off
Cedeira, Música — 12 Abril, 2015 at 6:53 a.m.

Discalz@s polo Festival

by

A iniciativa nace co obxectivo de prestixiar a música e aos músicos, divertir e abrir un espazo inexistente hoxe en dia en Cedeira para visualizar, escoitar, gorentar e sentir en compaña e ao vivo


DSC_2484Nace a asociación cultural sen ánimo de lucro “Discalz@s polo Festival” co obxectivo de prestixiar a música e dinamizar a vida lúdico cultural da nosa Vila e Terra de Cedeira celebrando un festival anual.

Foi aquí no Ollaparo o 6 de xaneiro deste 2015 logo da homenaxe a Benigna do Xarmolo do dia 3 cando publicamos un artigo profético, naquela ocasión aínda co pracer dos momentos gozados escribiamos este texto: “…foi unha festa memorábel que será lembrada durante moito tempo en Cedeira e que dende logo terá repercusións, cando menos Os Benignos formados para a ocasión van a seguir tocando. Ademais dunha boa lección de amizade e solidariedade. Dende Ollaparo tamén nos sumamos á causa, Viva Benigna e viva a amizade”
Non nos enganamos en absoluto como en tanta ocasións, aquela semente que plantou Fernando no 25 Aniversario do Xarmolo non murchou, senón que na Homenaxe a Benigna do Xarmolo medrou ben forte até proliferar.. é aí Jose Antonio Pita “Walas” un gran artista local, traballador incansábel  e motor desta nova proposta, ademais de toda unha arañeira de amizades a prol deste proposta .

O éxito maior foi a sensación que quedou, pois foi un formato de festa que namorou a tant@ cedeirenses pola sensibilidade amosada e o respecto a idiosincrasia local, por promover aos músicos locais animando a formar novas bandas de músicas de estilos diversos para a ocasión, por promover a amizade e recuperar a memoria e a auto estima musical da nosa vila, porque tanto a festa tradicional e gastronómica “a fartar” do mediodía como aquela noite do dia 3 no que Cedeira non durmiu deixaron pegada na pista do Floreal a canda as pegadas dos noso maiores para a eternidade.

O éxito maior foi a sensación que quedou, pois foi un formato de festa que namorou

Foi o venres dia 3 do presente mes, catro meses após daquela festa, e logo de diversas conversas cando esta nova asociación cultural-musical que pretende concentrar os obxectivos aprobados en asemblea e reflectidos na súa acta de constitución na organización dun futuro festival de dúas xornadas, a primeira adicada á música tradicional e gastronomía, promoción de músicos e bandas noveis, promoción de espectáculos e xogos para nen@s. A segunda xornada estará adicada á promoción de bandas e autores novidosos, á diversidade musical, e a promover @s moit@s músicos cedeirenses de estilos contemporáneos que non teñen cabida na escena local actual. Tamén pretende promover as grandes bandas e autores galegos que nunca pasaron por Cedeira,que son lexión  e están a padecer os rigores destes tempos. Tamén a todos aqueles músicos de calquera lugar que teñan algo orixinal que ofrecernos e que sexan accesíbeis para a organización… e sempre co soño presente de evoluir até chegar co tempo a organizar un festival de calidade tanto pola oferta musical como polo trato a público e convidad@s. É obxectivo d@s “Discalz@s polo Festival” que este conte con zona acoutada para acampada, zona de xogos para nen@s e diversos servizos e polo tanto estase a estudar a súa futura  ubicación.

Este é o soño máis para alcanzalo é preciso tempo, traballo en equipa e esforzo voluntario, solvencia económica e moitos azos

Por esta razón e para ir facendo caixa e preparando a loxística do que hai de vir no futuro con certeza, @Discalz@s polo Festival” vai organizar a primeiros de Agosto, probablemente o dia 1, unha nova festa no parque do Floreal con formato similar ao da homenaxe da boa de Benigna e só como empuxe para o Festival/acampada que foi aprobado como obxectivo común a alcanzar.

A curiosidade do nome e pronuncia xurde do mote que os veciños de Cariño lle puxeron cariñosamente dende antano aos cedeirenses e que a asociación recolle como unha golpe de auto-estima no peito, tamén porque esa é a pretensión, a  de poder gozar xunt@s da festa e acampada descalz@s en liberdade.
Dende logo Cedeira é un pobo que adora a música, un pobo de grandes pezas musicais como “Non Sei” ou a “Marcha de Breixo, un pobo que leva dado grandes artistas recoñecidos como Guadi Galego ou Santiago Cribeiro, de moi boas formacións e bandas pasadas e presentes como Studebakers, Los Eternos, Los Garley, Os Tarraxe… de moi bos promotores musicas como Suso do Universal ou Fernando do Xarmolo e de moi interesantes iniciativas a recuperar como aquel marabilloso e emotivo “Volve á Vila” e outras que xa feneceron como o Festimal de excelente calidade musical.
Esta iniciativa pretende pois prestixiar a música e aos músicos, divertir e abrir un espazo inexistente hoxe en dia para visualizar, escoitar, gorentar e sentir en compaña e ao vivo unha oferta musical e un espectáculo orixinal inesquencíbel e crear a arañeira solidaria local que o faga posíbel.

Dende logo que é unha boa nova que tod@s aqueles que poidamos debemos apoiar e para facelo posíbel podes asociarte por unha cota de 20 euros anuais, tamén podes colaborar cos botes de recadación ou co “merchandising” que se poñerán a disposición d@s veciñ@s

Dende Ollaparo damos a benvida a esta asociación e alentamos a que esa arañeira de amizadese solidariedade a  prol da boa música se multiplique até ver ese soño realizado. Parabéns a “Discalz@s polo Festival” por dar luz a tan fermosa criatura… e mil primaveras tamén para eles.

Twitter:        @DiscalzosFest
Facebook:   Discalzos PoloFestival
Ao mellor tamén che interesa:

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off