off
Cedeira, Eleccións 24-M 2015, Entrevistas, Política local — 1 Maio, 2015 at 12:00 p.m.

Entrevista a María Xosé Rodríguez candidata do BNG á alcaldia de Cedeira

by
FOTO NUMERO 1 CAMPAÑA 2015 CEDEIRA
Maria Xosé Rodríguez, candidata do BNG á alcaldía de Cedeira

 Como prevé as eleccións?

Para o BNG con moito traballo, no sentido de ser capaces cos poucos medios cos que contamos de facer que as nosas propostas cheguen ao maior número de persoas posible. O BNG  renunciou a facer mailing electoral en toda Galiza, un aforro económico ao estado de medio millón de euros, ademais dun incalculábel aforro ecolóxico, polo que facemos un chamamento ao resto de forzas políticas a que fagan o mesmo, campañas modestas  no gasto e basadas en escoitar e falar directa e activamente cos veciños e veciñas. E non só iso…

Cal é o proxecto do que fai bandeira?

A defensa a ultranza do publico e fundamentalmente do social.

A que partida orzamentaria adicará máis cartos?

Os orzamentos municipais teñen que reflectir que a xestión municipal é pública e transparente para a distribución dos recursos públicos. Para nós é moi importante que a cidadanía participe na elaboración deses orzamentos e si insistimos ademais na importancia do benestar das persoas, a partida orzamentaria que deberá contar con máis recursos será sin dúbida cos tempos que corren, a adicada ao gasto social. Portanto é tan importante o que coma o quen e o cómo se executa unha partida orzamentaria. Malia as dificultades queremos mobilizar  e comunicarnos coa cidadanía para iniciar en Cedeira a experiencia de orzamentos participativos no contexto da crise actual. Debe ser através da participación directa da cidadania como se teñen que elaborar os orzamentos públicos. Dada a situación de emerxencia social os órganos de seguimento son fundamentais, por exemplo, através dunha comisión permanente de participación cidadá ou nos procesos participativos para utilización  dos equipamentos,  mantemento ou millora do espazo público  ou en urbanismo.  A falta de recursos non pode ser a resposta a todo cando despois se pagan frívolamente determinadas facturas. A cidadanía está profundamente cansa das excusas cando a situación nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal pasa dos vinte mil parados e una caída brutal na produción.

Como é o seu equipo?

A candidatura que o BNG presentamos para estas eleccións municipais, somos un grupo de persoas moi traballadoras e honestas, preocupadas polo ben común, procedentes de distintos campos profesionais, e moi afeitas a traballar en equipo. Eu son a candidata porque así o quixeron os demais pero calquera de nós podería selo e a identidade da nosa candidatura sería a mesma.

Non é a primeira vez que se presenta. Que mudará das políticas de Luis Rubido?

Aínda que a miña experiencia como concelleira se limita a estes últimos catro anos na oposición, só con iso teño que respostar que mudaremos todo. Non compartimos a xestión de goberno do señor Luis Rubido en absoluto, a improvisación, a desinformación (nin á oposición nin ao público en xeral) o gasto en obras inexplicables e a falta de previsión en temas importantes (plan de emerxencia social), o xeito totalmente arbitrario de repartir subvencións, a inexistente búsqueda de consenso á hora de gobernar e de buscar o mellor para o noso pobo, o non ter en conta a ninguén para tomar decisións que nos afectan a todos…Hai un problema de liderado local que quedou claro na falta dun programa de emerxencia social, no problema da praia da Madalena, os vertidos ao rio ou falta de iniciativa na reforma da estrada a Ferrol.

Que vicios cómpre erradicar dos anteriores equipos de goberno?

Neste pobo dende que temos democracia sempre gobernou o PP, agás dúas lexislaturas, unha coa alcaldía en mans do BNG e outra en mans do PSOE, e todo o que comentei na pregunta anterior, máis o enchufismo ou venta de favores, podería ser aplicable a todos os gobernos populares. Con respecto á alcaldía do BNG, foi a mellor que tivemos neste pobo e no seu momento marcou a entrada no noso Concello dun novo xeito de facer política, lembrar como símbolo simplemente que naquel momento foi cando por primeira vez se abriron as portas do Concello para todo o mundo (ata daquela nos anteriores gobernos do PP nadie podía acceder aos andares superiores do Concello, as escaleiras principais eran só para uso da “xerarquía”, son pequenos detalles pero de gran trascendencia).

En canto ao goberno do PSOE, no que o BNG participou con dúas concelleiras, o labor que fixeron dende a concellaría de Servizos Sociais, Manoli, Cristina e Tono foi impecable e de novo unha mostra do bo traballo do BNG á fronte de cargos de responsabilidade municipal.

Na súa presentación na prensa afirmou:”a nosa prioridade son as persoas e o seu benestar integral através duns orzamentos participativos” a que se refería?

O referente para calquera goberno sempre teñen que ser as persoas e as súas condicións de vida e aquí poderíamos falar de moitísimas cousas, dende todos os problemas que poden ter moitas persoas para facer fronte a pago de recibos que vemos como se incrementan mes a mes, luz, auga, lixo…os problemas de tantas persoas maiores que viven soas e que non se valen por si mesmas, as persoas que queren que os seus fillos poidan estudar e non saben como van a pagalo, as que teñen que desprazarse a Ferrol para facer unha simple radiografía porque o noso Centro de Saúde non conta con ese servizo, as que queren poder disfrutar da nosa praia, as que non atopan traballo…Todo iso entendemos por priorizar o benestar integral das persoas. E tamén todo iso é o que se ten que reflectir nuns orzamentos municipais que prioricen as persoas.Estamos demasiado afeitos ás asimetrías de información entre gobernantes e gobernados e así  non hai maneira de garantir que os intereses da cidadanía estén presentes cada vez que se celebran eleccións periódicas. Hai que traballar para que non se desvirtue e poñer o poder ao servizo do interés xeral.

 Como potenciará a participación cidadá?

A participación é unha cuestión de xustiza social. A participación cidadá é un aspecto no que o noso pobo presenta moitas deficiencias. Non estamos afeitos a que se nos consulte nada, herdanza tanto da  dictadura franquista, como da máis recente, os gobernos municipais do PP. Primeiro, millorar a comunicación. Incluída a comunicación co resto de forzas políticas de esquerda ( através dunha comisión política que pacte un programa municipalista de minimos como paso cara un novo “espazo político”) para acordar, consensuar e impulsar proxectos estratéxicos de pobo. Segundo, hai moitos xeitos de potenciar esa participación, dende unha simple caixa de suxerencias ou empregando a páxina web do Concello ata a participación do público nas sesións plenarias, o fomento da actividade asociativa con contacto permanente co Concello, as asambleas informativas e consultivas e de debate…Son conscente que somos un pobo pequeno e que a participación crea reticencias pola burocracia que pode xerar, que é dificil de materializar, mais ese é o camiño. Tentaremos articular medidas participativas que lles permita as familias en situación crítica, as mulleres e outros  colectivos especialmente vulnerábeis, como os menores de 25 anos en situación de desemprego, seren escoitados antes da toma de decisións políticas nas que se priorizan determinadas partidas en detrimento de outras.

A nosa proposta de goberno está alicerzada na participación cidadá porque o BNG como proxecto nacionalista de esquerdas non o concibe doutro xeito. É o que somos e non saimos do camiño. As Asembleas Abertas, por exemplo, non son simples reunións precampaña, pola contra, é darlle nome ao que sempre fixo o BNG. Desde un orzamento participativo até a celebración de consultas populares e audiencia públicas para este e outros temas de interese xeral para a poboación, así como a municipalización de servizos, a defensa inequívoca dos dereitos sociais e as políticas de igualdade De feito,  parte das solucións ás diversas problemáticas xa as propoñen os propios veciños e veciñas e os diversos colectivos profesionais e asociativos. Mentras o goberno de Luis Rubido se desentendía da crise,  o BNG foi quen de escoitar á sociedade e propor medidas de choque contra o desemprego local e a precariede laboral de moitas familias, as condicións de traballo dos operarios de CeltaPrix, a erosión da praia da Madalena, a recuperación do seguro colectivo de accidentes no mar. Mentres o  goberno do PP amortizaba prazas de axuda no fogar, nun intre de precariación laboral e de alto grao de fraxilidade dunha poboación envellecida, nós propomos un plano de emerxencia social, investimentos productivos fronte o gasto non productivo, defensa e plano de usos dos equipamentos públicos fronte os intentos de privatización e externalización (centros de maiores, residencias privadas)  etc.  Sempre en permanente conexión coa cidadanía e os colectivos afectados.

María Xosé Rodríguez


Teño 47 anos, estou casada, son licenciada con grao en Xeografía e Historia, especialidade de prehistoria e arqueoloxía pola Universidade de Santiago, onde tamén cursei o doutorado especializándome en arqueoloxía romana. A miña tese doutoral en concreto é sobre monumentos funerarios de época romana no noroeste peninsular. Fixen varios traballos de investigación arredor desa temática e tiven unha bolsa no Instituto Alemán de Arqueoloxía. O meu labor profesional desenvolveuse fundamentalmente no campo da arqueoloxía e nos últimos 15 anos como arqueóloga da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Os meus primeiros contactos políticos desenvolvéronse en Ourense nos primeiros anos da miña vida universitaria, anos 80, formando parte de varias asociacións estudantís de carácter pacifista e feminista. Neses mesmos anos militei no MCG (movemento comunista de Galicia) que acabaría integrándose no BNG co nome de Inzar.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off