off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 12 Abril, 2015 at 8:44 a.m.

Do bipartidismo imperfecto ao duopolio asimétrico

by

“As batallas hai que dalas. Gañanse ou perdense.

Mas hai que as dar. Iso é o que nos significa

(José Luís Sampedro)

bipartidismo_OLLAPAROCando as rúas botaban pestes da clase dominante, os cálculos máis esixentes daban por feito que a revolta cidadá levaría por diante ao bipartidismo dinástico reinante, tal era a identificación entre as políticas austericidas e o réxime do 78. Pero a día de hoxe, cun activismo social que en boa medida foi represado cara a expectativas institucionais dominado polo encantamento dos “partidos da xente”, aquel veredicto parece esaxerado. Agora todo indica que imos pasar dun taboleiro político exclusivo de dous en raia (PP-PSOE), con afluentes polos lados (CiU-PNV), a outro con idénticos comodins sistémicos pero auxiliados polas formacións emerxentes (Podemos-Cidadáns). Mudar algo?

Descartada a ruptura por imperativo legal, o que vén a continuación é un continuo cambio de cromos (douche para que me deas) entre os axentes implicados, nun escarceo que se anticipa de concorrencia ideolóxica moderada a dúas bandas. O cada vez máis declinante Partido Popular necesitará a axuda dos novos conservadores que lidera Albert Rivera e, polo flanco oposto, o tatexante PSOE preciasrá a colaboración dos progresistas de última xeración que apadriña Pablo Iglesias, profundando estes últimos na vía xa aberta durante a reunión secreta entre os dirixentes de Podemos e o tándem Zapatero- Bono. Mal comparado, sería pasar do que supón a integración vertical a nivel empresarial a unha integración horizontal. A competencia, tanto no mercado económico como no político, é tan só un eslógane. Ao seu xeito, o oligopolio representa un endemismo do sistema.

Esa é a parte imaxinativa do espectáculo. Nas marxes quedan os restos do naufraxio, concretado nun UPyD aberto en canle pola soberbia da súa grande papisa Rosa Díaz, que endexamáis poderá aspirar a postularse como couceira andróxina da andrómena, e unha Esquerda Unida en proceso de extinción vítima das súas propias babecadas. Un panorama político-ideolóxico-territorial que por primeira vez desde a transición deixa  aos partidos nacionalistas sen chiscadelas co poder central e, por tanto, encerrados nas casas de saída a mercé das súas propias forzas. E tal será, sen case opción de dúbidas, a gran novidade do tempo político que inaugurará está segunda transición de veludo.

Porque a nova acumulación de forzas, con entradas e saídas cuantitativamente máis ou menos asisado (Cidadáns+Podemos / UPyD + EU), quizais non altere substancialmente as coordenadas ideolóxicas de referencia (dereita-esquerda, tanto monta monta tanto). Ainda que o que parece evidente é que dará paso a un relanzamento do mapa nacionalista, desde o momento en que os recentemente chegados afirmaron por activa e por pasiva a súa vontade recentralizadora. Confirmado no caso de Cidadáns coa súa alargarda aposta anticatalanista e mediante a súa loa ao patriotismo de Podemos, aínda que para consumo interno os homes de Iglesias  esgriman o “dereito a decidir” como compasivo xesto de tolerancia cos discrepantes.

Significa isto que en conxunto todo volve onde adoitaba? Non desde a óptica da democracia de proximidade que se exercita de abaixo-arriba na aposta municipalista en moitas zonas do Estado, incluídas algunhas das cidades máis importantes. As distintas mareas, plataformas, asociacións, agrupacións e converxencias de sensibilidades políticas despregadas ao redor das eleccións locais do próximo 24 de maio son as únicas pezas do quebracabezas que indican algo novo, en liña da emenda á totalidade que identificou ao espírito rebelde do 15-M. Ruptura democrática, pluralismo ideolóxico, solidariedade a longo prazo, rearmamento ético, defensa do medio ambiente, federalismo identitario e equidade social son algunhas dos acenos desta ofensiva decrecentista no plano político e o económico que aspira a conformarse como a expresión viva da sociedade civil autoorganizada e inclusiva que os poderes fácticos historicamente neglixenciaron.

O reto é extraordinario. Porque enfronte non hai nada, só ermo reciclado con etiquetaxe nova. Paga a pena. Como afirmaba o indignado José Luís Sampedro no apuntamento citado ao principio deste texto. Testamento vital do gran “yayoflauta” do 15-M que recoñecín na despedida dun vello libreiro da rúa Real na devastada vila de Ferrol, que enarborou a súa derradeira protesta cun cartaz que dicía “pechado por melancolía” unido á fermosa Oda a Inmortalidade de William Wordsworth:

“O que o esplendor de outrora tan brillante,

poda agora ser para sempre tirado da tua visión,

embora nada poda traer de volta…”

Embora nada poda traer de volta o tempo do esplendor na herba,

da gloria na flor,

nós non aflixiremos,

antes encontraremos forza no que ficou atrás.

Na primeira simpatia

Que tendo sido sempre debe ser;

nos confortantes pensamentos

do sofrimento humano abrollos;

Na fé que visa através da morte.

Grazas ao corazón humano polo que vivimos,

Grazas á súa tenrura,

as súas alegrías, e medos, a flor máis pobre ao abrochar;

pensamentos a miúdo

demasiado profundos para as bágoas”

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off