off
Cedeira, Eleccións 24-M 2015, Entrevistas, Política local — 3 Maio, 2015 at 3:17 p.m.

Entrevista a Pablo Diego Moreda candidato do PSG-PSOE á alcaldía de Cedeira

by
Pablo Diego Moreda Gil, candidato do PSG-PSOE á alcaldía de Cedeira
Pablo Diego Moreda Gil, candidato do PSG-PSOE á alcaldía de Cedeira

Como prevé as eleccións?
En primeiro lugar espero que sexan participativas, que a sociedade amose nas urnas o seu descontento e o seu malestar e a falla de compromiso cos veciños que ten o actual Goberno Municipal do Partido Popular e, en especial do Alcalde, Sr. Luis Rubido. O voto da dereita adoita ser fiel e non hai nada máis que ver os resultados de anteriores eleccións para ver as oscilacións que ten o voto. Estas son as eleccións do cambio político na nosa vila, considero que as máis importantes nos derradeiros anos, nas que a nosa sociedade ten que deixar atrás o medo e perder esa sensación de que lle deben o voto ao PP polo simple feito de que estes cando gobernan véndenche o favor cando che fan a obra preto da casa e non o consideran que é unha obriga cara o cidadán. Nós estamos aquí para facer frente ao cambio político que necesitamos, para que todo o mundo teña as mesmas oportunidades, para garantir os dereitos das persoas nestes tempos tan difíciles donde a necesidade da maioría das familias foron apartadas a un lado.

Cal é o proxecto do que fai bandeira?

Fixarte un proxecto por bandeira non é doado porque considero que hai varios que son moi importantes, pero todos van vinculados ó benestar das familias. Hoxe en día, dentro das nosas unidades familiares, hai persoas que realmente estano a pasar moi mal.
A falla de políticas activas de emprego producen estas exclusións sociais onde a xente, ao final, ve que os seu dereitos son recortados. O que teño moi claro é que si son Alcalde de Cedeira priorizarei o traballo e as políticas sociais para que todos vivamos en igualdade de condicións e sen ningún tipo de exclusión social. Por outro lado hai que mellorar as fontes de finanzamento municipais para, deste xeito, poder baixar os impostos desmesurados no que nos sumerxeu este Alcalde do PP, diñeiro que á larga só se gasta en adxudicación de obras con reparos constantes da Intervención do Concello que son levantados por Rubido con total impunidade. Hai que atraer investimentos doutras administracións como a Deputación, A Xunta e o Goberno Central. O fácil é apretar ao cidadán de Cedeira e aproveitarse do seu suor, a través do catastrazo da suba da contribución, do Imposto de Circulación ou da taxa de lixo. Realmente este é o goberno que desexan os nosos veciños? Por suposto que os socialistas de Cedeira decimos alto e claro que Non!!!Nós seremos transparentes na xestión, nas contratacións, nas adxudicacións de obra, …, dende o principio ata o final do mandato, deixaremos os enchufismos a un lado. Seremos cercanos traballando en contacto coas distintas asociacións, vendo as súas necesidades, potenciando as súas virtudes e axudando a mellorar as súas carencias. Queremos un Concello que sexa accesible para o cidadán, participativo, que estea en trato continuo co veciño.

A que partida orzamentaria adicará máis cartos?
Realmente non considero o importante decir cal é a partida orzamentaria á cal lle adicarei máis cartos. Por imperativo legal e orgánico, a partida máis abultada é a de “gasto corrente”. Pero sí aproveitarei para
para determe na partida á que que lle vou adicar máis tempo e máis esforzo. Creo que, como ben dixen antes, o máis importante hoxe en día é o benestar das familias e as políticas sociais.
A partir de aquí todo vai en concordancia, centraremos gran parte dos nosos esforzos na creación de políticas activas de emprego e atracción de empresas ao parque empresarial da Trabe, mellorando o elemento fundamental da súa comunicación. Temos que dinamizar o comercio local e loitar polos dereitos da xente do mar como pode ser, por exemplo, a unificación da costa, así como dos sectores productores de madeira.
Dentro do benestar social melloraremos a atención domiciliaria incrementando os controis e aplicando protocolos de boas prácticas. Ás veces, non so é importante pensar na cantidade de diñeiro que se vai adicar a certas partidas. Facendo referencia a isto volveremos en política de comunicación e transporte ao 2008, ano no que a ampliación da carretera entre Cedeira e Valdoviño estaba ben encamiñada e retomaremos o camiño andado, referente ás actuacións de mellora da capacidade e seguridade entre Ferrol e Cedeira  que, como medidas máis importantes incorporaba a variante de Valdoviño, evitando pasar polo medio do pobo e a variante de Cedeira que liberaba o casco urbano do tráfico e dirixíao ao parque empresarial da Trabe.

Como é o seu equipo?
Conseguín crear un grupo de xente que segue a miña liña de compromiso e de traballo. Un grupo formado por xente sobre todo honesta, transparente e comprometida cos veciños. Teño a lista que quixen ter. É máis, tiven que deixar a varias persoas fóra e non foi unha decisión doada de tomar. Sei que non me equivoquei e sei, sobre todo, que poido confiar neles !!!! É unha candidatura preparada para estar ao frente dun Concello, para levar ben a súa xestión.
Varios dos nosos membros xa saben o que significa estar na política municipal gobernando e estar na oposición nestes derradeiros catro anos. Esa experiencia para min é fundamental. Outra cousa que buscaba era renovar o partido con xente nova, confiar neles é confiar no futuro, sempre partindo da axuda da xente que ten máis experiencia. Para nada quero unha lista floreiro, para sacar unha foto ou para levantar a man cando eu lles mande. Quero xente con criterio, carácter e persoalidade para levantar a voz en calquer momento ante situacións nas que estean en desacordo. Facer unha lista non se basea só en buscar xente que “penses que che vai dar votos ou para que a todo che digan que si”.
Outro dato a destacar é a renovación do 60 % nos cinco primeiros postos e tamén de renovación do 60 % dos sete primeiros respecto das eleccións do 2011, datos que demostran que a agrupación socialista de Cedeira ten un futuro brillante.
É a primeira vez que se presenta. Qué mudará das políticas de Luis Rubido?
Realmente creo que naide sabería identificar cales son as políticas do Sr. Luis Rubido. Está moi claro que el “prioriza as cousas antes que as persoas”, todos os días o vemos nas rúas. Adica máis tempo a gastar os cartos en obras moitas veces innecesarias e feitas sin ningún tipo de criterio, antes de adicar ese tempo á creación de emprego, ás políticas sociais, a preocuparse polas familias, … O que sí teño claro é que con nós acabaranse os enchufismos na contratación. Conmigo todo o mundo terá as mesmas oportunidades e loitará nas mesmas condicións de igualdade, acabaranse os levantamentos de reparo (en facturas con obxeto ou destino non debidamente xustificado e con posible fraccionamento de contrato que continuamente lle fai ao Interventor).

Qué vicios compre erradicar dos anteriores grupos de goberno?
Compre erradicar os vicios que ten o actual grupo de goberno como a falla de transparencia e o enchufismo nas contratacións. Faremos un exercicio permanente de boa xestión. Revisaremos os impostos subidos de forma totalmente desproporcinada ao igual que fixeron co catastrazo para que despóis eses cartos solo se adiquen a compras de votos facendo políticas preelectotais con obras nas que non son capaces de acreditar en pleno “onde e cando se fixeron”. Con nós, as obras adxudicaranselle ao proxecto máis económico e non aos orzamentos máis caros, sobrevalorando o periodo de execución. Con nós acábase co ninguneo das asociacións e dos veciños. O PP non se molesta en escoitar á xente. Non saben os problemas reais que existen nas casas. Hai que conquerir que a cidadanía decida, dándolle a importancia que realmente a ten. Hai un dito que di “A falla da Transparencia é a trincheira dos corruptos”.

Se o que pretende é indagar nos vicios do anterior goberno que presidimos, sinceramente creo a nivel de xestión municipal non ten nada que ver con actual do Sr. Luis Rubido, pois solo falando da capacidade de traballo e xestión duns e doutros a distancia é abismal. Sirvan de exemplo as resolucións aprobadas polo noso o goberno que duplican as decretadas polos señores Rubido. O PP non está no Concello para traballar. Non lles interesa ser transparentes nas contratacións nin están en absoluto interesados por atraer empresas á Trabe donde hoxe hai más de 30 veciños da vila traballando.

Na súa presentación na prensa afirmou: “a miñá política non se basa en idioloxías, …, a qué se refería?
Bueno, agradezo que me faiga esta pregunta porque me permitirá explicarme con máis exactitude. O que pretendín transmitir, nunha conversación de dúas horas, foi que as ideoloxías non deben ser obstáculo para que eu escoite a todo o mundo, pertenza ao partido que pertenza. Aspiro a que a veciñanza me fale sen complexos, teña a procedencia ideolóxica que teña. Desexo que a adscripción política non sexa un muro de separación. Por iso dixen o de entrar nas casas e deixar as ideoloxías cara un lado para conquerir que todo o mundo sexa sinceiro e non teñan medo a falar diante dun político. Quero saber realmente as preocupacións e os probemas que ten toda a veciñanza, claro que de ahí a decir que a miña política non se basea en idioloxías, …, eso sí, sirveume de lección.

Cómo potenciará a participación cidadá?

Para min é importantísimo que a cidadanía dea un paso ao frente. Neste senso o primeiro que quixen facer, e estouno conseguindo, foi reunirme antes das eleccións e da campaña con case todas as asociacións, veciñais, culturais, deportivas, sociais, empresariais, … Estou tendo coloquios cos membros de cada unha delas para coñecer o seu funcionamento, as súas necesidades e os seus obxectivos. Non hai dúas que sexan iguais, polo tanto estoume enriquecendo con estas charlas porque escoitamos as inquedenzas dos veciños e sei o grado de implicación que teñen.
Quero que o cidadán teña importancia na vida política do Concello, quero que as distintas asociacións sigan funcionando como ata agora e teñan o peso que realmente merecen. Persoalmente farei un seguimento de todas e cada unha delas, porque sei que isto é a forma de que os veciños participen na vida e no día a día do concello. Non se pode chegar a unha parroquia e tirar o diñeiro en obras que os veciños non demandan e, cando eles queren dicir algo, que non haxa ninguén que os escoite. Esa é a sensación que teñen eles. Traballaremos pola creación do Consello Local da Xuventude e da Casa da Xuventude.

Pablo Diego Moreda Gil


Enxeñeiño Técnico Agrícola en Mecanización Agraria e Construccións Rurais pola EPS de Lugo, casado e pai dunha nena e dous nenos en idade escolar. Traballo no sector Inmobiliario e Hosteleiro. Fillo e neto de mariñeiros teño no mar un gran sentimento de agradecemento pois gracias a el estou agora eiquí. Dende moi novo iniciei o meu compromiso co socialismo e dou un paso adiante na miña vida encabezando a lista dos socialistas de Cedeira, con moita ilusión e moito compromiso.“Na Cedeira que eu quero ninguén terá que sair a fora a buscar traballo”,“Na Cedeira que eu quero ningún dereiro será recortado” afirma, definen o seu pensar

3 Comments

  1. A verdade é que recuperar o Ollaparo é unha gran idea. Pouco sitios tiveron unha revista en papel da calidade do Ollaparo. Perdoa polo de incisivo. Agora, a entrevista da Voz é das millores que lein desde fai tempo.

  2. É de Foz. Pero non o di en ningún momento da entrevista. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/foz/2015/03/09/focense-aspira-alcalde-cedeira/0003_201503X9C5992.htm Creo que esta entrevista é bastante mais incisiva que a publicada no Ollaparo. Este non sabe nin onde está a Pixana. jejejeje

    • Tratábase de procurar a participación do maior número de candidaturas xa que había anos que non se facía en medio ningún; como ese era o obxectivo principal, deseñouse un cuestionario abranxedor que se pasou a todas as candidaturas que poidemos localizar por mail. De feito, ainda así, o único que non respondeu nin deu acuse de recibo foi o actual alcalde e candidato do Partido Popular. Esperemos ser mais incisivos en próximas achegas. Xosé, grazas por participares

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off