achou beneficios en xogar ese partida tándem.

Porén, o máis interesante pola proximidade da cita coas urnas son as estimacións que a mostra oferece respeito das autonómicas e as municipais. Se ben aquí os medios usan a estratexia da avestruz, tratando de agochalas para que as árbores das xerais non deixen ver a fraga. Un escrutinio que asegura que o PP só conservaría a maioría absoluta en Castela León e Ceuta, descendo no resto das comunidades, onde ficaría a mercé de Cidadáns para formar goberno. Excepción feita de Estremadura onde Monago sería derrotado pola mínima polo PSOE.

Con certeza que iso non significa que os baróns socialistas estean para festas. Un percorrido polos distintos territorios no contraste 2011-2015 reflicte que, como ocorre a nivel do Estado, o refluxo do PP non se traduce en mellora para o PSOE. As perdas en escanos para o partido de Pedro Sánchez son as seguintes: 5 en Aragón; 3/4 en Baleares; 1 en Cantabria; 11 en Castela A Mancha; 8/9 en Castela León; 10/11 na Comunidade Valenciana; 2/4 en Estremadura (a pesar de superar alí ao PP); 8/9 na Comunidade de Madrid; 3 en Navarra; 3 en Asturias (a outra comunidade onde se impón o PSOE fronte ao seu adversario) e 2/3 na Rioxa. Quer dicer, que a pesar do desgaste que sempre leva estar no poder non hai vasos comunicantes entre goberno e oposición.

E xa de saída. Se erguemos a cabeza desa percepción veiculada polos agoiradores oficiais, e facemos unha avaliación visando as alternativas políticas que a crise produciu entre os partidos hexemónicos dos países azoutados polo austericidio, saltan faíscas. En Italia, a nación máis madrugadora á hora de innovar contra ese bipartidismo, o Movemento Cinco Estrelas instalouse no sistema político sen demasiada capacidade transformadora a pesar de ser a formación máis votada en 2013. En Grecia o triunfo da coalición radical de esquerdas Syriza vive os seus momentos decisivos na pugna cos capos da débeda sen poder pór a man no lume. E en España, o novo partido Podemos, que naceu como ferramenta para conquistar as institucións á conta de represar e capitalizar a protesta, parece estar de canga baixa. Quo vadis?

1 Comentario

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: